Troy McClure

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Troy McClure
Personaxe de The Simpsons
Información
DobraxePhil Hartman
Dan Castellaneta
SexoVarón
OcupaciónActor
Parentes achegadosEx-muller: Selma Bouvier
Aparicións
Primeira aparición"Homer vs. Lisa and the 8th Commandment"
Derradeira aparición"Bart the Mother"

Troy McClure é un personaxe ficticio da serie animada estadounidense The Simpsons. Phil Hartman foi o actor que lle deu voz ó personaxe, que apareceu por primeira vez no episodio da segunda temporada titulado "Homer vs. Lisa and the 8th Commandment".[1] McClure representouse como un actor de obras baixo orzamento, como anuncios de televisión e filmes educativos. Aparece como personaxe principal no episodio "A Fish Called Selma", no que casa con Selma Bouvier para darlle un pulo á súa carreira en declive e calar os rumores sobre a súa vida persoal. McClure tamén aparece como presentador nos episodios "The Simpsons 138th Episode Spectacular" e "The Simpsons Spin-Off Showcase".

McClure baseouse parcialmente nos actores de serie B Troy Donahue e Doug McClure, así como no mesmo Hartman. Tralo asasinato de Hartman o 28 de maio de 1998 retiráronse da serie tódolos personaxes ós que el daba voz, sendo a súa última participación no episodio da décima temporada titulado "Bart the Mother". Os medios teñen citado a McClure como un dos personaxes máis populares da serie. No ano 2006 IGN clasificouno no primeiro posto da súa lista dos "25 mellores personaxes secundarios de The Simpsons".

Rol na serie[editar | editar a fonte]

Troy McClure represéntase como un actor estereotípico de Hollywood no declive da súa carreira profesional.[2] No contexto da serie foi unha estrela nos anos 1970, pero a súa carreira profesional foi costa abaixo por mor de rumores dunha parafilia en relación ós peixes. Na maioría das súas aparicións na serie fai de presentador de curtas ou anuncios vistos por outros personaxes. Adoita presentar filmes educativos[3][4] e infocomerciais.[5] McClure preséntase recitando unha frase característica, mencionando dous títulos semellantes a actuación na que aparece. Por exemplo, no episodio "Bart the Mother", McClure preséntase nun filme sobre aves dicindo:[6]

"Hi, I'm Troy McClure. You may remember me from such nature films as Earwigs: Eww! and Man vs. Nature: The Road to Victory."
"Ola, son Troy McClure. Pode que me recorden doutros filmes sobre a natureza como Earwigs: Eww! e Man vs. Nature: The Road to Victory."

O papel principal de McClure foi no episodio da sétima temporada titulado "A Fish Called Selma". Neste episodio McClure comeza unha relación con Selma Bouvier, a quen coñece cando fai as probas para o permiso de conducir. Esta relación reaviva a súa carreira profesional, levándoo a protagonizar Stop the Planet of the Apes, I Want to Get Off!, unha obra musical de teatro que versiona o filme O Planeta dos Simios. Para mellorar aínda a súa carreira profesional, o seu axente suxírelle que se case, e Selma acepta a proposición sen coñecer as verdadeiras intencións da mesma, trasladándose a vivir con el na súa casa, un edificio de arquitectura moderna que semella o Chemosphere. Na súa despedida de solteiro, McClure emborráchase e dille a Homer Simpson que o casamento é unha farsa para axudarlle na súa carreira profesional. Homer non di nada na voda, pero posteriormente confésalle isto a Marge, que a súa vez informa á súa irmá. Selma decide seguir con McClure pese a isto ata que o axente suxírelles ter un fillo para conseguir un papel nun novo filme, polo que remata a relación con McClure. Finalmente McClure consegue o papel, pero rexéitao para protagonizar e dirixir un filme propio, titulado The Contrabulous Fabtraption of Professor Horatio Hufnagel.[7]

