Trapps siberianos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Extensión dos trapps siberianos (mapa en alemán).
Detalles dos trapps siberianos (mapa en italiano).

Os trapps (ou traps) siberianos ou escaleiras siberianas (en ruso: Сибирские траппы, Sibirskie trappi) son formacións de orixe magmática que forman unha gran rexión de rocha volcánica, que constitúe unha gran provincia ígnea, en Siberia, Rusia. O evento de erupción masiva que deu lugar aos trapps, un dos maiores na historia xeolóxica da Terra, prolongouse durante millóns de anos e considérase que foi clave na extinción masiva do Permiano-Triásico, de hai 250-251 millóns de anos.[1][2]

O termo «trapp» (ou tamén «trap») provén da palabra sueca trapp (variante de trappa), que significa 'escaleira', en referencia aos outeiros formando banzos con aspecto de escaleiras que compoñen a paisaxe da rexión, típicos deste tipo de formacións de basalto.

Extensión xeográfica[editar | editar a fonte]

Os trapps siberianos orixinados no evento de formación basáltica cobren na actualidade aproximadamente dous millóns de quilómetros cadrados, equivalentes á superficie de Europa Occidental. As estimacións sobre a súa extensión orixinal dan cifras próximas aos sete millóns de quilómetros cadrados, cun volume de lava de entre un e catro millóns de quilómetros cúbicos.

A área localízase entre os 50º e 75º de latitude Norte, e 60º e 120º de lonxitude Leste.

Formación[editar | editar a fonte]

A orixe dos trapps siberianos foi atribuída a diversos motivos, tales como unha pluma do manto que impactou a base da codia terrestre e atravesou o cratón siberiano ata saír á superfice, ou a un proceso relacionado coa tectónica de placas.[3]

Entre os posibles causantes do evento tamén se propuxo o impacto meteorítico que formou o cráter da Terra de Wilkes na Antártida, que puido acontecer no mesmo período. Esta teoría mantén que os trapps siberianos foron o resultado dunha serie de réplicas sísmicas no interior da Terra que culminaron nunha erupción xigantesca nun punto próximo aos antípodas do lugar de colisión do asteroide.[4] Os científicos seguen debatendo a factibilidade desta hipótese.[5]

Crese que os trapps siberianos entraron en erupción a través de numerosas fontes durante máis dun millón de anos, en rexións situadas ao leste e sur de Norilsk, Siberia. É posible que algunhas das erupcións individuais chegasen a emitir volumes de lava superiores aos 2000 km3.

A presenza dunha ampla extensión de tufo volcánico e de depósitos piroclásticos suxire que tiveron lugar unha serie de grandes erupcións explosivas antes das erupcións de lava basáltica ou durante as mesmas. A presenza de rochas volcánicas silícicas como a riolita, indican tamén erupcións de carácter explosivo.

A meseta de Putorana, Patrimonio da Humanidade da Unesco, pertence aos trapps siberianos.

Impacto na vida prehistórica[editar | editar a fonte]

Este evento volcánico estendeuse ao longo do límite entre o Permiano e o Triásico, hai uns 250 millóns de anos, e é citado como unha das posibles causas que provocaron a extinción masiva de dito período, coñecida como a extinción do Permiano-Triásico ou, coloquialmente, a Gran Mortaldade (a maior na historia da Terra).[2][6] Actualmente, descoñécese se a responsabilidade dos trapps siberianos no evento de extinción foi directa ou se, ao contrario, foron causados por un evento maior, como o impacto dun asteroide.

Recentemente xurdiu a hipótese de que esta erupción masiva puido orixinar un crecemento descontrolado na poboación da arquea Methanosarcina, un microorganismo anaerobio produtor de metano (un gas de efecto invernadoiro vinte e tres veces máis potente que o dióxido de carbono).[7] Os gases emitidos polos trapps siberianos puideron provocar por si sós un efecto invernadoiro que aumentase a temperatura dos océanos ata un punto crítico no que os depósitos de hidrato de metano do leito mariño reaccionaron, liberando grandes cantidades adicionais de metano á superficie e agravando o quecemento global.

O evento de extinción do Permiano-Triásico afectou a toda a vida na Terra e estímase que puido acabar co 90 % das especies daquela existentes.[8] Os estudos realizados ao respecto indican que o planeta necesitou máis de 30 millóns de anos para recuperarse das perturbacións climáticas e ecolóxicas derivadas desta serie de erupcións.[9] Os cálculos da temperatura do mar realizados con delta-O-18 (un indicador da proporción de isótopos estables), revelan que as temperaturas oceánicas ecuatoriais chegaron a superar os 40 °C.

