Saltar ao contido

Éider real

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Éider real

Macho adulto
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Xénero: Somateria
Especie: Somateria spectabilis
(Linnaeus, 1758)

Sinonimia

Anas spectabilis Linnaeus, 1758

Macho e femia de éider real no seu hábitat natural en Alasca.
A rechamante cabeza do macho.
Éider real camiñando en Weltvogelpark Walsrode (Walsrode Bird Park)
Femia no Alaska Sea Life Center, Seward, Alasca
Ovos de Somateria spectabilis no MHNT

O éider real[2][3] (Somateria spectabilis) é un gran pato mariño que se reproduce ao longo das costas do Ártico do nordeste de Europa, Norteamérica e Asia. En Galicia é unha ave accidental.[3] Pasa a maior parte do ano en ecosistemas mariños costeiros nas latitudes altas e migra á tundra ártica para reproducirse en xuño e xullo. Pon de catro a sete ovos nun niño escarvado no chan forrado con herbas e penuxe.

Taxonomía e etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Carl Linnaeus describiu por primeira vez esta especie en 1758 na 10ª edición da súa obra Systema Naturae, asignándoa ao xénenro Anas, xunto co resto dos patos.[4] En 1819, William Elford Leach trasladouno xunto cos outros éideres grandes ao xénero Somateria, onde permanece desde entón.[5] Está moi estreitamente relacionado con outros membros do seu xénero, e pode hibridarse co éider común.[6] Malia ter unha área de distribución moi ampla, é unha especie monotípica (sen subespecies).[4]

O nome do xénero, Somateria, é unha combinación das palabras gregas sōma, 'corpo', e erion 'la', é dicir, 'corpo lanoso', facendo referencia ao famoso penuxe espeso e suave do éider.[7] O nome específico spectabilis é a palabra latina que significa 'rechamante', 'salientable' ou 'digno de verse', pola elegancia da plumaxe do macho adulto.[7] O nome común, éider real, equivale exactamente co seu nome islandés.[8] "Éider" (ou "eider"[9]) deriva en última instancia do islandés æður,'éider', á súa vez derivada do Nórdico antigo æthr.[10] Denomínase "real" porque a plumaxe do macho lembra a coroa e roupaxe dun rei.[7]

Descrición

[editar | editar a fonte]

É un pato grande, que mide de 50 a 70 cm de lonxitude cunha envergadura alar de 86 a 102 cm.[11] Os machos son, como media, máis pesados que as femias, cun peso medio de 1 668 kg nos machos e 1 56 kg nas femias.[12] A masa dun individuo pode variar considerablemente dunha estación a outra, desde só 0,9 kg ata 2,2 kg.[13] Como todos os éideres, a especie presenta dimorfismo sexual; o macho é lixeiramente meirande[14] e, en plumaxe reprodutora, é moito máis colorido que a femia.[13] O macho é inconfundible co seu corpo principalmente negro, peito branco con tons beixes e cabeza de múltiples cores. A cabeza, caluga e pescozo son grises azulados claros. A meixela é gris clara. O bico, que está separado da face por unha delgada liña negra, é vermello cunha punta branca e unha grande e distintiva protuberancia amarela. Algunhas terciarias están curvadas cara a arriba e forman unha especie de "esporóns" ao longo do dorso.[15]

A femia[16] é en conxunto de cor marrón cálido, lixeiramente máis claro na cabeza e no pescozo. As plumas nas súas partes superiores e flancos están marcadas con chevróns anegrados, mentres que os do seu pescozo e cabeza levan finas liñas negras. Ten unha mancha beixe na base do bico e un anel ocular beixe que se estende facendo unha banda curva cara a atrás detrás do ollo.[11] O bico da femia foi descrito como negro[17] ou gris, e as súas patas e pés son grises verdosos.[11]

Os exemplares novos son marróns agrisados. A finais do seu primeiro outono, os machos novos mudan nunha plumaxe máis escura, con peito e mitra brancos; tardan tres anos en adoptar a plumaxe completa de adulto.[11]

Hábitat e área de distribución

[editar | editar a fonte]

O éider real é unha especie circumpolar do Ártico.[18] Reprodúcese nas costas do Ártico de Alasca, Canadá, Groenlandia, Svalbard e Rusia, utilizando diversos hábitats de tundra.[11] Inverna nas áreas mariñas do ártico e subártico, principalmente no mar de Bering, a costa oeste de Groenlandia, leste do Canadá e norte de Noruega. As aves invernantes poden formar grandes bandadas en augas costeiras axeitadas, e algunhas delas constan de máis de 100 000 exemplares. Tamén aparece anualmente fronte ás costas do nordeste dos Estados Unidos, Escocia e Kamchatka.

