Trastorno do control dos impulsos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Trastorno do control dos impulsos
Clasificación e recursos externos
ICD-10F63
ICD-9312.3
MeSHD007174
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O trastornos do control dos impulsos comprenden un grupo de doenzas psiquiátricas caracterizadas pola presenza de impulsividade (fracaso á hora de resistir ou reprimir un desexo, pulsión ou impulso que pode traer consecuencias nocivas para o paciente e o resto da xente).

Existen outras patoloxías psiquiátricas que cursan con desordes no control dos impulsos, entre as que destacan as desordes por abuso de substancias, as parafilias, o trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH), os trastornos antisocial e límite da personalidade, a esquizofrenia, ou trastornos do estado de ánimo coma a depresión ou o trastorno bipolar.

Na quinta edición da American Psychiatric Association's Diagnostic and Statistical Manual of Mental Disorders (DSM-5) publicado en maio de 2013 inclúese un novo capítulo (non incluído na edición anterior, o DSM-IV-TR) en Trastornos de disrupción, control de impulsos e da conduta, caracterizados por problemas na esfera emocional e do comportamento e autocontrol.[1] Tamén se inclúe un capítulo de Trastornos do control de impulsos non especificados, no que se inclúen o trastorno explosivo intermitente, a piromanía e a cleptomanía.

Clasificación[editar | editar a fonte]

  • Trastorno explosivo intermitente: Existen episodios illados de falta de control de impulsos agresivos (agresións serias, destrución da propiedad...) que se manifestan con ataques de ira desproporcionados. Instáuranse en minutos ou horas e poden remitir espontaneamente. Posteriormente adoita haber arrepentimento ou culpabilidade.
  • Cleptomanía: Impulso irrefrenábel de roubar obxectos, independentemente do valor material que posúan. O acto de robar non é premeditado e responde a un impulso incontrolábel que leva ao doente a ter a necesidade de roubar para calmar a ansiedade que teñen nese intre.
  • Piromanía: Existe unha fascinación polo lume e unha gratificación aoprovocalo. Trátase de accións deliberadas e premeditadas. Adoitan traballar nas profesións vencelladas ao fogo (bombeiros, gardas forestais).
  • Ludomanía, ludopatía ou xogo patolóxico: Conduta de xogo persistente, recorrente e que produce disfunción psicosocial, familiar e económica. A necesidade de xogo vai en aumento.
  • Tricotilomanía: Falta de control de impulsos que leva a turrar do cabelo até o arrincar provocando calvas. Non hai disfunción psicosocial. Pode chegar a relacionarse coa tricofaxia (inxerir o cabelo).
  • Dermatilomanía: Urxencia compulsiva por rañar, excoriar ou beliscar na propia pel.
  • Onicofaxia: Hábito compulsivo de comer, cortar ou trabar nas unllas.
  • Compra por impulso: Impulso irresistíbel de compra espontánea, non premeditada.
  • Síndrome de Acaparador Compulsivo: tendencia á acumulación de artigos ou obxectos de xeito excesivo, mesmo aínda se os obxectos non teñen valor, son perigosos ou insalubres.

Síntomas[editar | editar a fonte]

Existen cinco estadíos ou factos que poden suxestionar a presenza dun trastorno do control dos impulsos: os propios impulsos, tensión en aumento, pracer ao levaren a termo a acción (o pirómano, prender lume; o cleptómano, roubar; etc.), alivio do estrés após a acción, e sensación de culpabilidade.[2]

Tratamento[editar | editar a fonte]

Caixa de Fluoxetina.

Para tratar os trastornos do control de impulsos existen dúas modalidades terapéuticas: o tratamento farmacolóxico e o tratamento mediante psicoterapia, aínda que adoitan combinarse ámbolos dous tipos para alcanzar unha maior eficacia no tratamento. O tratamento escolleito tamén ha de ter en conta as condicións comórbidas do doente, isto é, outras enfermidades que poidan darse no doente de xeito concomitante. As máis frecuentes adoitan ser a depresión e os trastornos da personalidade.

O tratamento farmacolóxico de elección baséase nos antidepresivos do tipo inhibidores selectivos da recaptación de serotonina (IRSS).[3] Entre eles o máis empregado é a fluoxetina. Outros antidepresivos como o citalopram ou a sertralina poden ser axeitados.

A terapia psicolóxica de elección é a terapia cognitivo condutual.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Highlights of Changes from DSM-IV-TR to DSM-5" (PDF). DSM5.org. American Psychiatric Association. 2013. Consultado o October 23, 2013. 
  2. Wright A, Rickards H, Cavanna AE (December 2012). "Impulse-control disorders in gilles de la tourette syndrome". J Neuropsychiatry Clin Neurosci 24 (1): 16–27. PMID 22450610. doi:10.1176/appi.neuropsych.10010013. 
  3. Grant JE, Potenza MN (2004). "Impulse Control Disorders: Clinical Characteristics and Pharmacological Management". Annals of Clinical Psychiatry 16 (1): 27–34. PMID 15147110. doi:10.1080/10401230490281366. 
  4. Hodgins DC, Peden N (2008). "Cognitive-behavioral treatment for impulse control disorders". Rev Bras Psiquiatr 30 (Suppl 1): S31–40. PMID 17713695. Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2014. Consultado o 05 de febreiro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]