Saltar ao contido

Un tipo listo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un tipo listo
Autor/aXosé Monteagudo
CubertaQuentin Massys: O prestamista e a súa dona (fragmento)
OrixeGaliza
Linguagalego
ColecciónLiteraria nº 279
Xénero(s)novela
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.novembro de 2009
Formatoedición rústica cosida a fío
Páxinas356
ISBNISBN 978-84-9865-222-2
Premios
editar datos en Wikidata ]

Un tipo listo é unha novela de Xosé Monteagudo, publicada por Editorial Galaxia en novembro de 2009. Nese mesmo ano gañou o Premio García Barros.

Darío Cortizo é un home vigués de 46 anos, que traballa nunha xestoría. Atopa morto o seu pai, director dunha sucursal bancaria, falecido por mor dun ictus. No velorio, achégaselle Don Caetano, o home que axudara ao seu pai a saír adiante. Ao pouco tempo, Darío comeza as xestións para repartir co seu irmán Ricardo a herdanza, un piso en Vigo.

Poucos meses despois aparece na prensa a nova de que o pai cometera un gran desfalco económico no banco. O xuíz deixa en liberdade baixo fianza a Darío e mais ao seu irmán Ricardo, promotor inmobiliario. Darío é acusado porque entre 1978 e 1982 foi administrador da empresa construtora familiar, á que o pai desviara fondos desde o banco co beneplácito de Ricardo. Manolo iniciárase no mundo inmobiliario por mor dun pelotazo urbanístico, logo de que o alcalde de Baiona o animase a mercar solo rústico que en breve sería urbanizable. Darío quería estudar filoloxía, pero o pai animouno a estudar ciencias económicas, e despois a participar na xestión inmobiliaria. Porén, deixou o mundo pola falta de escrúpulos do pai e do irmán.

Para coñecer a vida do seu pai, con quen tivera pouca relación, Darío contrata un detective. Así descobre que logo de enviuvar, seu pai tivera unha relación con Mireia da Costa, unha muller do Río de Xaneiro á que coñeceu nun bordel de Madrid. Aínda que levan a relación en segredo, fan plans de futuro para marcharen ao estranxeiro. Porén, a morte de Manolo frustra estes plans. Darío anima a Mireia a que marche de volta ao Brasil cos cartos que lle deixara o seu pai, malia a cobiza de Ricardo, que quería que Mireia lles dese ese diñeiro. Por outra banda, Darío descobre que o seu avó Eusebio Cortizo fora asasinado por falanxistas na ponte Gomail, sobre o río Lérez, pouco despois do alzamento nacional.

Ao tempo, Darío vive unha difícil situación matrimonial. Durante o verán de 1991, mentres avanza a investigación sobre o seu pasado familiar, a súa muller marcha un mes a Cantabria coas dúas fillas xemelgas. Á volta, Darío e Irene inician os trámites de separación. O proceso xudicial segue adiante, e no verán de 1992 Darío é declarado inocente, e Ricardo é condenado a prisión.

No verán de 1994 Darío vai a Genève para coñecer o estado das contas que seu pai abrira en Suíza. Alí descobre que ten ao seu nome 540 millóns de pesetas. Vai a París a poñerse en contacto con Helena, unha moza que tivera seu pai e á que deixara preñada, e regresa a Suíza para deixar todo ben atado coa fin de que os cartos pasen ás súas fillas.

Narración

[editar | editar a fonte]
O prestamista e a súa dona, cadro utilizado na capa da primeira edición do libro (fragmento).

A obra está narrada en primeira persoa por Darío. Amais da trama principal sobre o desfalco, fala da súa relación de parella con Irene e coas súas fillas.

A novela estrutúrase en tres partes (Debe, Haber e Saldo) cun total de 22 capítulos, todos eles con títulos relativos ao léxico propio da economía bancaria.

A acción desenvólvese entre 1990 e 1994, con numerosas analepses a diferentes épocas desde 1936 (inicio da guerra civil española). A maior parte da trama ten lugar en Vigo, aparecendo tamén lugares como Forcarei, Sanxenxo, Pontevedra, Baiona, Madrid, Genève, París ou Cantabria.

Personaxes

[editar | editar a fonte]
  • Darío Cortizo Porto (n. 1954). Licenciado en Ciencias económicas, traballa nunha xestoría.
  • Manolo Cortizo Teixeiro (1930-1990). Director de sucursal bancaria. Alcalde de Forcarei entre 1956 e 1962. Pai de Ricardo e Darío.
  • Ricardo Cortizo Porto. Promotor inmobiliario.
  • Caetano Salgado. Vicepresidente da Deputación de Pontevedra na década de 1950.
  • Irene. Muller de Darío. Profesora de ensino secundario.
  • Eusebio Cortizo. Pai de Manolo.
  • Mireia dos Santos. Parella de Manolo logo de enviuvar.

Como o propio autor recoñece nos agradecementos do libro, parte da acción está inspirada no desfalco levado a cabo por José Rodríguez Casal, máis coñecido como «Pepe o do Pastor», feitos descritos de forma máis xornalística na obra La caída de Pepe el del Pastor (Milagros Sobrino, 2006), que narra os feitos acontecidos nunha sucursal do Banco Pastor de Santiago de Compostela entre 1975 e 1991.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • Ficha na web da editorial.