Vehículo aéreo non tripulado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «UAV»)
Un vehículo aéreo non tripulado Northrop Grumman RQ-4 Global Hawk, da NASA, voando.

Un vehículo aéreo non tripulado ou UAV (siglas do inglés unmanned aerial vehicle) é un tipo de aeronave sen persoas a bordo, deseñado para cumprir tarefas de carácter civil ou militar, controlado por un humano a distancia ou cun certo grao de autonomía. Hainos de moitos tipos e formas, e teñen un grande abano de aplicacións, pero xeralmente son empregados en traballos repetitivos, de transporte ou de traballo en lugares perigosos, onde os humanos non poderían facer o traballo con seguridade.[1]

Os UAV son a versión aérea dos vehículos terrestres non tripulados ou UGV (unmanned ground vehicle) e dos vehículos mariños ou submarinos non tripulados, USV (unmanned surface vehicle) e UUV (unmanned underwater vehicle), respectivamente.

Popularmente chámanse drons,[2][3] pero tecnicamente non son o mesmo, xa que o dron é un tipo concreto de vehículo aéreo non tripulado, autónomo ou semiautónomo. Académica e militarmente, o termo UAV é o predominante, e dende a Forza Aérea dos Estados Unidos de América inténtase reducir o uso do termo drone (gal. "dron") como denominador dos UAV militares, porque dá a sensación de que son vehículos completamente autónomos, cando realmente son controlados por humanos.[4]

Historia[editar | editar a fonte]

Primeiros drons[editar | editar a fonte]

O primeiro uso rexistrado dun vehículo aéreo non tripulado para a guerra ocorreu en xullo de 1849,[5] cun buque portaglobos (o precursor do portaavións) no primeiro uso ofensivo de poder aéreo en aviación naval.[6][7] As forzas austríacas que sitiaban Venecia intentaron lanzar uns 200 globos incendiários á cidade asediada. Os globos lanzáronse principalmente dende terra, pero algúns tamén dende o buque SMS Vulcano. Polo menos unha bomba caeu na cidade, aínda que debido ao cambio de vento tras o lanzamento os globos fallaron o seu obxectivo e moitos deles volveron sobre as liñas austríacas e o Vulcano.[8][9]

Churchill vendo o lanzamenro dun dron de Havilland Queen Bee en 1941

O enxeñeiro español Leonardo Torres Quevedo introduciu un sistema de control baseado na radio chamado "Telekino" na Academia de Ciencias de París en 1903 coa intención de probar unha aeronave de deseño propio sen arriscar vidas humanas.[10][11]

O desenvolvemento significativo dos drones comezou na década de 1900, e centrouse orixinalmente en proporcionar brancos de prácticas para adestrar persoal militar. O primeiro intento dun UAV motorizado foi o de A. M. Low's "Aerial Target" en 1916.[12] Low confirmou que o monoplano de Geoffrey de Havilland foi o que voou o 21 de marzo de 1917 usando o seu sistema de radio.[13] Tras a súa exitosa demostración na primavera de 1917 Low foi transferido para desenvolver lanzamentos de barcos costeiros motorizados controlados por avións coa Royal Navy, coa intención de atacar instalacións portuarias e barcos, e tamén axudou ao Comandante de Á Frank Arthur Brock a preparar o ataque Zeebrugge. Posteriormente apareceron outros desenvolvementos non tripulados británicos, chegando a unha frota de máis de 400 obxectivos aéreos de Havilland 82 Queen Bee que entraron en servizo en 1935.

