Triángulo das Bermudas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Mapa con unha das versións da extensión do Triángulo das Bermudas

O Triángulo das Bermudas é unha zona xeográfica de extensión non ben definida, nin delimitada como área xeográfica por ningunha institución, situada no oeste do océano Atlántico. Nesa zona supostamente desapareceron unha serie de aeronaves e navíos baixo circunstancias misteriosas. A cultura popular atribuíu varias desaparicións a actividades paranormais ou extraterrestres.[1] pero a evidencia documental indica que cando menos unha boa porcentaxe dos incidentes estaban baseados en informacións erróneas, mal interpretadas ou modificadas por autores posteriores.[2][3][4] Nun estudo de 2013, o Fondo Mundial para a Natureza identificou as 10 augas máis perigosas para a navegación, e o Triángulo das Bermudas non estaba entre elas.[5]

Extensión[editar | editar a fonte]

A primeira referencia escrita aos límites da superficie do triángulo é un artigo de Vincent Gaddis nún número de 1964 da revista pulp Argosy,[6], onde os tres vértices do triángulo están en Miami, na península de Florida, San Xoán de Porto Rico e a illa das Bermudas.[3]. Pero autores posteriores que trataron do tema non seguiron esta delimitación.[3], dando diferentes fronteiras e vértices ao triángulo, cunha área total que varía entre 1.300.000 e 3.900.000 km 2.[3] Como consecuencia, a determinación de que accidentes ocorreron dentro do triángulo depende do autor.[3] O United States Board on Geographic Names non recoñece este nome, e a área non está delimitada en mapa ningún realizado por axencias gobernamentais dos Estados Unidos.[3]

Orixe[editar | editar a fonte]

Mapa do plan de voo e a posición final o 5 de decembro de 1945 dos TBM Avenger nunha misión de adestramento, coñecidos coa designación de Voo 19

O 17 de setembro de 1950 nun artigo publicado no Miami Herald por Edward Van Winkle Jones.[7] Dous anos despois a revista Fate, dedicada a fenómenos paranormais, publicou "Sea Mystery at Our Back Door",[8], un artigo curto de George X. Sand sobre a desaparción de varios avións e barcos, entre eles do Voo 19, un grupo de cinco bombardeiros TBM Avenger da Armada dos Estados Unidos de América que estaban a realizar unha misión de adestramento, foi o primeiro artigo en situar a área triangular onde aconteceran as desaparicións. En abril de 1962 na revista American Legion[9] apareceu un artigo de Allan W. Eckert dedicado ao Voo 19 no que se suxería por vez primeira elementos sobrenaturais no incidente [10] No número de febreiro de 1964 da revista Argosy, Vincent Gaddis escribiu o artigo "The Deadly Bermuda Triangle" no que ademais de cuñar a expresión "Triángulo das Bermudas"[11] sostiña que o Voo 19 e outras desaparicións eran parte dun patrón de estraños sucesos na rexión.[12] Ao ano seguinte, Gaddis seguindo o que publicara no artigo publicou o libro Invisible Horizons.

Outros autores seguiron o seu ronsel, elaborando as ideas de Gaddis, entre os que salientan John Wallace Spencer (Limbo of the Lost, 1969), Charles Berlitz |(The Bermuda Triangle, 1974), Richard Winer (The Devil's Triangle, 1974), todos eles mantendo a teoría dos elementos sobrenaturais.[13]

Casos notables[editar | editar a fonte]

A goleta Carroll A. Deering, un buque faro, vista desde o Cabo Lookout o 29 de xaneiro de 1921, dous días antes de que se atopase baleiro de tripulación

USS Cyclops[editar | editar a fonte]

O USS Cyclops era un buque carboeiro da Armada dos Estados Unidos cunha tripulación de 309 homes que desapareceu sen traza tras deixar a illa de Barbados o 4 de marzo de 1918. Foi a meirande perda de vidas nun único incidente rexistrada na Armada estadounidense fóra de accións de combate. Existen teorías relacionadas coa súa desaparición, ningunha concluínte, e segundo o Naval History & Heritage Command[14] o barco probablemente adundiuse debido a unha tormenta inesperada. Posteriormente dous dos seus buques xemelgos, o USS Proteus e o USS Nereus, perdéronse no Atlántico Norte durante a Segunda Guerra Mundial, considerándose un fallo estrutural por mor de sobrecarga a causa máis probable do seu afundimento.

