Xenserico
Nome orixinal | (la) Geisericus |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 389 (Gregoriano) Lago Balaton, Hungría |
Morte | 477 (Gregoriano) (87/88 anos) Cartago, Tunisia |
Rei dos vándalos | |
435 – 477 – Hunerico → | |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Familia | |
Familia | Asdingos |
Fillos | Hunerico, Theoderich, Xento |
Pai | Godexisilo |
Irmáns | Gunderico |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Encyclopædia Britannica |
Xenserico, nado cara ao 389 e finado o 25 de xaneiro de 477, foi o rei dos vándalos e alanos entre 428 e 477. Foi peza clave nos conflitos arrostrados no século V polo Imperio Romano de Occidente, e durante os seus case cincuenta anos de reinado elevou unha tribo xermánica relativamente insignificante á categoría de potencia mediterránea.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo ilexítimo do rei vándalo Godexisilo, suponse que naceu nas inmediacións do lago Balatón en torno ao ano 389. Foi escollido rei en 428 á morte do seu medio irmán Gunderico. Brillante e moi versado na arte militar, buscou de contado o modo de aumentar o poder e a prosperidade do seu pobo, que residía por aquel entón na Hispania Bética e que sufrira os ataques dos máis numerosos visigodos. Así, pouco despois de acceder ao trono, Xenserico decidiu ceder Hispania aos seus rivais, empregando para iso a poderosa frota creada baixo o reinado do seu predecesor.
Aproveitando as disputas coa metrópole de Bonifacio, gobernador romano de África do Norte, 80.000 vándalos -15.000 deles homes de armas - cruzaron o estreito na primavera de 429, partindo de Tarifa e desembarcando en Ceuta. Tras varias vitorias sobre uns defensores romanos febles e divididos, fixéronse co control dun territorio que comprendía o actual Marrocos e o norte de Alxeria, poñendo baixo asedio a cidade de Hipona, que tomarían ao cabo de catorce meses de duros combates. Ao ano seguinte, o emperador Valentiniano III tivo que recoñecer a Xenserico como soberano de todos estes territorios.
No 435 Xenserico chega a un acordo co Imperio Romano polo que o reino vándalo pasa a ser foederatus de Roma coa concesión de Numidia. Non obstante, en 439 Xenserico toma -disque sen loita- a cidade de Cartago, capturando a frota imperial alí atracada. Con este movemento fai aos vándalos donos do Mediterráneo Occidental, apoderándose a continuación de bases marítimas de gran valor estratéxico e comercial: as Illas Baleares, Córsega, Sicilia e Sardeña. Roma, privada dunha das maiores zonas de produción cerealística do vello mundo, terá que comprar no sucesivo o gran do norte de África para o seu propio aprovisionamento.
No 455, o emperador romano Valentiniano III é asasinado, sucedéndoo Petronio Máximo. Xenserico, considerando roto o tratado de paz firmado con Valentiniano no 442, desembarca en Italia e marcha sobre Roma, cuxa poboación rebélase contra o novo emperador e dálle morte tres días antes de que, o 22 de abril de 455, os vándalos tomen sen resistencia a cidade. O saqueo subseguinte non producirá unha destrución notábel, se ben os vándalos farán provisión de gran cantidade de ouro, prata e obxectos de valor. Xenserico levará consigo a Cartago como refén a Licinia Eudoxia, viúva de Valentiniano, e ás súas dúas fillas, Placidia e Eudoxia, que contraería despois matrimonio co seu fillo e sucesor Hunerico.
En 468, o reino de Xenserico tivo que se enfrontar ao último esforzo militar conxunto das dúas metades do Imperio Romano. Non obstante, o rei vándalo logra derrotar, fronte ao cabo Bon, a unha poderosa frota dirixida polo que logo sería emperador bizantino Basilisco. No verán do 474 asinará a paz perpetua con Constantinopla, pola que Bizancio recoñecerá a soberanía vándala sobre as provincias norteafricanas, Baleares, Sicilia, Córsega e Sardeña.
Na súa política interna, Xenserico tolerou o catolicismo, se ben esixiu a conversión á doutrina ariana dos seus conselleiros máis próximos e procedeu a numerosas confiscacións de bens da Igrexa católica, que se convertería así nunha poderosa forza opositora á monarquía vándala. Debilitou en forma sanguenta á nobreza tradicional vándalo-alana, substituíndoa por unha corte adicta á súa propia familia e alixeirou a presión fiscal sobre a poboación a custa das familias ricas de orixe romana e do clero católico.
Xenserico morreu o 25 de xaneiro de 477, sendo sucedido polo seu fillo Hunerico.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xenserico |
Reino dos vándalos | ||
---|---|---|
Segue a: Gunderico |
Xenserico | Precede a: Hunerico |