Bacalada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bacalada
Merlangius merlangus

Merlangius merlangus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Paracanthopterygii
Orde: Gadiformes
Familia: Gadidae
Xénero: Merlangius
Geoffroy, 1767
Especie: M. merlangus
Nome binomial
Merlangius merlangus
(Linnaeus, 1758)
Distrinución do merlán
Distrinución do merlán

Distrinución do merlán
Sinonimia
  • Véxase o texto

A bacalada[1][2][3], Merlangius merlangus, (Linnaeus, 1758), tamén coñecido como corbelo [4], sarreta [5][6] ou merlán, é un peixe osteíctio da orde dos gadiformes e familia dos gádidos, única especie do xénero Merlangius.[7][8]

A primeira descrición da especie foi feita por Linneo en 1758 en: Linnaeus, C. (1758): Systema Naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Editio decima, reformata. Laurentius Salvius: Holmiae. ii, 824 pp.Ver en liña.

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Referencia:[9]

  • Gadus euxinus Nordmann, 1840 (sinónimo)
  • Gadus merlangus Linnaeus, 1758 (basónimo)
  • Gadus merlangus euxinus Nordmann, 1840
  • Gadus merlangus merlangus Linnaeus, 1758
  • Merlangius merlangius (Linnaeus, 1758) (nome incorrecto gramaticalmente)
  • Merlangius merlangus euxinus (Nordmann, 1840)
  • Merlangius merlangus merlangus (Linnaeus, 1758)
  • Merlangus linnei Malm, 1877
  • Merlangus merlangus (Linnaeus, 1758) (incorrecto)
  • Merlangus merlangus euxinus (Nordmann, 1840) (incorrecto)
  • Merlangus vulgaris Fleming, 1828
  • Odontogadus merlangus (Linnaeus, 1758) (sinónimo)
  • Odontogadus merlangus euxinus (Nordmann, 1840)
  • Odontogadus merlangus merlangus (Linnaeus, 1758)

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Merlán de 2,5 kg.

O corpo é alongado e a cor variable, co dorso de cor castaña amarelenta, azul escura ou verde escura, cos laterais gris amarelados e o ventre branco prateado, cunha mancha escura por riba da base da aleta pectoral.[3] Os individuos novos presentan barbas na mandíbula inferior, moi pequenas, pero estas desaparecen totalmente ó alcanzar a madurez sexual.[10]

Ten tres aletas dorsais, separadas entre si por pequenos espazos, e dúas anais, a primeira longa, desde a altura da segunda dorsal ata a rexión perianal,[3]

A lonxitude máxima descrita para esta especie é de 75 cm, cun peso duns 3 kg, alcanzando ata uns 20 anos de idade,[10] aínda que o tamaño común é duns de 30 a 40 cm.[3]

Hábitat e bioloxía[editar | editar a fonte]

É unha especie propia de augas temperadas, común nas costas de case toda Europa, desde o norte de Escandinavia e Islandia ata o cabo da Roca (Portugal), e do Mediterráneo, especialmente nos mares Adriático, Exeo e Negro.[10]

Trátase dunha especie bentopeláxica e oceanódroma.[11] Migra a mar aberto despois do primeiro ano de vida, agrupándose en grandes bancos.

Habita en augas de profundidades de entre 10 e 200 m, normalmente entre os 30 e os 100 m, cerca do fondo.[10] Normalmente vive pousado sobre a grava do fondo mariño, pero tamén sobre area e rochas.

Merlanguius merlangus nun acuario.

Aliméntase de pequenos crustáceos, como camaróns abisais, moluscos, pequenos peixes (crías de arenques, sardiñas, bacallaus, burros, e outros merláns máis pequenos), vermes poliquetos e cefalópodos.[10]

Alcanza a madurez sexual entre os 2 e os 4 anos de idade, cando mide uns 30 cm de lonxitude. A época da reprodución é a principios da primavera en case toda a súa área de distribución, en fondos de 30 a 100 m de profundidade. As femias producen entre 100 000 e un millón de ovos, segundo o seu tamaño. As crías adoitan vivir baixo a umbela dunha medusa, posiblemente para buscar protección. Durante o período peláxico da súa vida as correntes mariñas os dispersa amplamente, e non se desprazan cara ó fondo ata máis tarde, cando miden de 5 a 10 cm.[10]

Interese pesqueiro[editar | editar a fonte]

Merláns no porto de Samsun (Turquía), na costa do mar Negro.

O merlán captúrase tradicionalmente para a alimentación humana, en fresco, en seco ou salgado (tamén se comercializa en filetes conxelados)[10]. Ademais, críase para acuariofilia, manténdose ben nos acuarios.

No norte de Europa, ademais, os individuos de pequeno tamaño procésanse para obter fariña de peixe para pensos e aceite de peixe. As capturas europeas anuais oscilan entre as 50 000 e as 150 000 t.[10]

En Galicia[editar | editar a fonte]

As capturas en Galicia son escasas, e oscilaron nos últimos anos entre os 9.227 kg (2010) e 46.221 kg (2008), alcanzando os 44.376 kg en 2012, segundo datos do Portal Tecnolóxico da Pesca Pesca de Galicia.com.[12]

Nas nosas augas a súa presenza foi citada por primeira vez por Cornide en 1778, co nome "prelinneano" de Gadus merlangus tripterygius, imberbis, albus, maxîlla superiore longiore,[5] que se corresponde con Gadus merlangus (Linnaeus, 1758), e co galego de sarreta, de Buen (1935), citado como Gadus merlangus, igual que Steindachner en Lozano y Rey (1960), que o recolle en Vigo, e o propio Lozano y Rey (1960), en Marín.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dicionario de Alimentación e restauración. Manuel González González (coord). Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2012, px. 45.
  2. Rodríguez Solórzano et al. (1983), p. 83.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Rodíguez Villanueva et al. (1995), pp. 170-171.
  4. Lahuerta e Vázquez (2000), pp. 90-91.
  5. 5,0 5,1 Cornide, Joseph (1778), pp. 14-15.
  6. Ríos Panisse (1977), p. 395 (citado como Gadus merlangus (L.)
  7. Cohen et al. (1990)
  8. Merlangius Garsault, 1764 en WoRMS. (en inglés)
  9. WoRMS.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 10,6 10,7 Muus, Bent J. (1998), p. 128.
  11. Propia do fondo do mar e migratoria só en augas salgadas.
  12. Pesca de Galicia.
  13. Solórzano et al. (1988), p. 27.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cohen, D., Inada, T., Iwamoto, T. & Scialabba, N. (1990): Gadiform Fishes of the World (Order Gadiformes). An annotated and illustrated catalogue of cods, hakes, grenadiers and other gadiform fishes known to date. FAO: FAO Fisheries Synopsis,125, volume 10, pp. 77–81.
  • Cornide, Joseph (1778): Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo con un tratado de las diversas pescas y de las redes y aparejos con que se practican. Ver en liña.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]