Saltar ao contido

Tetracerus quadricornis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tetracerus quadricornis
Tetracerus quadricornis
Henri Marie Ducrotay de Blainville 1816 Editar o valor en Wikidata
 Nome curto
   T. quadricornis (mul)   Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
 Categoría taxonómica
 Conservación
Especie vulnerable
Clasificación taxonómica
SuperreinoHolozoa
ReinoAnimalia
FiloChordata
ClaseMammalia
OrdeArtiodactyla
FamiliaBovidae
TriboBoselaphini
XéneroTetracerus
EspecieTetracerus quadricornis Editar o valor en Wikidata
Blainville, 1816 Tetracerus quadricornis Editar o valor en Wikidata
Cifras e dimensións
 Masa
   0.92 peso de nacemento Editar o valor en Wikidata
 Tamaño da niñada
   1,6 Editar o valor en Wikidata
 Duración máxima da vida
   17,4 a Editar o valor en Wikidata
 Período de xestación
   7,75 m Editar o valor en Wikidata
Localización
 Mapas
Distribución
Códigos e identificadores
Freebase/m/03pzyb Editar o valor en Wikidata
ITIS625127 Editar o valor en Wikidata
OTT374283 Editar o valor en Wikidata
UICN21661 Editar o valor en Wikidata
CoL7BQXD Editar o valor en Wikidata
EOL1038785 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Wikidata G:Commons C:Commons

Tetracerus quadricornis é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos, subfamilia dos bovinos,[1] e tribo dos boselafinos, coñecido na bibliografía como antílope de catro cornos.

É o único membro do xénero Tetracerus e o único bóvido de catro cornos. Distribúese amplamente, pero en poboacións descontinuas, na maior parte da India, desde os contrafortes do Himalaia; algúns individuos poden vivir no Nepal.[2]

Características

[editar | editar a fonte]

Tetracerus quadricornis mide de 80 a 110 cm de lonxitude de cabeza e tronco, máis unha cola de 10 a 15 cm; a súa altura na cruz é de 55 a 65 cm, e pesa entre 15 e 25 kg.

O pelo é curto e delgado, de coloración xeral parda; a parte interior das patas e a zona ventral son de cor branca. Os machos son de cor parda avermellada polas partes superiores, e teñen unha banda escura que se estende cara a abaixo na parte frontal de cada pata; os máis vellos son de cor amareleada. As femias xeralmente son de cor algo máis agrisada.

Só os machos teñen cornos: un par de pequenos cornos rectos en forma de puga detrás dos ollos e un segundo par de cornos máis pequenos enriba deles.[3] O par posterior mide de 80 a 100 mm de lonxitude, e o frontal de 25 a 38 mm.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

O hábitat e a ecoloxía da especie non son ben coñecidos. Encóntranse en outeiros ben arborados ou en zonas montañosas, e nunca lonxe da auga.[2]

Comportamento

[editar | editar a fonte]

É unha especie solitaria,[2] e rara vez se encontran máis de dous exemplares xuntos. Estes animais son sedentarios e viven na mesma rexión durante toda a súa vida. Poden ser facilmente domesticados cando son novos, pero resultan extremadamente delicados en cativerio.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Aliméntanse de ramas de árbores e arbustos, froitos e herbas.[2]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

O machos poden seren extremadamente agresivos entre si durante o período de celo. O apareamento ten lugar durante a temporada de chuvias, de xullo a setembro. Polo xeral nacen unha ou dúas crías por parto, cun peso medio de ao redor de 1 kg cada unha.

Lonxevidade

[editar | editar a fonte]

o antílope de catro cornos pode vivir en catividade até os 10 anos de idade.

Depredadores

[editar | editar a fonte]

A especie é cazada por cuóns, tigres, gatos pequenos, lobos e leopardos. Crese que o seu método defensivo é a atenta vixilancia e a súa velocidade.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]
Cabeza de macho de Tetracerus quadricornis.

O xénero Tetracerus foi fundado en 1825 polo zoólogo inglés William Elford Leach, e publicado en Trans. Linn. Soc. Lond., 14: 524.[4]

A súa única especie fora descrita por primeira vez en 1816 polo naturalista francés Henri Marie Ducrotay de Blainville, baixo o nome de Cerophorus quadricornis, na súa obra "Sur plusieurs espèces d'animaux mammifères, de l'ordre des ruminans", publicada no Bulletin des Sciences, par la Société Philomathique de Paris 8: 73-82.[5]

Máis tarde foi reclasificada no xénero Tetracerus, resultando así o redundante nome, en grego e en latín, que ten hoxe, Tetraceus quadricornis:

  • Tetracerus, do elemento grego τετρα- tetra-, "de catro", e κέρας kéras, "corno";
  • quadricornis, dos elementos latinos quadri- "de catro", e -cornis, de cornu, -us, "corno".

Poboación e status

[editar | editar a fonte]

A poboación estimábase en 2001 en menos de 10.000 individuos maduros.[6] Debido á perda de hábitat de bosque, hai un continuo descenso da poboación, estimándose que ningunha subpoboación contén máis de 1.000 individuos maduros.

A principal amenaza para a especie é a destrución do seu hábitat debido á eliminación de matogueiras e bosques para conseguir terreos para a agricultura. Porén, a especie encóntrase en moitas áreas protexidas na India, e a especie está totalmente protexida pola lei de protección da vida silvestre. Está na lista do Apéndice III do CITES (só no Nepal).[7]

A situación da especie está clasificada pola UICN como de VU (especie vilnerábel).[7]

  1. Tetracerus quadricornis en Wilson & Reeder (2005)
  2. 1 2 3 4 Rahmani, A. R. (2001): "India". En: D. P. Mallon & S. C. Kingswood (eds.), Antelopes. Part 4: North Africa, the Middle East, and Asia. Global Survey and Regional Action Plans, pp. 178-187. Gland, Suíza: UICN.
  3. Matthews, L. Harrison (1977): La Vida de los Mamíferos II. Barcelona: Ediciones Destino. ISBN 84-233-0700-X, p. 706.
  4. Tetracerus en Wilson & Reeder (2005).
  5. quadricornis Blainville, 1816 described in Cerophorus en AnimalBase. SUB Göttingen.
  6. Mallon, D. P. & S. C. Kingswood, eds. (2001): Antelopes. Part 4: North Africa, the Middle East, and Asia. Global Survey and Rgeional Action Plans, pp. 178-187. Gland, Suíza: UICN.
  7. 1 2 Mallon, D. P. (2008): Tetracerus quadricornis Arquivado 15 de outubro de 2014 en Wayback Machine. na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2014.2.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]