Turbidita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Unha turbidita é o depósito xeolóxico producido por unha corrente de turbidez, que consiste nun tipo de fluxo gravitatorio de sedimentos responsable de distribuír unha vasta cantidade de sedimentos clásticos no océano profundo.

A secuencia turbidítica ideal[editar | editar a fonte]

Secuencia de Bouma completa en arenitos devónicos (Becke-Oese, Alemaña).

As turbiditas foron descritas en detalle por primeira vez por Arnold H. Bouma (1962), que estudaba sedimentos de augas profundas nos que recoñeceu uns determinados intervalos que se facían máis finos de abaixo a arriba (fining-up intervals) nas lousas de gran fino orixinadas en augas profundas, que eran anómalos porque empezaban con conglomerados de croios e terminaban en lousas. Isto era anómalo porque se asumira historicamente que no mar profundo que non había un mecanismo polo cal un fluxo fraccional puidese acarrexar e depositar sedimentos de gran groso nas profundidades abisais.[1]

Os ciclos de Bouma empezan cun contacto erosivo dunha camada inferior grosa de croios a conglomerados granulados en matriz areosa, que cambian gradualmente a arenitos grosos e despois a arenitos de gran medio de plano paralelos; pasando por arenitos con laminación cruzada; areas areosas/limosas de láminas cruzadas onduladas (ripple), e finalmente limolitas laminares e lousas. Esta sucesión vertical de estruturas sedimentarias, distribución das laminacións e cambios na litoloxía é representativo dun réxime de correntes de fluxo de forte a minguante e a súa sedimentación correspondente.

É raro atopar un ciclo de Bouma completo, xa que as sucesivas correntes de turbidez poden erosionar as secuencias superiores non consolidadas. Alternativamente, pode non estar presente a secuencia enteira dependendo de se a sección exposta estaba no bordo do lobo da corrente de turbidez (onde pode haber un fino depósito), ou pendente arriba desde o centro do depósito aparecendo en forma dun canal cheo de areas finas que se converten gradualmente en sedimentos peláxicos.

Hoxe recoñécese que a progresión vertical de estruturas sedimentarias descritas por Bouma corresponde a turbiditas depositadas por correntes de turbidez de baixa densidade. A medida que se incrementa a concentración de areas dun fluxo, as colisións entre os grans dentro da suspensión túrbida crean presións dispersivas que chegan a ser importantes ao dificultaren a ulterior sedimentación de grans. Como consecuencia, desenvólvese un conxunto lixeiramente distinto de estruturas sedimentarias en turbiditas depositadas por correntes de turbidez de alta densidade. Este conxunto diferente de estruturas coñécese como secuencia de Lowe, que é unha clasificación descritiva que complementa pero non substitúe á secuencia de Bouma.[2]

Formación[editar | editar a fonte]

Flysch de Gorgoglione, mioceno, sur de Italia.

As turbiditas son sedimentos que son transportados e depositados por fluxos de densidade, non por tracción nin fluxo friccional.

A distinción é que, nun leito fluvial normal, as partículas de rocha son transportadas por arrastre friccional de auga sobre as partículas (o que se chama as fluxo traccional). A auga debe moverse a unha certa velocidade para poder levar en suspensión as partículas e empuxalas cara adiante. Canto maior é o tamaño ou a densidade das partículas en relación ao fluído no cal están sendo transportadas, maior é a velocidade que ten que ter a auga para suspendelas e transportalas.

Porén, o fluxo baseado na densidade, ocorre cando a licuefacción dos sedimentos durante o transporte causa un cambio na densidade do fluído. Isto conséguese xeralmente en líquidos moi turbulentos que levan en suspensión unha carga de partículas granuladas finas formando un lodo. Nese caso, poden transportarse fragmentos maiores de rocha a velocidades bastante baixas, as cales noutras condicións non serían dabondo para transportalas, debido ao contraste de densidade máis baixo (é dicir, a auga máis o sedimento teñen unha densidade maior que a auga e máis próxima á densidade da rocha).

Esta situación dáse en moitos ambientes ademais de no océano profundo, onde as turbiditas están especialmente ben representadas. Os lahares das ladeiras dos volcáns, os fluxos de barro e os fluxos piroclásticos crean tamén situacións de fluxos baseados na densidade e, especialmente no último caso, poden crearse secuencias que son moi similares ás turbiditas.

As turbiditas nos sedimentos poden aparecer en secuencias de carbonatos e siliciclásticas.

As turbiditas clásicas de baixa densidade caracterízanse pola súa laminación graduada, ripple marks (ondulacións) de correntes, laminacións de ripple ascendentes, secuencias alternantes con sedimentos peláxicos, cambios distintivos na fauna entre a turbidita e os sedimentos peláxicos nativos, "marcas de sola" (sole markings), secuencias de sedimentos grosos, estratificacións regulares, e unha ausencia de carcterísticas de augas pouco profundas.[3] Unha progresión vertical diferente de estruturas sedimentarias caracteriza as turbiditas de alta densidade.[2]

As acumulacións masivas de turbiditas e outros depósitos de augas profundas poden ter como resultado a formación de abanos submarinos. Os modelos sedimentarios deses sistemas de abanos normalmente están subdivididos en secuencias de abano inferiores, medias e superiores, cada unha con distintas xeometrías de corpos de area, distribucións de sedimentos, e características litolóxicas [4][5][6].