Nikola Tesla describiu unha frota de vehículos aéreos de combate sen tripulantes en 1915.[14] Eses desenvolvementos tamén inspiraron a construción do torpedo aéreo experimental Kettering Bug por Charles Kettering de Dayton, Ohio, e do Hewitt-Sperry Automatic Airplane, inicialmente pensado como un avión sen tripulación que podía levar unha carga explosiva a un obxectivo predeterminado. O desenvo,vemento continuou durante a primeira guerra mundial cando a Dayton-Wright Airplane Company inventou un torpedo aéreo sen piloto que podería estoupar nun momento preestablecido.[15]

A estrela de cine e entusiasta das maquetas de avións Reginald Denny desenvolveu o primeiro vehículo a escala teledirixido en 1935.[12]

Investigadores soviéticos experimentaron con bombardeiros Tupolev TB-1 controlados remotamente a finais dos anos 30.[16]

Segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]

En 1940 Denny fundou a Radioplane Company e durante a segunda guerra mundial foron aparecendo máis modelos, usados tanto para adestrar a artilleiros antiaéreos como para realizar misións de ataque. A Alemaña nazi fabicou e usou varios UAV durante a guerra, como o Argus As 292 e a bomba voante V-1 cun motor a reacción. A Italia fascista desenvolveu unha versión do Savoia-Marchetti SM.79 voada por control remoto, aínda que o armisticio con Italia foi promulgado antes de que se despregase operacionalmente.[17]

Posguerra[editar | editar a fonte]

Intelixencia israelí preparando o lanzamento dun UAV na primeira misión sobre o canal de Suez en 1969

Tras a segunda guerra mundial o desenvolvemento dos UAV continuou con vehículos como o estadounidense JB-4 (guiado por televisión/radio), o australiano GAF Jindivik ou o tamén estadounidense Teledyne Ryan Firebee I de 1951, mentres que compañías como Beechcraft ofreceron o seu Model 1001 á Armada dos Estados Unidos en 1955. Con todo, foron pouco máis que avións teledirixidos ata a guerra de Vietnam. En 1959 a Forza Aérea dos Estados Unidos, preocupada por perder pilotos sobre territorio hostil, comezou a planificar o uso de avións sen tripulación.[18] A planificación intensificouse despois de que a Unión Soviética derrubase un U-2 en 1960. En poucos días, comezou un programa UAV altamente clasificado baixo o nome en clave de "Red Wagon".[19] O enfrontamento de agosto de 1964 no golfo de Tonkin entre unidades navais dos Estados Unidos e de Vietnam do Norte iniciou o uso en combate dos altamente clasificados UAVs estadounidenses (Ryan Model 147, Ryan AQM-91 Firefly, Lockheed D-21) na guerra.[20] Cando o goberno chinés[21] amosou fotografías de UAVs estadounidenses derrubados a través de Wide World Photos,[22] a resposta oficial dos Estados Unidos foi "sen comentarios".

Durante a guerra de desgaste (1967-1970) en Oriente Medio, a intelixencia israelí probou os primeiros UAVs tácticos con cámaras de recoñecemento, os cales trouxeron de volta con éxito fotos do outro lado do canal de Suez. Esta foi a primeira vez que os UAVs tácticos que podían ser lanzados e aterrados en calquera pista curta (a diferenza dos UAV máis pesados) foron desenvolvidos e probados na batalla.[23]

Na guerra do Yom Kippur de 1973, Israel usou UAVs como reclamos para que as forzas inimigas malgastasen mísiles antiaéreos caros.[24] Tras esta guerra, algunhas persoas clave do equipo que desenvolveu este primeiro UAV crearon unha pequena empresa que tiña como obxectivo desenvolver os UAV como un produto comercial. Esta empresa foi finalmente adquirida por Tadiran e levou ao desenvolvemento do primeiro UAV israelí.[25]

En 1973 os militares estadounidenses confirmaron oficialmente ter usado UAVs en Vietnam.[26] Máis de 5 000 aviadores morreran e máis de 1 000 estaban desaparecidos ou capturados. A 100ª Á de Recoñecemento Estratéxico da USAF realizou unhas 3 400 misións con UAVs durante a guerra[27] perdéndose 554 aparellos por todas as causas. En palabras do xeneral da USAF George S. Brown, comandante do Mando de Sistemas da Forza Aérea, en 1972, "A única razón pola que necesitamos (UAV) é que non queremos gastar innecesariamente o home na cabina".[28] Posteriormente ese ano, o xeneral John C. Meyer, comandante en xefe do Mando Aéreo Estratéxico, dixo, "deixamos que o dron faga o voo de alto risco... a taxa de perdas é alta, pero estamos dispostos a arriscar máis deles... salvan vidas!".[28]