As evidencias paleontolóxicas indican, ademais, que a distribución global dos tetrápodos se desvaneceu, con raras excepcións na rexión de Panxea actualmente ocupada por Utah, entre as latitudes de 40ºS e 30ºN. A brecha coincide coa escaseza de carbón do período comprendido entre o final do Permiano e o Triásico Medio, como consecuencia da perda dos pantanos de turba. A formación de turba, un produto resultante da putrefacción da vexetación na auga ácida de marismas, pantanos e zonas húmidas en condicións de baixa actividade microbiana; non se restableceu ata o Anisiano (hai 245-237 millóns de anos) e só en altas latitudes do sur. Non obstante, os bosques de ximnospermas apareceron con anterioridade, aínda que en altas latitudes do norte e do sur.[6]

Na Panxea ecuatorial, a recuperación dos bosques dominados por coníferas necesitou millóns de anos tras esta extinción. As primeiras reservas de carbón posteriores ao evento destas latitudes, datan do Carniense (transcorridos 15 millóns de anos despois do final do Permiano). Estes signos indican que as temperaturas ecuatoriais foron moi superiores ás toleradas pola maioría dos vertebrados mariños polo menos durante dous máximos térmicos, mentres que as temperaturas ecuatoriais terrestres eran o suficientemente elevadas como para suprimir a abundancia de plantas e animais durante a maior parte do Triásico Temperán.[1]

Depósitos de níquel[editar | editar a fonte]

O gran depósito de níquel, cobre e paladio de Norilsk-Talnakh encóntrase entre os condutos de magma na parte principal dos trapps siberianos.

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

Os trapps siberianos, o episodio eruptivo que os formou e a extinción en masa do Permiano-Triásico, foron tratados por varios documentais, entre eles Animal Armageddon e The Day The Earth Nearly Died. Tamén foron mencionados na serie Cosmos: A Spacetime Odyssey, presentado por Neil deGrasse Tyson, no episodio titulado Evolución molécula a molécula.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Sun, Yadong; Joachimski,Wignall,Yan,Chen,Jiang,Wang,La (27 de outubro de 2013). "Lethally Hot Temperatures During the Early Triassic Greenhouse". Science 338: 366–70. doi:10.1126/science.1224126. 
  2. 2,0 2,1 "New Studies of Permian Extinction Shed Light On the Great Dying", New York Times, 3o de abril de 2012. Consultado o 2 de maio de 2012.
  3. Foulger, G.R. (2010). Plates vs. Plumes: A Geological Controversy. Wiley-Blackwell. ISBN 978-1-4051-6148-0. 
  4. von Frese, R. R. B.; Potts, L. V.; Wells, S. B.; Leftwich, T. E.; Kim, H. R.; Kim, J. W.; Golynsky, A. V.; Hernandez, O.; Gaya-Piqué, L. R. (2009). "GRACE gravity evidence for an impact basin in Wilkes Land, Antarctica". Geochemistry Geophysics Geosystems 10: Q02014. Bibcode:2009GGG....1002014V. doi:10.1029/2008GC002149. Arquivado dende o orixinal o 03 de outubro de 2012. Consultado o 20 de xuño de 2012. 
  5. Czamanske, Gerald K.; Fedorenko, Valeri A. The Demise of the Siberian Plume, xaneiro de 2004.
  6. 6,0 6,1 "Could Siberian volcanism have caused the Earth's largest extinction event?", Eurekalert!, 9 de xaneiro de 2012. Consultado o 12 de xaneiro de 2012.
  7. "Methane-spewing Microbe Blamed in Earth's Worst Mass Extinction" Scientific American, abril de 2014, Consultado o 7 de abril de 2014.
  8. Benton M J (2005). When Life Nearly Died: The Greatest Mass Extinction of All Time. Thames & Hudson. ISBN 978-0-500-28573-2. 
  9. Sahney, S. and Benton, M.J. (2008). "Recovery from the most profound mass extinction of all time" (PDF). Proceedings of the Royal Society: Biological 275 (1636): 759–65. PMC 2596898. PMID 18198148. doi:10.1098/rspb.2007.1370. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]