Saltar ao contido

The Pillars of the Earth

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

The Pillars of the Earth
Título orixinalThe Pillars of the Earth, Die Säulen der Erde, Els pilars de la Terra e Los pilares de la Tierra
Autor/aKen Follett
OrixeReino Unido
Lingualingua inglesa
Tema(s)Século XII
Xénero(s)Novela histórica
EditorialMacmillan Publishers
Data de pub.1989
FormatoImpreso
Páxinas1.300
Seguido porWorld Without End
Premios
Na rede
editar datos en Wikidata ]

The Pillars of the Earth é unha novela histórica do autor británico Ken Follett, publicada en 1989. Está ambientada na Inglaterra da Idade Media, en concreto no século XII, durante un período de guerra civil coñecido como anarquía inglesa, comprendido entre o afundimiento do White Ship e o asasinato do arcebispo Thomas Becket. Porén, tamén se recrea unha viaxe de peregrinación a Santiago de Compostela a través de Francia e España.

A novela describe o desenvolvemento da arquitectura gótica a partir da súa precursora, a arquitectura románica e as vicisitudes do priorato de Kingsbridge, cun pano de fondo cheo dos acontecementos históricos que estaban a acontecer nese intre. Malia que Kingsbridge é o nome dunha localidade inglesa real, o Kingsbridge ó que se fai referencia na novela é, en realidade, un lugar ficticio representativo da típica vila inglesa no que se establecían mercados na época.

O autor sorprendeu con esta novela non só ós seus lectores, ávidos de thrillers, senón tamén ós seus editores, co seu contido e lonxitude (máis de 1.000 páxinas). A novela foi incluída na posición 33 da enquisa realizada pola BBC en 2003, cuxo obxectivo era atopa-las obras máis apreciadas da literatura británica. Ademais, foi elixida en 2007 polo club literario Oprah's Book Club.

A novela comeza coa historia de Tom Builder e a súa familia. Tom é un construtor que cae na pobreza ó perder o seu traballo. Estaba a construír unha casa para o fillo dun nobre, William Hamleigh. Agnes, esposa de Tom, dá a luz nun bosque ó terceiro fillo da parella e morre ás poucas horas. Tom decide abandonar o bebé; con todo, non tarda en se arrepentir e vai na súa procura, mais non é quen de o atopar. Ellen, unha muller que vive no bosque e que se atopou coa familia de Tom, dilles que un sacerdote levou o bebé e estao a coidar. Ellen ten un fillo de pelo roxo, Jack. Tom e Ellen van ó mosteiro do bosque a ve-lo bebé, ó que os monxes bautizaron coma Jonathan, e deciden deixalo con eles para que o coiden.

Despois de moitos apuros, a familia coñece ó conde Bartholomew de Shiring e á súa filla, Aliena, da que Jack se enamora. Conseguen traballo, mais William conquista o castelo do conde ó descubrir que está de parte de Maud, a lexítima raíña, e é desleal ó rey Esteban, con quen está en guerra civil. De novo Tom queda sen traballo.

Chegan a Kingsbridge onde, ante a perspectiva de non atopar traballo, Jack prende lume á vella catedral, de xeito que Philip, o prior, ten que ordenar construír outra. De tal xeito, Tom consegue traballo e todos se acomodan en Kingsbridge.

Máis tarde, William volve ó castelo do conde e atopa a Aliena, á cal viola. Tras huir co seu irmán Richard do castelo, Aliena adícase á compra e venda de la, e coñece por sorte ó prior Philip, que acepta mercarlle a súa la por un prezo razoable. Así, Aliena comeza un próspero negocio. O bispo de Shiring, Waleran Bigod, oponse á construción da nova catedral, que suporía o ascenso de Kingsbrige e a caída de Shiring. Comeza unha conspiración con William para rematar co proxecto da catedral e con Kingsbridge. Mentres tanto, Tom e Ellen casan.

O prior Philip traballa arreo para converter Kingsbridge nunha cidade próspera e respectable. Así a todo, non resulta unha tarefa doada xa que a guerra civil estase a estender por toda Inglaterra, sucedéndose continuas loitas entre a emperatriz Maud e o rei Esteban polo trono. Jack e Aliena namóranse, mais William incendia Kingsbridge e Aliena perde o negocio e cae na ruína. Tom morre e ocupa o seu cargo Alfred, o seu fillo, de maior reputación no gremio, aínda que Jack ten moito máis talento coma mestre construtor ca el.

Aliena, ó non tener cartos para paga-las armas e os cabalos que precisa o seu irmán, vese presionada por este a se casar co adiñeirado Alfred. Jack, que sente que xa nada o une á cidade, marcha a Francia coa intención de averigua-la misteriosa orixe do seu pai. O matrimonio de Aliena e Alfred é maldito por Ellen, a nai de Jack. Dita unión resultaría, efectivamente, desastrosa.

