Xosé Miguélez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1972 (51/52 anos) Ourense, España |
Educación | Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (pt) Guildhall School of Music and Drama (en) Real Banda de Gaitas |
Actividade | |
Ocupación | saxofonista, profesor de música, gaiteiro |
Premios | |
Páxina web | xosemiguelez.com |
Xosé Luís Miguélez Saínza, nado en Ourense en 1972, é un saxofonista e profesor de conservatorio galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como moitos mozos e mozas do tempo, Miguélez comezou na música de cativo, aprendendo gaita na Escola de Gaitas da Deputación de Ourense, que dirixía inicialmente Manolo Brañas, e despois na Real Banda de Gaitas da Deputación, que dirixía Xosé Lois Foxo. Logo de abandonar a disciplina da Real Banda, en 1990[1], seguiu tocando a gaita como músico tradicional e dando clases dela, principalmente a nenos e nenas[1]. Foi a primeira persoa en conseguir o título superior de conservatorio de gaita en Galicia[2]. Tamén toca a frauta travesa, o piano e a batería[2].
Logo do contacto en 1997 con Alberto Conde interesouse polo jazz: no grupo de Conde tocaba frauta e gaita. Marchou estudar jazz na Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo do Porto e despois fixo un máster na Guildhall School of Music and Drama en Londres[3]. Logo continuou recibindo clases, por videoconferencia, con intérpretes estadounidenses como Chris Cheek, Ethan Iverson (piano) ou Matt Otto, que foi produtor do seu primeiro disco, Ontology[3]. As melodías de Ontology parten da idea de catro notas que recolleu nunha cantiga popular Dorothé Schubarth en Cercedelo (Laza).
O seu segundo disco, Contradictio, arrancou en 2019, cando montou un cuarteto a canda Jean-Michel Pilc: despois de dous concertos, e cando ían comezar a gravar, a epidemia de covid-19 fixo deter os proxectos de gravación co grupo ata outono de 2022.
Tamén ten tocado no XMA Trío, con Xacobe Martínez Antelo, no quinteto de Mário Santos ou na orquestra de jazz Imaxina Sons. En 2023 tocou co gallo da entrega dos premios Princesa de Asturias para o afeccionado ao jazz Haruki Murakami[4].
Ademais, desde o ano 2002[1] é profesor de música tradicional galega[5] e, posteriormente, tamén de iniciación ao jazz no Conservatorio Profesional de Vigo.
Discografía
[editar | editar a fonte]- Ontology (Origin Records, 2019), premio Martín Códax da Música, na categoría de jazz e músicas improvisadas. Coa participación de Matt Otto (saxofón tenor), Storm Nilson (guitarra), Ben Leifer (baixo acústico e eléctrico), John Kizilarmut (batería e caixón flamenco) e Peter Schlamb (vibráfono).
- Contradictio (Origin Records, 2022), con Jean-Michel Pilc (piano), Carlos Barretto (contrabaixo) e Marcos Cavaleiro (batería).
Premios
[editar | editar a fonte]- Premio Martín Códax da Música, jazz e músicas improvisadas (2019), por Ontology.
- Premio Martín Códax da Música, jazz e músicas improvisadas (2022), por Contradictio.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Fraiz, Javier (2020-02-13). "O gaiteiro e saxofonista que fixo un disco de jazz coa cantiga da tía avoa". Faro de Vigo. Consultado o 2023-10-20.
- ↑ 2,0 2,1 Rodríguez Lago, Noelia (2007). "En clave de Folk. Entrevista a Xosé Luís Miguélez" (PDF). Consultado o 20/10/2023.
- ↑ 3,0 3,1 De Juana, Rudy. "Xosé Miguélez: «Hacer un segundo buen disco siempre es más complicado que el primero»". Caravan. Consultado o 20/10/023.
- ↑ R, X M (2023-10-20). "O ourensán que tocou nun concerto privado para Murakami: «Foi unha das mellores experiencias da miña vida»". La Voz de Galicia. Consultado o 2023-10-20.
- ↑ Leyenda, Alberto. "Xose Miguélez, catro notas e un saxo para unir Laza e Kansas". mas.farodevigo.es. Consultado o 2023-10-20.