Durante a guerra do Yom Kippur, a baterías de mísiles terra-aire proporcionadas polos soviéticos en Exipto e Siria causaron fortes danos aos cazas israelís. Como resultado, Israel desenvolceu o IAI Scout como primeiro UAV de vixilancia a tempo real.[29][30][31] As imaxe e reclamos de radar proporcionados por estes UAVs axudaron a Israel a neutralizar completamente as defensas aéreas sirias no inicio da guerra do Líbano de 1982, facendo que ningún dos seus pilotos fose derrubado.[32] En Israel en 1987, os vehículos aéreos non tripulados utilizáronse por primeira vez como proba de concepto de super-axilidade, voo controlado despois da parada en simulacións de voo de combate que implicaban un control de voo sen cola, baseado en tecnoloxía furtiva, vectorización de pulo tridimensional e control de voo a reacción.[33]

UAVs modernos[editar | editar a fonte]

Coa maduración e miniaturización das tecnoloxías aplicables nos anos 80 e 90, o interese neste tipo de vehículos medrou dentro dos escalafóns máis altos do exército estadounidense. Na década de 1990, o Departamento de Defensa estadounidense outorgou un contrato a AAI Corporation xunto coa compañía israelí Malat. A Armada dos Estados Unidos mercou o AAI Pioneer UAV que estas dúas compañías desenvolveran conxuntamente. Moitos deses UAVs operaron na guerra do Golfo de 1991. Os UAVs demostraron a posibilidade de máquinas de combate máis baratas, máis capaces, e que podían ser despregadas sen riscos para tripulacións. As primeiras xeracións foron principalmente aparellos vixilancia, pero algúns levaban armamento, como o General Atomics MQ-1 Predator, que lanzaba mísiles aire-terra AGM-114 Hellfire.

CAPECON, un proxecto da Unión Europea para desenvolver UAVs no que participaron 18 organizacións, funcionou dende o 1 de maio de 2002 ata o 31 de decembro de 2005.[34]