Importancia das turbiditas[editar | editar a fonte]

As turbiditas proporcionan un mecanismo para asignar un escenario tectónico e deposicional a unha secuencia sedimentaria antiga, xa que xeralmente representan rochas da augas profundas formadas en alta mar nunha marxe converxente, e xeralmente necesita polo menos unha plataforma en pendente e algunhas formas de tectonismo que desencadeen avalanchas baseadas na densidade. As correntes de densidade poden ser desencadeadas en áreas de alta achega de sedimentos só por causas gravitacionais. As turbiditas poden representar un rexistro de alta resolución da sismicidade, e de eventos de tormentas e inundacións terrestres dependendo da conectividade dos sistemas canón/canal con fontes de sedimentos terrestres.[7]

As turbiditas dos lagos e fiordes son tamén importantes, xa que poden proporcionar probas cronolóxicas da frecuencia dos corrementos de terras e dos terremotos que presumiblemente os orixinaron, ao datalos utilizando o radiocarbono ou as varvas que están por riba e por debaixo das turbiditas.[8][9]

Xeoloxía económica das turbiditas[editar | editar a fonte]

As secuencias de turbiditas conteñen frecuentemente depósitos de ouro, e un exemplo son as de Bendigo e Ballarat, Victoria, Australia, nas que se extraeron unhas 2.600 toneladass de ouro de depósitos recifais situados entre secuencias de lousas nunha sucesión grosa de turbiditas do cámbrico-ordovícico. Os xacementos de ouro dos depósitos do proterozoico coñécense tamén como depósitos de conca turbidítica.

As acumulacións litificadas de depósitos turbidíticos poden, co tempo, converterse en depósitos de hidrocarburos, e a industria do petróleo fai grandes esforzos para localizar, coñecer a forma e as características internas destes conxuntos sedimentarios para explotalos ou buscar novas reservas. Os depósitos de turbiditas aparecen normalmente en concas de antepaís.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bouma, Arnold H. (1962) Sedimentology of some Flysch deposits: A graphic approach to facies interpretation, Elsevier, Amsterdam, 168 p.
  2. 2,0 2,1 Lowe, D.R. (1982), Sediment gravity flows: II. Depositional models with special reference to the deposits of high-density turbidity currents, Journal of Sedimentology, Society of Economic Paleontologists and Mineralogists, v. 52, p. 279-297.
  3. Fairbridge, Rhodes W. (ed.) (1966) The Encyclopedia of Oceanography, Encyclopedia of earth sciences series 1, Van Nostrand Reinhold Company, New York, p. 945-946.
  4. Mutti, E. & Ricci Lucci, F. (1975) Turbidite facies and facies associations. In: Examples of turbidite facies and associations from selected formations of the northern Apennines. IX Int. Congress of Sedimentology, Field Trip A-11, p. 21-36.
  5. Normark, W.R. (1978) "Fan valleys, channels, and depositional lobes on modern submarine fans : Characters for recognition of sandy turbidite environments", American Association of Petroleum Geologists Bulletin, 62 (6), p. 912-931.
  6. Walker, R.G. (1978) "Deep-water sandstone facies and ancient submarine fans: model for exploration for stratigraphic traps", American Association of Petroleum Geologists Bulletin, 62 (6), p. 932-966.
  7. Goldfinger, C., Nelson, C.H., Morey, A., Johnson, J.E., Gutierrez-Pastor, J., Eriksson, A.T., Karabanov, E., Patton, J., Gracia, E., Enkin, R., Dallimore, A., Dunhill, G., and Vallier, T., 2012, Turbidite Event History: Methods and Implications for Holocene Paleoseismicity of the Cascadia Subduction Zone, USGS Professional Paper 1661-F, Reston, VA, U.S. Geological Survey, p. 184 p, 64 Figures. http://pubs.usgs.gov/pp/pp1661f/
  8. Moernaut, J., De Batist, M., Charlet, F., Heirman, K., Chapron, E., Pino, M., Brümmer, R., and Urrutia, R., 2007, Giant earthquakes in South-Central Chile revealed by Holocene mass-wasting events in Lake Puyehue: Sedimentary Geology, v. 195, p. 239-256.
  9. Strasser, M., Anselmetti, F.S., Fäh, D., Giardini, D., and Schnellmann, M., 2006, Magnitudes and source areas of large prehistoric northern Alpine earthquakes revealed by slope failures in lakes: Geology, v. 34, p. 1005-1008.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Arnold H. Bouma, Charles G. Stone, ed. (2000). Fine-Grained Turbidite Systems. American Association of Petroleum Geologists. ISBN 978-0-89181-353-8. 
  • S. A. Lomas, P. Joseph, ed. (2004). Confined Turbidite Systems. Geological Society of London. ISBN 978-1-86239-149-9. 
  • Lowe, D.R. (1982), Sediment gravity flows: II. Depositional models with special reference to the deposits of high-density turbidity currents, Journal of Sedimentology, Society of Economic Paleontologists and Mineralogists, v. 52, p. 279-297.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]