Cráter volcánico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O interior do cráter do Monte Vesuvio, (Italia).

Os cráteres volcánicos son depresións circulares causadas por actividade volcánica.[1] Funcionan como abertura ou boca de erupción de moitos volcáns e están situados xeralmente nos seus cumes.

Características[editar | editar a fonte]

O cráter adoita adoptar a forma dun cono invertido excavado polas erupcións na parte superior do volcán. Ás veces está localizado nun flanco do edificio volcánico, cando este ten un cono adventicio, e entón o cráter é cualificado de lateral ou parasito. Tamén pode ocorrer que o volcán careza de cono ben definido, como nos volcáns de tipo hawaiano, que son escudos volcánicos, e entón o cráter é unha cavidade no chan da parte alta do escudo na cal gurgulla e se axita a lava, que se desborda durante as erupcións.

Existen volcáns que, dependendo da súa orixe, poden chegar a conter máis dun cráter, pero sempre teñen un cráter principal. Estes cráteres poden ter dimensións diferentes desde uns metros a quilómetros.

Nos cráteres poden formarse brechas durante unha erupción, debido a explosións ao á saída da lava, ou por erosión lateral. Nos cráteres con brecha, o bordo do cráter é máis baixo por un lado.

Nos volcáns de tipo peleano é frecuente que o cráter estea taponado por un domo ou un pitón de rocha. Durante as erupcións, este tapón pode explotar e poden orixinarse grandes nubes de piroclastos.

Algúns volcáns, como os chamados maar, consisten só nun cráter, e practicamente non teñen montaña en absoluto. Estes cráteres de explosión fórmanse cando o magma ascende a través de rochas saturadas de auga e causa unha erupción freática. Os cráteres volcánicos orixinados por erupcións freáticas aparecen a miúdo en chairas que están lonxe doutros volcáns máis obvios.

Nas erupcións fisurais non se orixina cráter.

É frecuente que nos cráteres se formen lagos.

Ás veces ás caldeiras volcánicas se lles chama cráteres, pero a súa orixe e características son diferentes.

Vista panorámica do cráter do Cotopaxi, Ecuador.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Glossary of Terms: C". physicalgeography.net. Consultado o 12 de abril de 2008. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]