Isótopo estable

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un isótopo estable é aquel isótopo que non é radioactivo. So esta definición atópanse 256 isótopos estables coñecidos dos elementos químicos.

Un elemento químico ten un ou varios isótopos, dos cales todos, algúns, ou ningún, poden ser isótopos estables. Os isótopos que non son estables, a diferenza dos estables, desintégranse para daren lugar a outros núclidos emitindo partículas ou radiación electromagnética.

Por exemplo, o tecnecio non ten ningún isótopo estable mentres que o estaño ten dez isótopos estables.

Coñécense uns 2500 núclidos, dos cales son estables menos de 300. A representación do número de neutróns (N) fronte ao número de protóns (número atómico, Z) indicándose os isótopos estables denomínase carta de Segrè (deseñada polo físico Emilio Segrè).

A rexión de estabilidade definida por esta gráfica é estreita, cumpríndose que para números de masa (A) pequenos o número de protóns e de neutróns é similar, mentres que conforme aumenta A, a relación N/Z tamén aumenta (ata un valor de aproximadamente 1,6).

Os núclidos que están á dereita desta franxa de estabilidade son núclidos con demasiados protóns para os neutróns que ten, e os núcleos rómpense por repulsión.

Os núclidos que están á esquerda son núclidos con demasiados neutróns para os protóns que teñen, e prodúcese un proceso de decaemento convertendo neutróns en protóns.

Atópase que para Z=43, Z=61 ou Z>83 non hai ningún núclido estable.

A forza nuclear forte é a encarregada de manter unido o núcleo atómico, a pesar de que a forza electromagnética faga que os elementos co mesmo signo de carga eléctrica (os protóns, que teñen todos unha carga positiva) se repelan. Porén, a forza nuclear forte ten un radio de acción moi pequeno, o que explica que non se atopen núcleos estables para Z>83, xa que, ao aumentar o número de protóns, aumenta o tamaño do núcleo, polo que a forza nuclear forte se ve sobrepasada pola forza electromagnética, que logra chegar a expulsar algún protón.