Usuario:Piquito/Portal:Galicia/Artigo destacado/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou todo o noroeste da Península ibérica, converténdose nun dos territorios máis importantes da Europa occidental. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.

Consolidada Compostela como capital do reino desde o século XI, a separación de Portugal (1128) e a individualización dos reinos de Castela e León tras o ano 1065, delimitaron o seu territorio practicamente ó actual. Mantivo unha soberanía política plena —compartindo rei co reino de León— ata o ano 1230 cando o rei castelán Fernando III usurpou o trono poñendo temporalmente o reino baixo control da Coroa de Castela.

Os conflitos sucesorios e as tentativas de independencia mediante entronizacións de reis non casteláns como Xoán de Borgoña (1296), Fernando I de Portugal (1369) ou Xoán de Gante (1386) permitíronlle gozar de soberanía fáctica ata que en 1486 os Reis Católicos someteron o reino polas armas. Desde entón o reino estivo subxugado á Coroa de Castela (1486-1715) e posteriormente á Coroa de España (1715-1833), adquirindo a súa Xunta Suprema (1808-1812) amplísima liberdade ó ser o único reino peninsular libre de ocupación napoleónica, pouco antes de ser disolto por María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias en 1833.