A maiores das aparicións na historia da serie, McClure aparece como presentador dos capítulos "The Simpsons 138th Episode Spectacular" e "The Simpsons Spin-Off Showcase". O primeiro é unha representación "detrás das cámaras" da serie, na que os personaxes principais responden a diversas preguntas e na que se amosan imaxes "nunca antes vistas".[8] O segundo é un episodio que presenta tres posibles series derivadas da serie principal.[9] Xa fóra da serie principal, McClure formou parte da serie de xoguetes de figuras de acción World of Springfield,[10] así como no videoxogo Virtual Springfield, no que introduce ó xogador na cidade de Springfield.[11]

Características do personaxe[editar | editar a fonte]

Creación[editar | editar a fonte]

Phil Hartman deu voz a Troy McClure

O personaxe de McClure baseouse no actor en declive prototípico de Hollywood. Os actores de serie B Troy Donahue e Doug McClure serviron como inspiración para o nome e para algunhas características do personaxe.[1][12] O guionista Mike Reiss coñecería posteriormente á filla de Doug McClure, quen lle confesou que ó seu pai vía esta inspiración como divertida, e os seus fillos chegaron a chamarlle "Troy McClure" en broma cando el non miraba.[1] Segundo o creador da serie Matt Groening, Phil Hartman foi escollido para darlle voz ó personaxe pola súa capacidade de "sacar a maior cantidade de humor" de calquera liña que tivese que recitar.[12] A aparencia visual de McClure's tamén baseouse na do propio Hartman.[13] Durante o seu deseño, os debuxantes incluíron unha liña adicional por baixo dos seus ollos para suxerir que o personaxe fixera unha operación de cirurxía plástica na cara.[14] Nunha moi breve aparición do personaxe no episodio da segunda tempada titulado "Bart's Dog Gets an F", a voz de McClure foi a de Dan Castellaneta.[15]

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Segundo o produtor executivo Al Jean, os guionistas adoitaban usar a McClure como un "botón do pánico" e engadían o personaxe cando sentían que un episodio necesitaba máis humor.[16]

O personaxe de McClure's desenvólvese principalmente no capítulo "A Fish Called Selma", que fornece unha visión máis a fondo da súa vida privada e historia pasada.[2] Bill Oakley e Josh Weinstein tiñan un aprecio declarado por Hartman, e querían facer un episodio completo sobre McClure para darlle máis presenza a Hartman. De aí partiu a idea da voda de McClure's con Selma Bouvier.[2] O debuxante de animación Mark Kirkland declarou sentirse particularmente contento polo protagonismo de McClure neste episodio, declarando que lle resultaba moi divertido interpretar as actuacións de voz de Hartman e o episodio permitíalles ós animadores "amosar abertamente a McClure como personaxe".[2]

Durante o episodio "A Fish Called Selma" suxírese que McClure ten unha parafilia sexual particular. Inicialmente os guionistas non tiñan decidido cal sería esta preferencia pouco habitual, pero eventualmente decidíronse polo fetichismo polos peixes, seguindo unha suxestión do produtor executivo James L. Brooks. Josh Weinstein describiu este concepto de fetichismo como "tan pervertido e estraño que se saía do habitual".[2]

Retirada do personaxe[editar | editar a fonte]

Tralo asasinato de Hartman en 1998,[17] no lugar de substituílo por un novo actor de voz, os produtores da serie decidiron retirar o personaxe de McClure, así como o outro personaxe interpretado por Hartman, Lionel Hutz.[12] McClure apareceu por última vez no episodio da décima tempada titulado "Bart the Mother", que se lle adicou a Hartman.[18] Antes do seu falecemento, Hartman tiña expresado o seu interese en protagonizar un filme sobre McClure con actores reais, cun guión escrito por parte do equipo de guionistas da serie.[19] Nunhas declaracións súas, indicou que tiña moitas ganas de realizar este filme.[20] Matt Groening posteriormente declarou para a revista Empire que esta idea nunca chegara a pasar do simple entusiasmo, pero que houbera sido moi divertida de chegar a realizarse.[21]

Recepción e influencia[editar | editar a fonte]

