Uz moura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Uz moura

Erica australis
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Ericales
Familia: Ericaceae
Subfamilia: Ericoideae
Tribo: Ericeae
Xénero: Erica
Especie: E. australis
Nome binomial
'Erica australis'
L.
subespecies
  • Erica australis L. subsp. australis
  • Erica australis L. subsp. aragonensis

A uz moura, uz vermella ou corgo[1] (Erica australis) é unha especie de urce (familia das ericáceas), común en Galiza na subespecie Erica australis subsp. aragonensis. É a uz máis frecuente en Galiza.

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha uz moi ramalluda, erecto, de até 2 m de alto, coas pólas novas con moita peluxe e a casca lixeiramente avermellada. As follas son moi estreitas, lineares, case coma arume, de 3 a 6 mm, case sentadas nas pólas, dispostas en verticilos de catro e de cor verde relucente e coa marxe revirada até fechar completamente o envés. As flores son pedunculadas en grupos nos extremos das franzas. Corola rosada púrpura de 5 a 9 mm de lonxitude cos pétalos soldados formando uns tubiños polos que sobresaen os estames escuros. As flores aparecen en grupos de 4 a 8. Florea a finais de invierno e comezos de primavera dando unha cor característica rosada ás abas dos montes, en ocasións atópase en flor case todo o ano en Galiza. O froito é unha cápsula que se abre en varias valvas para ceibar as sementes.

Subespecies[editar | editar a fonte]

Existen dúas subespecies Erica australis subsp. australis distribuída polo centro de España (Sistema Central) en bosque mediterráneo con estevais secos e Erica australis subsp. aragonensis, a que á propia de Galiza, distribuída tamén polo Sistema Ibérico, Cordal Cantábrico e Sistema Central, máis propia de zonas altas, chuviosas e frías.

Distribución[editar | editar a fonte]

Trátase dun endemismo que ocupa a metade occidental da Península ibérica e noroeste de África.[2] Cobre grandes extensións chamadas uceiras nos montes silíceos da Galiza oriental (O Courel, Os Ancares,etc.); tamén aparece nos Montes de León, Cordal Cantábrico, Sanabria, Picos de Urbión, Serra da Demanda, Sistema Central.

É unha matogueira que adoita ser monoespecífica por mor ás substancias alelopáticas que inhiben que outras sementes xermolen. Xeralmente supón o estado de degradación por medio do lume das carballeiras (especialmente de carballo albariño e cerquiño), de piñeirais de piñeiro negral, de bidueirais e de faiais acidófilos.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Cómpre de solos pobres e superficiais. Unha das características máis peculiares desta uz é a formación de grosas cepeiras basais que ás veces acadan os 50 cm de diámetro. Dita cepeira, que os botánicos chaman lignotubérculo consiste nun dilatado engrosamento da parte superior da raíz. Na súa superficie orixínase un auténtico banco de xemas que regroman de xeito vizoso despois dos lumes. Tralo incendio, a cepeira agroma con forza, dando lugar ademais á profusa floración da planta.

No sueste de Galiza medra sobre solos acedos (silíceos) e en lugares con seca estival acusada, chega até a montaña e soporta ben os fríos. Dada a súa capacidade de adaptación é moi abundante en todo o país substituíndo nos solos non calcarios aos bosques clímax de carballos, cerquiños, faias ou aciñeiras.

Usos[editar | editar a fonte]

A uz moura tiña grande importancia en épocas pasadas. Coas pólas elaborábase un carbón vexetal de calidade utilizado nas ferrarías de Galiza, sendo de aínda mellor calidade o fornecido pola uz branca. É por isto que a especie abundaba nas zonas dedicadas a esta actividade, escaseando así fragas. Asemade sábese que os seus ramallos, igual que os da uz branca, dificultan ou paralizan, coma xa dixemos, o crecemento doutras plantas, o que lles permite competir con vantaxe sobre outras especies de mato.

A uz moura ten unha grande importancia paisaxística, conformando unha das paisaxes galegas e atlánticas (as uceiras) máis características.

É a uz máis frecuente en Galiza; antano eran tan amplas as súas extensións que chegáronse a usar os ramallos coma leña. As súas flores de cor malva, son utilizadas polas abellas para elaborar un mel de calidade e teñen tamén utilidade na medicina. A parte empregada son as poliñas con flores, que teñen acción antidiarreica e antiséptica nas vías urinarias grazas a súa riqueza en taninos e flavonoides.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Crese que Erica deriva do grego ἐρείκειν ereikein: quebrar, en alusión ás súas ramas fráxiles.

O nome común: uz, urce, dá nome en galego a distintas especies do xénero Erica. Procede do latín ūlǐce (nome da planta nesa lingua).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gran dicionario Xerais da lingua galega. Vigo, Xerais, 2009; Termos esenciais de botánica. COMISIÓN DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DA ESCOLA POLITÉCNICA SUPERIOR DA USC. SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DA USC. Santiago de Compostela, 2013
  2. Oria, Juan Andres; Justino Diez (2003). Guía de Árboles y Arbustos de Castilla y León. Palencia: Cálamo. ISBN 84-95018-46-2. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]