Arcobotante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arcobotante da abadía de Bath

Un arcobotante é un elemento estrutural arquitectónico exterior con forma de medio arco que recolle a presión no arranque da bóveda e transmítea a un contraforte, ou estribo, encostado ao muro dunha nave lateral. É un elemento construtivo distintivo da arquitectura gótica, xunto co arco apuntado e a bóveda de crucería.

Características[editar | editar a fonte]

Como arco exterior de descarga adoita estar en posición inclinada; é, xa que logo, un arco por tranquil, xa que ten os arranques a distinta altura. O arcobotante forma parte da estrutura gótica, pero só se aprecia desde o exterior. A parte inferior apóiase nun estribo, contraforte, ou botarel; e a parte superior serve de sostén, xeralmente, a unha bóveda de crucería. Un pináculo coroa o estribo, decorándoo, denominado agulla cando é moi elevado.

Historia[editar | editar a fonte]

Utilizouse por primeira vez en 1180 na construción da nave central de Nosa Señora de París, para reforzar a súa bóveda de oxivas. Mediante este sistema conseguiuse transmitir as presións desde o arranque das bóvedas altas ata os contrafortes do exterior, permitindo abrir maiores vans nos muros da nave central. Co arco apuntado, grazas a súa verticalidade, permitiu elevar a altura do edificio.

Este sistema substituíu os estribos utilizados no románico para contrarrestar os pulos laterais da bóveda. Ao liberarse o muro da función de contraforte, puidéronse facer máis altos e esveltos, propiciando a entrada de luz a través dos vitrais.

Máis tarde e coa fin de evitar o desprazamento dos contrafortes polo pulo dos arcobotantes e, á súa vez, contribuír ao efecto ascendente da arquitectura gótica, coroóuselles cun pináculo ou alicerce terminado en forma apiramidada na súa parte superior, ou chapitel. O arcobotante tamén é usado para conducir ao exterior a auga de choiva das cubertas, adornándose estes desaugadoiros habitualmente con figuras grotescas, as cales reciben o nome de gárgolas

Galería[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]