Carroll A. Deering[editar | editar a fonte]

A goleta de cinco mastros Carroll A. Deering botada en 1919 atopouse preto do Cabo Hatteras (Carolina do Norte) sobordado na praia e abandonado o 31 de xaneiro de 1921. Existen teorías relacionadas coa piratería, por mor do contrabando de ron durante a Prohibición, poñéndose en relación con outro barco, o SS Hewitt que desaparecera uns días antes.

Voo 19[editar | editar a fonte]

Avengers da Armada estadounidense, similares aos do Voo 19.

O Voo 19 era unha escuadrilla de cinco avións torpedeiros TBM Avenger con 14 tripulantes que realizaban unha práctica de adestramento e que desapareceron o 5 de decembro de 1945, mentres sobrevoaban o Atlántico. Segundo o plan de voo da escuadrilla habían voar 141 millas ao leste de Fort Lauderdale e logo 73 millas ao norte para virar e voar un tramo final de 140 millas para completar o exercicio pero os avións nunca volveron á base. Unha das teorías fala da desorientación das aeronaves que caeron ao mar tras esgotar o combustible.

Unha das aeronaves de rescate, o hidroavión PBM Mariner cunha tripulación de 13 homes, tamén desapareceu. Un petroleiro navegando preto de Florida informou dunha explosión[15] e observou unha ampla mancha de aceite ao procurar infrutuosamente por sobreviventes.[16]

Star Tiger e Star Ariel[editar | editar a fonte]

O Star Tiger era un avión de pasaxeiros Avro Tudor IV que desapareceu o 30 de xaneiro de 1948 durante un voo entre os Azores e as Bermudas e o Star Ariel, un avión de pasaxeiros Avro Tudor Mark IVB, desapareceu o 17 de xaneiro de 1949 nun voo entre as Bermudas e Kingston. Os dous ademais de ser modelos semellantes estaban operados pola British South American Airways.[17] Ámbalas dúas aeronaves operaban no límite do seu alcance de voo e calquera erro ou fallo no equipo podía impedirlles chegar ao seu destino.

Douglas DC-3[editar | editar a fonte]

O 28 de decembro de 1948 un Douglas DC-3, número NC16002, desapareceu mentres realizaba un voo entre San Xoán de Porto Rico e Miami, sen atoparse trazas do avión nin se atopou a ningunha das 32 persoas a bordo. Non se puido determinar a causa da súa desaparición pola escasa información existente, aínda que atopou que as baterías tiñan un nivel de carga baixo e non se recargaron en San Xoán [18].

Explicacións sobrenaturais[editar | editar a fonte]

Os autores que indagaron no Triángulo utilizaron variados conceptos sobrenaturais para explicar estes e outros sucesos. Unha explicación refírese á existencia de restos de tecnoloxía da Atlántida, ás veces en conexión con esta está a formación de rocha mergullada coñecida como Camiño de Bimini nas proximidades da illa de Bimini nas Bahamas, que segundo algunhas versións está no Triángulo. Os seguidores do vidente Edgar Cayce tomaron a súa predición que a evidencia da Atlántica se ía descubrir en 1968 como referida ao descubrimento do Camiño de Bimini a pesar que os xeólogos consideran esa formación de orixe natural. Outros escritores atribúen os incidentes a ovnis.[19], idea que utilizou Steven Spielberg no filme Close Encounters of the Third Kind, que describe a perda do Voo 19 como consecuencia dunha abdución alineníxena. Charles Berlitz, autor de varios libros sobre fenómenos anómalos, lista múltiples teorías atribuíndo as desaparicións no Triángulo a forzas anómalas ou inexpllicables.