Por outra parte, Alfred convence a Philip de que lle permita substituí-lo teito de madeira dos planos do seu pai por un de pedra. Na inauguración, o teito da catedral desplómase e mata a moitas persoas. No medio dese caos, Aliena dá a luz a un neno de pelo roxo que, en realidade, é de Jack, polo que Alfred expúlsaa da súa casa. Aliena decide ir na procura de Jack, o cal marchara a Santiago de Compostela. No transcorrer da súa peregrinación, Jack colaborou na construción da Basílica de Saint-Denis, preto de París, de xeito que aprendeu a construír bóvedas de crucería e arcos apuntados, unha técnica revolucionaria.

Á volta de Santiago reúnese con Aliena e descobre, por casualidade, que o seu pai provén de Cherburgo. Cando regresan a Kingsbridge, Philip négalles a posibilidade de contraeren matrimonio, xa que Alfred e Aliena aínda están casados.

Anos despois, a catedral séguese a construír con Jack coma novo mestre construtor en substitución de Alfred o cal regresa, de súpeto, a Kingsbridge. Intenta violar a Aliena, mais cando Richard o descobre, mátao en defensa da súa irmá. Richard recupera o título que lle quitaran ó seu pai trala conquista do castelo de Shiring, pero o condean a morrer aforcado por matar a Alfred. Entón Philip decide que o mellor é que se vaia a combater na Guerra Santa, ás Cruzadas en Xerusalén, para redimi-los seus pecados e evita-la sentenza de morte. Abandona o condado, do que se fará cargo Aliena, quen por fin poderá contraer matrimonio con Jack, e resultará ser moito mellor xestora do territorio que o verdadeiro conde, o seu irmán.

Despois de moitos anos, a catedral de Kingsbridge queda terminada e se fai famosa en toda Inglaterra pola súa beleza: era a primeira catedral gótica do país. Jack solucionara de xeito brillante as fendeduras xurdidas polo vento no triforio, ó deseñar de xeito independente os arcobotantes. Nun último intento de ataque, o resentido Waleran Bigod acusa publicamente a Philip de ter incumplido o voto de castidade: Waleran afirma que o monxe Jonathan (fillo de Tom Builder, nese momento xa adulto, a quen Philip criara no mosteiro) era, en realidade, o fillo segredo de Philip. Jack vincula a Jonathan co fillo perdido de Tom Builder, e Ellen xura no xuízo que Jonathan é, en realidade, fillo de Tom. Cando Waleran a acusa de mentir baixo xuramento, ela cúlpao á súa vez de cometer perxurias, achacándolle a morte do seu amante, o pai de Jack. Descóbrese que Percy Hamleigh (o pai de William), Waleran Bigod e o antigo prior de Kingsbridge, James, conspiraran para asasinar o único supervivente do White Ship, Jack Shareburg, pai de Jack, co propósito de ocultar co afundimento do White Ship era, en realidade, un asasinato. Bigod queda arruinado por este escándalo, e implora vivi-lo resto dos seus días coma un humilde monxe. Philip acepta.

Mentres tanto, William Hamleigh continua a levar unha vida miserable. Finalmente uniuse a un grupo, baixo a bandeira do rei Henrique II, quen quería asasina-lo arcebispo de Canterbury, Thomas Becket. O prior Philip estaba con Becket cando tivo lugar o asasinato, presenciándoo todo, polo que encabezou unha protesta contra Hamleigh e o rei, na que reivindicou a santificación de Becket. William Hamleigh foi detido polo fillo de Aliena, acusado de sacrilexio, declarado culpable e aforcado. Henrique II foi azoutado, de xeito simbólico, por Philip. Este último, xa vello, é nomeado bispo de Kingsbridge, entón xa unha gran cidade grazas á catedral, que sería a xoia do priorato.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Na introdución a Os Piares da Terra, Ken Follett informa ós lectores de que «cando era neno, toda a miña familia pertencía a un grupo relixioso puritano denominado os Irmáns de Plymouth. Para nós, unha igrexa era unha sinxela sala con fileiras de cadeiras en torno a unha mesa central... Polo tanto, crecín sen saber apenas nada da gran riqueza arquitectónica das igrexas europeas.»

Cando Follett se embarca na tarefa de escribir Os Piares da Terra, explica o seguinte: «Lin varios libros sobre arquitectura e xurdiu en min un interese polas catedrais. Certo tempo despois, ocorréuseme plasmar dito entusiasmo nunha novela. Era consciente de que tería que ser un libro extenso. Tardábanse polo menos 30 anos en construír unha catedral, aínda que na maioría das ocasións este período prolongábase debido a que quedaban sen cartos, eran atacados ou invadidos. Polo tanto, a historia trata, de xeito exhaustivo, das vidas das personaxes principais. Na miña editorial estaban un pouco inquedos por un tema tan insólito que, paradoxicamente, é a miña obra máis famosa. Tamén é o libro do que máis orgulloso me sinto. Nel recréase, dunha maneira bastante gráfica, a vida da vila e os seus habitantes. É coma se coñeceras o lugar e a xente dun xeito tan íntimo coma se ti mesmo estiveras a vivir alí na Idade Media[1]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]