En 2012 a Forza Aérea dos Estados Unidos (USAF) empregaba 7 494 UAVs (case un de cada tres dos seus aparellos eran UAVs).[35][36] A CIA tamén operaba UAVs.[37]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Diversos autores (2012). Introduction to Unmanned Aircraft Systems. CRC Press / Taylor & Francis Group. ISBN 978-1-4398-3521-0. 
  2. Gerin Fahlstrom, James Gleason, Paul, Thomas (2012). Introduction to UAV systems - 4th ed. Wiley. ISBN 978-1-119-97866-4. 
  3. "TERGAL". Consultado o 26/10/2017. 
  4. TV3, ed. (5 de marzo de 2013). "La guerra dels "drones"". Consultado o 15 de outubro de 2013. 
  5. "The Future of Drone Use: Opportunities and Threats from Ethical and Legal Perspectives", Asser Press - Springer, caoñitulo por Alan McKenna, p. 355
  6. Hallion, Richard P. (2003). Taking Flight: Inventing the Aerial Age, from Antiquity through the First World War. Oxford University Press. p. 66. ISBN 978-0-19-028959-1
  7. R. D. Layman (1996). Naval aviation in the First World War. Naval Institute Press. ISBN 978-1-55750-617-7. 
  8. Haydon, Frederick Stansbury; Haydon, Frederick Stansbury (2000). Military ballooning during the early Civil War (Johns Hopkins Paperbacks ed ed.). Baltimore, Md.: Johns Hopkins Univ. Press. pp. 18-20. ISBN 978-0-8018-6442-1. 
  9. Murphy, Justin D. (2005). Military Aircraft, Origins to 1918: An Illustrated History of Their Impact. ABC-CLIO. pp. 9-10. ISBN 978-1-85109-488-2
  10. H. R. Everett, Unmanned Systems of World Wars I and II, MIT Press - 2015, pp. 91-95
  11. Alfred, Randy. "Nov. 7, 1905: Remote Control Wows Public". Wired (en inglés). ISSN 1059-1028. Consultado o 2023-06-26. 
  12. 12,0 12,1 Taylor, John W. R.. Jane's Pocket Book of Remotely Piloted Vehicles.
  13. Profesor A. M. Low, Flight, 3 de outubro de 1952, p. 436 "The First Guided Missile"
  14. Dempsey, Martin E. (9 de abril de 2010). "Eyes of the Army—U.S. Army Roadmap for Unmanned Aircraft Systems 2010–2035" U.S. Army.
  15. "History of U.S. Drones". Understanding Empire: Technology, Power, Politics (en inglés). 2012-05-21. Consultado o 2023-07-01. 
  16. Andersson, Lennart (1994). Soviet Aircraft and Aviation, 1917–1941. The Putnam Aviation Series. Annapolis, Maryland: Naval Institute Press. p. 249. ISBN 9781557507709
  17. Everett, H. R. (2015). Unmanned Systems of World Wars I and II. Intelligent robotics and autonomous agents. Cambridge (Mass.): The MIT Press. ISBN 978-0-262-02922-3. 
  18. Wagner 1982, p. xi.
  19. Wagner 1982, p. xi, xii.
  20. Wagner 1982, p. xii.
  21. Wagner 1982, p. 79.
  22. Wagner 1982, p. 78, 79.
  23. Dunstan, Simon (2013). Israeli Fortifications of the October War 1973. Osprey Publishing. p. 16. ISBN 9781782004318.
  24. Saxena, V. K. (2013). The Amazing Growth and Journey of UAV's and Ballistic Missile Defence Capabilities: Where the Technology is Leading to?. Vij Books India Pvt Ltd. p. 6. ISBN 9789382573807
  25. Blum, Howard (2004). The eve of destruction: the untold story of the Yom Kippur War (1. Perennial ed ed.). New York: Perennial. ISBN 978-0-06-001399-8. 
  26. Wagner 1982, p. 202.
  27. Wagner 1982, p. 200, 212.
  28. 28,0 28,1 Wagner 1982, p. 208.
  29. "How the MQ-9 Reaper Works". HowStuffWorks (en inglés). 2008-07-22. Consultado o 2023-07-03. 
  30. "Warplanes: Russia Buys A Bunch Of Israeli UAVs". www.strategypage.com. Consultado o 2023-07-03. 
  31. "Unmanned combat vehicles shaping future warfare - Globes". en.globes.co.il (en inglés). 2011-10-24. Consultado o 2023-07-03. 
  32. Levinson, Charles (2010-01-13). "Israeli Robots Remake Battlefield". Wall Street Journal (en inglés). ISSN 0099-9660. Consultado o 2023-07-03. 
  33. Gal-Or, Benjamin (1990). Vectored propulsion, supermaneuverability and robot aircraft. New York, N. Y. Berlin: Springer. ISBN 978-3-540-97161-0. 
  34. "European Commission : CORDIS : Projects & Results Service : Civil uav application and economic effectiveness of potential configuration solutions". web.archive.org. 2016-01-29. Archived from the original on 29 de xaneiro de 2016. Consultado o 2023-07-04. 
  35. Shachtman, Spencer Ackerman and Noah. "Almost 1 In 3 U.S. Warplanes Is a Robot". Wired (en inglés). ISSN 1059-1028. Consultado o 2023-07-04. 
  36. "A Revolution Once More: Unmanned Systems and the Middle East - Brookings Institution". web.archive.org. 2011-08-06. Archived from the original on 06 de agosto de 2011. Consultado o 2023-07-04. 
  37. Radsan, AJ; Murphy (2011). "Measure Twice, Shoot Once: Higher Care for Cia-Targeted Killing". Univ. Ill. Law Rev.:1201–1241.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]