Saltar ao contido

Vibrionáceas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Vibrionaceae»)

As Vibrionáceas ou Vibrionaceae son unha familia do filo Proteobacteria, e única familia da orde Vibrionales. Habitan as augas doces e salgadas, hai varias especies patóxenas, como Vibrio cholerae, causante do cólera. A maioría das bacterias bioluminescentes pertence a esta familia, e son xeralmente simbiontes de animais do mar profundo.[1]

As Vibrionaceae son organismos gramnegativos e anaerobios facultativos, con capacidade de fermentación. Conteñen oxidase e presentan un ou máis flaxelos, que son xeralmente polares. Orixinalmente, estas eran as características que definían a familia, que foi dividida en catro xéneros. Deses catro, dous, Vibrio e Photobacterium, seguen manténdose no grupo moderno, ao cal se engadiron despois outros varios xéneros máis. Polo contrario, os estudos xenéticos mostraron que os outros dous xéneros orixinais da familia, Aeromonas e Plesiomonas, pertencían a outras familias. A familia Vibrionaceae actualmente comprende oito xéneros validamente publicados, que son: Aliivibrio,[2] Catenococcus, Enterovibrio, Grimontia, Listonella, Photobacterium, Salinivibrio, e Vibrio; aínda que o status de Listonella foi cuestionado.

Algúns membros desta familia tamén sintetizan a tetrodotoxina (TTX), un alcaloide mariño e poderosa neurotoxina (inhibe a bomba de Na+, e 1 mg pode matar a un home adulto). Viven en simbiose cos peixes da orde dos Tetraodontiformes, ao que pertence ao fugu, que adquiren así a toxina. Moitas outras vibrionáceas viven en simbiose con organismos mariños.[3] No caso do peixe fugu, e outros organismos mariños que levan bacterias vibrionáceas produtoras de TTX, a simbiose é moi antiga, e proporciona aos organismos que albergan a estas bacterias protección contra a predación, mentres que as bacterias atopan neles un medio protexido e con moitos nutrientes onde crecer.

Patoloxía

[editar | editar a fonte]

Unha característica da familia é o amplo rango de hóspedes susceptibles de ser infectados polos vibrios. Son patóxenos do home, ademais de V. cholerae, as especies V. parahemolyticus, que causa gastroenterite, e V. vulnificus que pode orixinar unha septicemia aguda e mortal. Outras especies de Vibrionaceae están asociadas con enfermidades nunha ampla variedade de peixes, e unha das máis salientables é a septicemia causada por Vibrio anguillarum en salmónidos do Atlántico criados en catividade e troitas arco da vella.[4] Especies como V. tubiashii causan enfermidades en estadios larvarios da ostra do Pacífico (Crassostrea gigas), e V. harveyi causa a vibriose luminosa en crustáceos peneidos (gambas). Pola súa parte, V. mediterranei e V. coralliilyticus poden infectar zooxantelas, os simbiontes do coral; estas especies de Vibrio crese que poden ser unha das causas do blanqueamento do coral.[5][6]

  1. Madigan, Michael; Martinko, John (editors) (2005). Brock Biology of Microorganisms (11th ed.). Prentice Hall. ISBN 0-13-144329-1. 
  2. Urbanczyk H, Ast J, Higgins M, Carson J, Dunlap P (2007). "Reclassification of Vibrio fischeri, Vibrio logei, Vibrio salmonicida and Vibrio wodanis as Aliivibrio fischeri gen. nov., comb. nov., Aliivibrio logei comb. nov., Aliivibrio salmonicida comb. nov. and Aliivibrio wodanis comb. nov". International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology 57 (12): 2823–2829. PMID 18048732. doi:10.1099/ijs.0.65081-0. 
  3. Johnson J (2002-01-05). "Tetrodotoxin". Molecule of the Month. Consultado o 2008-10-07. 
  4. Thompson, Fabiano; Austin, Brian; Jean Swings (editors) (2006). The Biology of Vibrios (1st ed.). American Society for Microbiology. ISBN 978-1-55581-365-9. 
  5. Ben-Haim, Y, Zicherman-Keren, M & Rosenberg, E (2004). "Temperature-Regulated Bleaching and Lysis of the Coral Pocillopora damicornis by the Novel Pathogen Vibrio coralliilyticus". Applied & Environmental Microbiology 69 (7): 4236–4242. PMC 165124. PMID 12839805. doi:10.1128/AEM.69.7.4236-4242.2003. 
  6. Rosenberg, Eugene; Loya, Yossi (2004). Coral Health and Disease (1st ed.). Springer. ISBN 3-540-20772-4.