Xornadas da Cultura Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As Xornadas da Cultura Galega foron unha serie de coloquios e conferencias celebradas no Porto (Portugal) entre o 19 e o 22 de xuño de 1975. Durante o seu discurso producíronse numerosas mostras literarias e culturais referentes a Galiza. As Xornadas foron impulsadas pola Unión do Povo Galego. Margarita Ledo, lectora de galego da Facultade de Letras daquela cidade durante ese ano e o seguinte, foi a encargada da súa organización.

Descrición[editar | editar a fonte]

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

A realización das I Xornadas de Cultura Galega no Porto tivo lugar tan só un ano despois da Revolución dos Cravos (1974), que terminou coa ditadura salazarista (tamén coñecida como o Estado Novo) que gobernou Portugal dende 1933. É ilustrativo o feito de que tan só un mes antes, o 1 de maio de 1975, nacía o Sindicato Obreiro Galego (SOG), como produto de integrar as entidades sindicais que se artellaban arredor de distintos voceiros locais na Galiza.

Tras as Xornadas, no verán de 1975, o Partido Socialista e o Partido Social Demócrata portugueses saíron do cuarto goberno provisional, dirixido polo militar Vasco Gonçalves, do Movimento das Forças Armadas, ao que acusaban de non respectar a democracia e querer impoñer un réxime socialista, e que finalmente tivo que dimitir tras o triunfo da facción máis socialista do movemento.

Un dos motivos polo que as Xornadas se realizaron en Portugal e non en Galiza foi a situación ditatorial do franquismo, que gobernou en España dente 1936 ata novembro de 1975, cando rematou tras a morte do ditador Francisco Franco. Esta ditadura foi a que levou a Margarita Ledo e a moitos outros galegos a e exiliarse en Portugal.

Acontecementos[editar | editar a fonte]

As Xornadas contaron cunha axuda económica da Fundación Calouste Gulbenkian e co apoio da Cooperativa Árvore -onde se desenvolveron dúas sesións- e do programa de Dinamização Cultural do Movimento das Forças Armadas (MFA), grazas ao que foi posible proxectar o filme Universidad Comprometida do cineasta galego exiliado en México, Carlos Velo.

Na organización participaron, xunto con Margarita, un grupo de alumnas de lingua e cultura galega. Os actos centrais tiveron lugar no salón de actos da Facultade de Letras. Durante as xornadas tivo lugar, asemade, unha exposición de libro galego, con fondos proporcionados por diversas editoriais (Ediciós do Castro, Editorial Castrelos, Galaxia…) e un préstamo importante da Livraría Académica de Porto.

Entre os participantes atopábanse dúas xeracións de intelectuais ligados ao galeguismo, con presenza de personalidades destacadas coma o profesor Rodrigues Lapa (exiliado no Brasil dende 1957 ata o 25 de abril de 1974, tras a caída do Estado Novo) e o profesor Prado Coelho; ademais dalgúns do grupo de Coímbra, que anos antes fora responsábel da posta en escena da obra Castelao e a súa época, baixo a dirección de Ricard Salvat. Deste grupo de Coimbra participara Anival Almeida, máis tarde profesor catedrático nesta Universidade.

As Xornadas pecháronse cun concerto de membros do chamado Movemento popular da canción galega, formado por coñecidos músicos galegos como Xurxo Mares ou Antón Seoane. Cos fondos restantes foi posíbel publicar nas Edições Afrontamento a obra do profesor López-Suevos, quen tamén interveu nas Xornadas, Para uma visão crítica da economia galega. A tradución ao portugués deste libro foi obra do poeta e xornalista Manuel António Pina, gañador do Premio Camões en 2011.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]