Rebatemento[editar | editar a fonte]

Larry Kusche, bibliotecario na época da Universidade Estatal de Arizona publicou en 1975 The Bermuda Triangle Mystery: Solved (1975) no que afirma que moitas dos feitos relatados por Gaddis e autores posteriores estaban contados dun xeito esaxerado, dubidoso ou sen verificar. A investigación realizada por Kusche revelou abondas imprecisións e datos erróneos entre a información que fornecía Berlitz e a das testemuñas presenciais. Kusche atopou casos onde non se dera a información pertinente como na desaparición de Donald Crowhurst, que Berlitz presentara como un misterio, non obstante haber claras evidencias do contrario. Kuscher tamén constatou que unha gran porcentaxe de incitentes que presuntamente aconteceran dentro da misteriosa influencia do Triángulo realmente sucederan ben lonxe da área. As conclusións finais de Kusche foron que o número de navíos e aeronaves desaparecidas na área non eran significativamente meirandes, proporcionalmente, que en calquera outra parte do océano, ademais tendo en conta que é unha área onde son frecuentes as tormentas tropicais, feito que Berlitz e outros autores tenden a omitir, mesmo presentando as desaparicións en codicións de mar calmo cando os partes meterolóxicos contradicen ese feito. O número de desaparicións é esaxerado por investigacións indiscriminadas, mencionándose desaparicións de barcos pero non a súa eventual volta a porto; mesmo algunhas desaparicións nunca sucederon, así algúns autores falaron dun accidente dun avión eb 1937 en Daytona fronte a centos de testemuñas pero non existe noticia ningunha dese incidente nos xornais locais e para Kursche a lenda do Triángulo das Bermudas é un misterio prefabricado por escritores que a posta ou por descoñecemento fixeron uso de falsidades, razoamentos defectuosos e sensacionalismo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Smith, Marilyn (2003). "Bermuda Triangle: dichotomy, mythology, and amnesia". Journal of Teacher Education 54 (4). p. 275. doi:10.1177/0022487103256793. 
  2. "Bermuda Triangle". History.navy.mil. 2003-07-13. Consultado o 2011-10-27. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "Bermuda Triangle". History.navy.mil. 1996-05-12. Consultado o 2011-10-27. 
  4. "USCG: Frequently Asked Questions". Uscg.mil. 2008-07-22. Consultado o 2011-10-27. 
  5. "Study finds shipwrecks threaten precious seas". BBC News/science. 7 June 2013. Consultado o 7 June 2013. 
  6. Gaddis, Vincent (1964), "The Deadly Bermuda Triangle", Argosy
  7. E.V.W. Jones (16 de setembro de 1950). "Same Big World, Sea's Puzzles Still Baffle Men In Pushbutton Age". Associated Press. 
  8. George X. San (outubro de 1952). "Sea Mystery at Our Back Door". Fate. 
  9. Allen W. Eckert (abril de 1962). "The Mystery of The Lost Patrol". American Legion Magazine.  Citado en James R. Lewis (editor), Satanism Today: An Encyclopedia of Relgion, Folklore, and Popular Culture, páxina 72, entrada de Jerome Clark (ABC-CLIO, Inc., 2001). ISBN 1-57607-292-4
  10. Diana Formisano Willett, Paranormal Fright, p. 9 (AuthorHouse, 2013), ISBN 978-1-4817-3268-0
  11. Williams, William F. (2013) Encyclopedia of Pseudoscience: From Alien Abductions to Zone Therapy Routledge, p. 30
  12. Gaddis, Vincent (1964). "The Deadly Bermuda Triangle". Argosy. 
  13. "Strange fish: the scientifiction of Charles F. Berlitz, 1913–2003". Skeptic (Altadena, CA). marzo de 2004. 
  14. "Bermuda Triangle". Naval History & Heritage Command.United States Navy. Consultado o 22 de marzo de 2014
  15. [1] (ed.). "The Loss of Flight 19". 
  16. Bermuda Triangle .org (ed.). "The Disappearance of Flight 19". 
  17. bermuda-traingle.org (ed.). "The Tudors". 
  18. Civil Aeronautics Board Accident Investigation Report
  19. "UFO over Bermuda Triangle". Ufos.about.com. 29 de xuño de 2008. Consultado o 1 de xuño de 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]