Aínda despois da retirada do personaxe, McClure continuou sendo un dos personaxes secundarios máis populares da serie. IGN posicionouno no primeiro lugar da súa listas de 2006 dos "25 mellores Personaxes Secundarios de The Simpsons", cualificándoo como "un personaxe marabillosamente bizarro e entretido que demostra o mellor que poden dar de si os pequenos papeis en The Simpsons".[22] Nun artigo de 2007 sobre a serie, Adam Finley de TV Squad escribiu que McClure era o responsable dalgúns dos momentos máis divertidos na historia da serie.[23] A súa vez, Hartman situouse no primeiro posto da lista de AOL dos 25 personaxes invitados favoritos de The Simpsons.[24] Chris Turner argumentou no seu libro titulado Planet Simpson que McClure e Lionel Hutz representaban xuntos a contribución máis significativa á serie fóra dos personaxes permanentes.[25]

A aparición máis significativa de McClure, no episodio "A Fish Called Selma", é a favorita de moitos dos membros do equipo da serie,[2] e varias publicacións considerárono como un dos mellores episodios. Entertainment Weekly situou o episodio no oitavo posto na súa lista dos mellores 25 episodios de The Simpsons,[26] e IGN nomeou o episodio como o mellor da sétima tempada da serie.[27]

McClure era un dos papeis máis coñecidos de Phil Hartman, quen tiña declarado que era un dos que el máis apreciaba e adoitaba usar a súa voz de McClure para entreter á audiencia entre tomas da gravación de NewsRadio.[28][29] Moitos dos obituarios de Hartman mencionaron o seu papel de McClure como un dos puntos máis altos da súa carreira como actor.[30][31][32][33] A BBC afirmou que a voz de Hartman era coñecida por millóns de persoas grazas ós personaxes de McClure e Lionel Hutz.[34]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Jean, Al; Reiss, Mike (2002). The Simpsons The Complete Second Season DVD commentary for the episode "Homer vs. Lisa and the 8th Commandment" (DVD). 20th Century Fox. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Weinstein, Josh; Oakley, Bill; Silverman, David; Goldblum, Jeff (2006). The Simpsons The Complete Seventh Season DVD commentary for the episode "A Fish Called Selma" (DVD). 20th Century Fox. 
  3. Cohen, David; Kirkland, Mark; Mirkin, David (15 de outubro de 1995). "Lisa the Vegetarian". The Simpsons. Tempada 7. Episodio 133. Fox. 
  4. Goldreyer, Ned; Dietter, Susie; Oakley, Bill; Weinstein, Josh (8 de marzo de 1998). "Lisa the Simpson". The Simpsons. Tempada 9. Episodio 195. Fox. 
  5. Oakley, Bill; Weinstein, Josh; Jean, Al; Reiss, Mike; Reardon, Jim (6 de maio de 1993). "Marge in Chains". The Simpsons. Tempada 4. Episodio 80. Fox. 
  6. Cohen, David S.; Moore, Steven Dean; Scully, Mike (27 de setembro de 1998). "Bart the Mother". The Simpsons. Tempada 10. Episodio 206. Fox. 
  7. Barth, Jack; Kirkland, Mark; Weinstein, Josh; Oakley, Bill (4 de marzo de 1996). "A Fish Called Selma". The Simpsons. Tempada 7. Episodio 147. Fox. 
  8. Vitti, John; Silverman, David; Oakley, Bill; Weinstein, Josh (3 de decembro de 1995). "The Simpsons 138th Episode Spectacular". The Simpsons. Tempada 7. Episodio 138. Fox. 
  9. Cohen, David; Greaney, Dan; Tompkins, Steve; Affleck, Neil; Oakley, Bill; Weinstein, Josh (3 de decembro de 1995). "The Simpsons Spin-Off Showcase". The Simpsons. Tempada 7. Episodio 138. Fox. 
  10. "Troy McClure". Simpsons Collectors. Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2002. Consultado o 8 de xuño de 2007. 