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

As estratexias de alimentación do éider real cambian dependendo da estación. Durante a maior parte do ano, vive no mar, onde se mergulla para comer invertebrados bentónicos. Durante a estación reprodutora, a maior parte da súa busca de alimento realízaa en lagos e lagoas de auga doce, a onde fai incursións, alimentándose principalmente de pequenos invertebrados recollidos na superficie da auga.[19] Aliméntase de moluscos, crustáceos como cangrexos reais e ourizos de mar, estrelas de mar e anemones.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

A femia constrúe un niño escarvando no chan, xeralmente preto da auga. Fórrao con vexetación e penuxe do seu propio corpo. Pon de 2 a 7 ovos, que só ela choca durante 22 ou 23 días.[20] As crías cóidanas as femias colectivamente.[15]

Vocalización

[editar | editar a fonte]

A canción do macho é unha especie de arrolo de pomba trémulo transcrito como croo-croo-croo[21] ou hoo-hoo-hooo.[11] A femia fai diversos cacarexos baixos[11] e gruñidos.[21]

Lonxevidade

[editar | editar a fonte]

O éider real máis vello coñecido era unha femia que viviu polo menos 18 anos e 11 meses. Era unha ave que fora anelada cando era xa adulta ao sur de Gambell, Alasca en 1940, que foi cazada en 1958 en Utqiagvik, Alasca.[22]

Conservación e ameazas

[editar | editar a fonte]

Debido á súa gran poboación e vasta área de distribución, o éider real está considerado como "especie pouco preocupante" pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza.[1] O éider real é unha das especies ás que se aplica o Acordo sobre a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias Africano-euroasiático (AEWA).

Os ovos e crías de éider real teñen moitos predadores, como a gaivota hiperbórea, o corvo grande, a palleira parasita e o raposo ártico.[23]

  1. 1,0 1,1 "Somateria spectabilis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. 4,0 4,1 Carboneras (1992), p. 621.
  5. "ITIS Report: Somateria". Integrated Taxonomic Information System. Consultado o 13 de maio de 2015. 
  6. Trefry, Sarah A.; Dickson, D. Lynne; Hoover, Andrea K. (setembro de 2007). "A Common Eider X King Eider Hybrid Captured on the Kent Peninsula, Nunavut". Arctic 60 (3): 251–254. JSTOR 40512893. doi:10.14430/arctic217. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Sandrock, James; Prior, Jean C. (2014). The Scientific Nomenclature of Birds in the Upper Midwest. Iowa Press, IA, US: University of Iowa Press. p. 134. ISBN 978-1-60938-225-4. 
  8. Smith, Alfred Charles (1887). The Birds of Wiltshire. Londres, Reino Unido: R. H. Porter. p. 485. 
  9. Definición de eider no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  10. "Eider". Merriam-Webster. Consultado o 13 de maio de 2015. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 11,6 Ogilvie, Malcolm A.; Young, Steve (1998). Wildfowl of the World. Londres, Reino Unido: New Holland Publishers. p. 150. ISBN 978-1-84330-328-2. 
  12. Dunning Jr., John B. (2008). CRC Handbook of Avian Body Masses (2nd ed.). Boca Raton, FL, US: CRC Press. p. 45. ISBN 978-1-4200-6444-5. 
  13. 13,0 13,1 Gavrilo, Maria (2005). "King Eider". En Nuttall, Mark. Encyclopedia of the Arctic. New York, NY, US: Routledge. p. 1088. ISBN 978-1-57958-436-8. 
  14. Madge, Steve (1988). Wildfowl. Londres, Reino Unido: Christopher Helm. pp. 262–263. ISBN 978-1-4081-3762-8. 
  15. 15,0 15,1 Godfrey, W. Earl (1966). The Birds of Canada. Ottawa: National Museum of Canada. p. 77. 
  16. Gordon, Seton Paul (1922). Amid Snowy Wastes: Wild Life on the Spitsbergen Archipelago. Londres, Reino Unido: Cassell & Company. p. 90. LCCN 23008883. 
  17. Dunne, Pete (2006). Pete Dunne's Essential Field Guide Companion. New York, NY, US: Houghton Mifflin. p. 68. ISBN 978-0-618-23648-0. 
  18. Newton, Ian (2003). The Speciation and Biogeography of Birds. Londres, Reino Unido: Academic Press. p. 305. ISBN 978-0-12-517375-9. 
  19. Oppel, Steffen; Powell, Abby N.; Butler, Malcolm G. (2011). "King Eider Foraging Effort During the Pre-Breeding Period in Alaska". The Condor 113 (1): 52–60. JSTOR 10.1525/cond.2011.100077. doi:10.1525/cond.2011.100077. 
  20. "All About Birds: King Eider Life History". Cornell Lab of Ornithology. Consultado o 25 de maio de 2015. 
  21. 21,0 21,1 Kear, Janet, ed. (2005). Ducks, Geese and Swans. Oxford, UK: Oxford University Press. p. 698. ISBN 978-0-19-861009-0. 
  22. Clapp, Roger B.; Klimkiewicz, M. Kathleen; Kennard, John H. (Spring 1982). "Longevity Records of North American Birds: Gavidae through Alcidae" (PDF). Journal of Field Ornithology 53 (2): 81–124. JSTOR 4512701. 
  23. Phillips, Laura M.; Powell, Abby N. (xuño de 2009). "Brood Rearing Ecology of King Eiders on the North Slope of Alaska". The Wilson Journal of Ornithology 121 (2): 430–434. JSTOR 20616919. doi:10.1676/08-125.1. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
Obras citadas
Identificación e crecemento

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]