Vista de Delft representa unha parte da cidade que foi o berce de Vermeer, baixo a perspectiva do vedutismo; unha pintura moi detallada dunha paisaxeurbana. Xunto con A canella, trátase da única paisaxe da obra do pintor e é a única representación dun vasto espazo.[2] A representación de Delft realízase desde a cara sur, ollando cara ao norte, desde a outra beira do porto fluvial. Pódese ver en primeiro plano a canle, enmarcada polas portas de Schiedam (á esquerda) e Rotterdam (á dereita), así como a Igrexa Nova (Nieuwe Kerk) protestante iluminada no fondo polos raios do Sol[3]. Esta igrexa non ten campás, o que permite a súa datación, xa que se coñece que foron colocadas de maio de 1660. Pódese recoñecer tamén a torre cónica dunha cervexaría desaparecida posteriormente.[4]
Marcel Proust cualificou Vista de Delft nunha carta ao seu amigo Jean-Louis Vaudoyer como "a pintura máis fermosa do mundo". Describe o cadro no quinto volume da súa novela À la recherche du temps perdu ("Na procura do tempo perdido"), despois de descubrilo no museo de Jeu de Paume, en París, en 1921. Faino nestes termos:[5]
Decatouse por primeira vez dos pequenos personaxes en azul, de que a area era rosa e, finalmente, da preciosa materia do pequeno lenzo amarelo. O seu atordamento aumentaba; fixou a súa ollada, coma un neno, nunha bolboreta amarela que quixo coller, no precioso lenzo. "É así como debería describilo, dixo. Os meus últimos libros son demasiado secos; sería necesario pasar varias capas de cor, tornar a miña linguaxe precionsa en si mesma, coma este pequeno lenzo amarelo".