Homer Simpson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Homer Simpson
Personaxe de The Simpsons
Información
Dobraxe Dan Castellaneta
Sexo Masculino
Ocupación Inspector de seguridade na Planta de enerxía nuclear de Springfield
Parentes achegados Esposa: Marge
Fillos: Bart, Lisa e Maggie
Pais: Abraham e Mona
Medio-irmán: Herb Powell
Familia Simpson
Aparicións
Curtametraxes "Good Night" (1987)
Primeira aparición "Simpsons Roasting on an Open Fire" (1989)

Homer Jay Simpson é un dos personaxes principais da serie de televisión de debuxos animados The Simpsons e pai da familia epónima. Dan Castellaneta é o encargado de proporcionarlle a voz e apareceu por vez primeira na televisión, xunta o resto da súa familia, na curtametraxe de The Tracey Ullman Show titulado "Good Night" o 19 de abril de 1987.

Características[editar | editar a fonte]

Homer foi creado e deseñado polo debuxante Matt Groening mentres agardaba na recepción da oficina de James L. Brooks. Groening fora chamado para desenvolver unha serie de curtas baseadas na súa banda deseñada Life in Hell pero, no canto diso, decidiron crear un novo conxunto de personaxes. Deulle o nome ao personaxe a partir do de seu pai, Homer Groening. Tras aparecer durante tres temporadas en The Tracey Ullman Show, os Simpson pasaron a ter a súa propia serie na canle Fox, onde se estreou o 17 de decembro de 1989.

Homer é o groseiro pai da familia Simpson. Ten tres fillos, Bart, Lisa e Maggie, coa súa muller, Marge. Traballa como inspector de seguridade na Planta de enerxía nuclear de Springfield. A súa personalidade representa diversos estereotipos da clase obreira estadounidense: é un home groseiro, con sobrepeso, incompetente, torpe, lacazán, ignorante e alcólico; non obstante, é completamente fiel á súa familia.

Nas curtas e os episodios máis temperáns, Castellaneta púxolle a voz a Homer facendo unha imitación de Walter Matthau; con todo, durante a segunda e terceira temporadas do programa, a voz de Homer evolucionou para se tornar máis robusta, e así permitir a expresión dunha gama máis ampla de emocións. Homer apareceu noutros medios relacionados con The Simpsons (videoxogos, The Simpsons Movie, The Simpsons Ride, anuncios e cómics) e inspirou unha liña enteira de mercadorías. A súa frase comodín, o gruñido de anoxo "D'oh!", foi incluído no Oxford Dictionary of English en 1998 e no Oxford English Dictionary en 2001.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Homer é un dos personaxes de ficcións máis influente da televisión, sendo descrito polo diario británico The Sunday Times como "a mellor creación cómico dos tempos modernos". Está considerado o segundo mellor personaxe de debuxos pola TV Guide e foi elixido o mellor personaxe televisivo de todos os tempos polos espectadores do Channel 4. Castellaneta gañou catro Premios Primetime Emmy na categoría "Premio Primetime Emmy á mellor actuación de voz" e unha mención especial nos Premios Annie por interpretar a Homer. En 2000, Homer, xunto co resto da súa familia, foi galardoado cunha estrela no Paseo da Fama de Hollywood.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]