Uxío Souto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaUxío Souto
Biografía
Nacemento9 de xullo de 1905 Editar o valor em Wikidata
Xinzo, España Editar o valor em Wikidata
Morte28 de novembro de 1990 Editar o valor em Wikidata (85 anos)
México Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor , debuxante Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Galiciana: 27917

Uxío Souto Campos, nado en Xinzo (Cuntis) o 9 de xullo de 1905 e finado en México o 28 de novembro de 1990, foi un escultor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Desde ben novo tivo vocación e maña para a escultura. Os seus primeiros anos escolares pasounos en Cuntis, até que aos catorce anos, debido á insistencia do seu profesor que apreciou o talento do alumno, os pais decidiron envialo a Santiago de Compostela, onde combinaba o traballo como aprendiz no obradoiro de José Rivas Rodríguez coa asistencia a clases na Escola de Artes e Oficios. O xornalista de Cuntis Xoán Xesús González, correspondente de El Pueblo Gallego en Compostela informou, na súa sección "Ecos Compostelanos", dos premios outorgados no curso 1923-1924 aos alumnos da escola; entre eles figura premiado na materia de Modelaxe e Baleirado o artista. Do obradoiro de Rivas pasou ao de Figueiras e Carballido, dous discípulos do primeiro que se independizaron e levaron con eles ao de Cuntis. Alí traballou como empregado de primeira até que cumpriu os vinte e un anos e tivo que ir ao servizo militar.

Con vinte anos encargáronlle realizar unha imaxe da Virxe do Carme para homenaxear a Antonio Redondo, párroco de Santa Cruz de Lamas (Moraña). Como non tiñan moita confianza en que a obra fora executada por un rapaz tan novo, o pai do escultor tivo que facerse responsable de que esta fose a bo termo, pois o valor da madeira era alto. O traballo realizouno Uxío nun local en Cuntis, na praza do Ferrol, por aqueles anos chamada praza de Lepanto. A razón foi que desta maneira estaba traballando á vista de moita xente que podía certificar que o traballo levaba bo ritmo.

En 1927 conseguiu unha pensión artística ao acadar o primeiro posto na sección de escultura das probas selectivas da Deputación Provincial de Pontevedra e ano tras ano fóiselle renovando por un máximo de tres que establecían as bases. Grazas a esta bolsa puido matricularse na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando, en Madrid. A súa estancia en Madrid permitiulle participar en numerosas mostras, como a de Arte Galega que organizou en 1928 o xornal El Heraldo de Madrid, no Círculo de Bellas Artes, no Museo de Arte Moderna e mesmo en exposicións colectivas en París. Tamén obtivo un premio convocado por concurso polo Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes para desenvolver unha investigación sobre a escultura española. A Deputación Provincial, unha vez que o artista deixou de ser bolseiro, outorgoulle unha bolsa de viaxe que lle permitiu ampliar estudos no estranxeiro durante o curso 1930-1931.

Souto aproveitou intensamente todas as oportunidades formativas que se lle brindaron, ao tempo que desenvolveu unha actividade artística moi intensa. Nestes anos ademais conseguiu sacar adiante a carreira de Profesor de Debuxo e, comezar así o seu labor docente en 1933 en Mieres (Asturias) para moi pronto conseguir achegarse a Galiza e máis concretamente á súa vila natal ao acadar a praza de profesor de debuxo no instituto da Estrada en 1934,[1] onde permaneceu até 1936. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi suspendido de emprego e soldo en novembro.[2] Pasou a territorio leal e en 1937 conseguiu volver a exercer a docencia en terras catalás, que aínda non foran tomadas polos franquistas, no instituto de Igualada (Barcelona), e unicamente por un ano.

Unha vez rematada a guerra, a Uxío Souto non lle quedou outra saída prudente, dada a súa ideoloxía, que a de fuxir a Francia. Cruza os Pireneos e permaneceu nun campo de refuxiados. Da pegada que deixou nel e na súa obra a estancia no campo de refuxiados e da penosa situación na que se topaban deixou boa mostra nos debuxos que se conservan. Finalmente puido pasar a México, arribando a Veracruz no buque Mexique o 27 de xullo de 1939.[3] En México fundou xunto a outros exiliados a Alianza Nazonal Galega en 1943, da que foi vicesecretario de relacións. Tamén foi ilustrador da revista Saudade e profesor de debuxo no Instituto Hispano-Mexicano Ruiz de Alarcón dirixido por Pedro Martul Rey.

Neste país o artista sufriu unha profunda transformación. Afastado da terra e dos amigos debe comezar unha nova vida. Casou con María Aliseda Olivares, outra refuxiada que chegou a México cos seus pais desde Don Benito (Badaxoz) e o matrimonio tivo dous fillos.

Obra[editar | editar a fonte]

Dedicouse de forma predominante á escultura, ampliando o tipo de materiais que empregaba, así como as técnicas e a temática da súa obra. Como sinala Fernando Martínez Vilanova: Afortunadamente o artista novamente puido adicarse ao ensino neste país, actividade que era o piar da súa economía. Ao pouco de retirarse, e unha vez que Souto decidira dedicarse por completo á creación, unha grave enfermidade impediullo. Finamente o 28 de novembro de 1990 Uxío Souto morreu en México, se ben antes de morrer puido cumprir un dos seus máximos desexos: volver a Galiza. Fíxoo en varias ocasións, mais o recoñecemento ao seu labor creativo chegou uns anos despois, da man do Museo de Pontevedra, que en 1993 organizou unha exposición antolóxica dedicada a Uxío Souto.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Ideal Gallego, 19-10-1934, p. 12
  2. BOP Lugo, 11-11-1936, p. 2.
  3. Ficha en Departamento de Migración de México.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ferreiro Couso, Manuela; Pazos Touriño, Belén (2003). "Uxío Souto ou a conciencia do propio". A Taboada (VII). 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]