Tesouro de Thornbury

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 51°36′33.84″N 02°31′29.64″O / 51.6094000, -2.5249000

Tesouro de Thornbury

· Data do depósito: mediados do século IV d. C.

· Período ou cultura: Imperio Romano

· Lugar de aparición: Thornbury, Gloucestershire.

· Coordenadas: 51°36′33.84″N 02°31′29.64″O / 51.6094000, -2.5249000

· Data do achado: marzo de 2004.

· Descubridor: Ken Allen.

· Composición: 11.460 moedas romanas.

· Materiais: prata e cerámica.

· Conservación: Bristol City Museum and Art Gallery.

O tesouro de Thornbury é un conxunto de 11.460 moedas romanas cuñadas en aliaxe de cobre, algunhas delas antoninianos e a maior parte nummi dos séculos III e IV, descuberto en Thornbury, Gloucestershire, Inglaterra, en marzo de 2004.

Está considerado como o terceiro máis grande da súa clase achado en Gran Bretaña.

Descuberta e escavación[editar | editar a fonte]

Este depósito monetario foi achado por Ken Allen en marzo de 2004, no curso das obras realizadas para a construción dun estanque no xardín traseiro da súa casa, en Thornbury, ao sur de Gloucestershire.[1][2]

As moedas estaban dispostas no interior dunha grosa vasilla decorada de cerámica gris, cunha altura de entre 40 e 50 cm, que apareceu soterrada e fragmentada, probablemente procedente de Monmouthshire, Gales.[2] Este tipo de recipientes era moi común durante os séculos III e IV.[1]

Allen informou do achado e levouno ao Museo e Galería de Arte da Cidade de Bristol, onde a súa pesaxe deu como resultado 28,6 kg.[2] Logo foron enviadas ao Museo Británico; alí, na súa maior parte, as moedas identificáronse e clasificáronse doadamente, dado o seu bo estado de conservación, logo de seren extraídas do recipiente e sometidas a un tratamento químico de limpeza.[1]

Como resultado dunha investigación posterior, un xuíz de instrución declarou o achado como "tesouro", consonte a Lei do Tesouro de 1966,[2] e un comité de taxación valorouno posteriormente en 40.000 libras.

O Museo e Galería de Arte da Cidade de Bristol adquiriu o conxunto, con apoio financeiro de diversas entidades, entre ás o Heritage Lottery Fund e o Headley Museums Treasure Acquisition Scheme.[1]

Contido[editar | editar a fonte]

O tesouro de Thornbury foi considerado como o terceiro máis grande da súa clase".[2] Consta de 11.449 nummi e 11 antoninianos, todos eles cuñados en aliaxe de cobre.[1]

O tesouro de Thornbury exposto nunha vitrina do Bristol City Museum and Art Gallery.

As moedas deste depósito proceden de diversas cecas imperiais romanas e datan desde o reinado de Galieno, en 260, ata as máis recentes de 348, durante a dinastía constantiniana. No entanto, a gran maioría dos exemplares foron cuñadas durante a década de 330 e amosan nos seus reversos a lenda GLORIA EXERCITUS, con tres tipoloxías diferentes en función dos motivos representados neses reversos: a imaxe de dous soldados con estandartes lexionarios, ou ben tipos conmemorativos que representan as capitais de Roma e Constantinopla, ou ben conmemorativos da batalla de Crisópole, librada entre Constantino I e Licinio, coa imaxe da Vitoria en pé sobre a proa dun barco, no seu reverso.[1]

Este achado comparouse, tanto polo seu tamaño como pola súa constitución, co do tesouro de Bishopswood,[3] Herefordshire (17.548 moedas), e co tesouro Nether Compton,[4] en Dorset (22.500 moedas), atopados en 1895 e en 1989, respectivamente.[1]

A táboa seguinte reflicte a distribución por emperadores e períodos dos antoninianos e dos nummi que compoñen o tesouro de Thornbury:[1]

Emperador Período Exemplares Denominación
Galieno 260-268 2 Antoniniano
Claudio II 268-270 1 Antoniniano
Tetrico I / II 271-274 6 Antoniniano
Carausio 287-293 1 Antoniniano
1 Ant. bárbaro
Constantino I 313-317 13 Nummus
Constantino II 318-330 59 Nummus
Familia constantiniana 330-335 11.232 Nummus
335-340 87 Nummus
341-348 2 Nummus
49 Nummus bárbaro
7 (Ilexible)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Treasure Annual Report 2004. Department for Culture, Media and Sport. Nº 450. Páxina 181.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Tríptico: "Pots of money... Roman style!. The Thornbury Hoard". South Gloucestershire Council. 2007.
  3. "The Bishopswood hoard". En Proceedingas of the Society of Antiquaries. Vol. 7. Nº 21.1896. Páxina 166.
  4. "Nether Compton Hoard". Forvm Ancient Coins.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]