  11. Toledo, Joe (1997). "Mmmmmm...A Virtual Travel Guide: Virtual Springfield". Animation World Network. Consultado o 9 de xuño de 2007. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Groening, Matt (29 de decembro de 2004). Fresh Air. Entrevista con Terry Gross. Philadelphia. National Public Radio. Consultado o 9 de xuño de 2007. 
  13. Weinstein, Josh (2006). The Simpsons The Complete Seventh Season DVD commentary for the episode "The Simpsons 138th Episode Spectacular" (DVD). 20th Century Fox. 
  14. Bird, Brad (2003). "Commentary for "Homer Alone"". The Simpsons: The Complete Third Season (DVD). 20th Century Fox. 
  15. Jean, Al (2002). The Simpsons The Complete Second Season DVD commentary for the episode "Bart's Dog Gets an F" (DVD). 20th Century Fox. 
  16. Jean, Al. (2003). Commentary for "Homer Alone" (DVD). The Simpsons: The Complete Third Season. 20th Century Fox. 
  17. "Phil Hartman, wife die in apparent murder-suicide". CNN. 28 de maio de 1998. Consultado o 8 de xuño de 2007. 
  18. Rohan, Virginia (23 de setembro de 1998). "Tributes To A Star And His Voices". The Record. p. Y8. 
  19. Oakley, Bill (2006). The Simpsons The Complete Seventh Season DVD commentary for the episode "Homerpalooza" (DVD). 20th Century Fox. 
  20. "Phil: The Jerky Guy". Canoe. 1 de decembro de 1996. Arquivado dende o orixinal o 11/07/2012. Consultado o 2008-08-04. 
  21. Richards, Olly (24 de maio de 2007). "Life In Development Hell". Empire. p. 76. 
  22. Eric Goldman, Dan Iverson, Brian Zoromski (16 de febreiro de 2012). "Top 25 Simpsons Peripheral Characters". IGN. Consultado o 6 de marzo de 2015. 
  23. Adam Finley (20 de xullo de 2006). "The Five: Great Simpsons guest stars". TV Squad. Consultado o 23 de xuño de 2007. 
  24. Potts, Kimberly. "Favorite 'Simpsons' Guest Stars". AOL. Consultado o 24 de novembro de 2008. 
  25. Turner, Chris (2004). Planet Simpson: How a Cartoon Masterpiece Documented an Era and Defined a Generation. Introdución de Douglas Coupland (1ª ed.). Toronto: Random House Canada. pp. 405–406. ISBN 978-0-679-31318-2. OCLC 55682258. 
  26. "The Family Dynamic". Entertainment Weekly. 29 de xaneiro de 2003. Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2007. Consultado o 9 de xuño de 2007. 
  27. Goldman, Eric; Dan Iverson, Brian Zoromski (8 de setembro de 2006). "The Simpsons: 17 Seasons, 17 Episodes". IGN. Consultado o 9 de xuño de 2007. 
  28. Virginia Rohan (4 de febreiro de 1998). "Out of the Bottle — Along With Many Amusing Characters, Phil Hartman of 'Newsradio' Unleashes the Rare Exception". The Record. p. Y–01. 
  29. "No raise...no big deal". Houston Chronicle. 11 de maio de 1998. p. 1. 
  30. Joyce Millman (28 de maio de 1998). "Phil Hartman: 1948–1998". Salon. Arquivado dende o orixinal o 25 de marzo de 2009. Consultado o 27 de maio de 2008. 
  31. Eric Mink (29 de maio de 1998). "Phil Hartman was quite a character". New York Daily News. 
  32. Jennifer Weiner (29 de maio de 1998). "An impressionist who let his voices propel him to fame". Philadelphia Inquirer. 
  33. Joal Ryan (28 de maio de 1998). "Comic Phil Hartman's Tragic End". E! News. Arquivado dende o orixinal o 8 de febreiro de 2009. Consultado o 27 de maio de 2008. 
  34. "Friends pay tribute to murdered comic". BBC News. 1 de xuño de 1998. Consultado o 27 de maio de 2008. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]