Universidade de Leiden
Universidade de Leiden Universiteit Leiden | |
---|---|
Datos xerais | |
Localización | Leiden e A Haia, Países Baixos |
Fundación | 8 de febreiro de 1575 |
Datos actuais | |
Reitor | Carel Stolker |
Profesores | 3244 |
Alumnos | 25 800 (2015-2016) |
Datos de contacto | |
Páxina web | http://www.universiteitleiden.nl/en |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Universidade de Leiden (en neerlandés: Rijksuniversiteit Leiden) é a universidade máis antiga das Provincias Unidas dos Países Baixos. A universidade está localizada en Leiden, cidade universitaria desde 1575. A familia real neerlandesa e a Universidade de Leiden aínda manteñen unha relación estreita; as raíñas Juliana e Beatriz e o rei Willem-Alexander son todos antigos alumnos da Universidade.[1]
Historia[1]
[editar | editar a fonte]A cidade de Leiden xogou un papel importante na guerra dos oitenta anos. En 1572 a cidade elixiu estar de parte da rebelión antiespañola. O Gobernador dos Países Baixos, Luís de Requesens, cerca a cidade en 1574. O asedio de Leiden durou desde o mes de maio até o 3 de outubro de 1574, cando a cidade se liberou grazas á destrución dos diques, posibilitando así o acceso de botes con provisións para os habitantes da cidade. Tras a resistencia oposta ao asedio, concédeselle á cidade a universidade en 1575. Coa súa fundación o estatúder Guillerme I de Orange mostrou o seu agradecemento e recoñecemento aos poboadores de Leiden, que resistiran o asedio por parte dos españois en nome do rei Filipe II. A tradición conta que se lles ofreceu aos habitantes de Leiden a posibilidade de elixir entre a universidade e certa exención de impostos. A liberación de Leiden aínda se celebra ao grande, cada 3 de outubro. Desde entón a universidade, os estudantes e as casas de estudantes son un factor dominante na imaxe da cidade.
A Universidade de Leiden, a Universidade de Göttingen e a Universidade de Berlín, son recoñecidas como o berce da Liberdade Académica.
A Universidade asóciase con dez líderes e primeiros ministros dos Países Baixos, nove líderes internacionais, entre eles o sexto presidente dos Estados Unidos John Quincy Adams, dous secretarios xerais da OTAN, un presidente da Corte Internacional de Xustiza e dezaseis galardoados co premio Nobel (incluídos os físicos de renome Albert Einstein e Enrico Fermi). A Universidade tamén é coñecida polos seus múltiples avances, incluíndo a súa famosa Botella de Leiden, un condensador feito a partir dunha botella de vidro, inventado en Leiden por Pieter van Musschenbroek en 1746 (en realidade foi inventado simultaneamente por Ewald Georg von Kleist en Alemaña, pero o nome «Botella de Leiden» prevaleceu).
Outro avance foi en crioxenia: Heike Kamerlingh Onnes (gañador do Premio Nobel de Física en 1913) licuou helio por primeira vez (1908) e posteriormente conseguiu alcanzar unha temperatura de menos dun grao por encima do cero absoluto.
Albert Einstein tamén pasou certo tempo na Universidade de Leiden durante a súa carreira e despois como profesor.
Recentemente a universidade comezou un proceso de expansión á veciña cidade da Haia, onde se situarán novos edificios destinados principalmente a programas de estudo internacionais.
A Universidade de Leiden ten unha excelente reputación internacional e é unha das mellores universidades en Europa e do mundo. No ránking de universidades THE-QS de 2009, a universidade ocupou o 60º posto a nivel mundial.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Universidad de Leiden—helpes.eu". www21.helpes.eu (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2019. Consultado o 2017-05-03.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Universidade de Leiden |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Th. H. Lunsingh Scheurleer e G.H.M. Posthumus Meyjes (editores). Universidad de Leiden en el Siglo diecisiete. Un Cambio de Aprendizaje (Leiden, 1975). ISBN 9004042679