Saltar ao contido

Tesouro de Los Almadenes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tesouro de Los Almadenes
Conxunto de moedas romanas e ibéricas
do tesouro de Los Almadenes

· Data do depósito: finais do século II a.C.

· Período: ibero-romano.

· País: España.

· Descubridores: Otilia e Catalina Fernández.

· Lugar de aparición: Mina Los Almadenes, Alcaracejos.

· Data do achado: 1926.

· Composición: Moedas, fíbulas, vasos, torques etc.

· Material: prata.

· Conservación: Museo Arqueolóxico de Córdoba.

O tesouro de Los Almadenes é un conxunto de varios obxectos ibéricos e romanos, maiormente moedas de prata, soterrados a finais do século II a.C., achado en 1926 no municipio cordobés de Alcaracejos, preto da mina Los Almadenes, de onde recibe o seu nome.

O tesouro exponse no Museo Arqueolóxico e Etnolóxico de Córdoba.

O achado[editar | editar a fonte]

A descuberta sucedeu casualmente en 1926, cando unha familia de agricultores traballaba nas súas terras de labor na zona de Cerro del Peñón, en Alcaracejos, na contorna da Mina Los Almadenes.[1]

O achado foi narrado deste xeito no Boletín da Real Academia de Córdoba dous anos despois da súa descuberta:

En 1925, arando Manuel Fernández, de Villaralto, as súas terras de Cerro del Peñón [Alcaracejos], notou que a rella se trabara e sacara medio ao descuberto unha pota metálica, mais crendo que sería unha de tantas de ferro que os mineiros adoitan tirar por inservibles, non lle deu importancia ao caso. O ano seguinte [1926], as súas irmás Otilia e Catalina, que coidaban o gando nese mesmo lugar, decidíronse a desenterrar a ola e, valéndose dos seus caxatos, experimentaron a sorpresa de achar nela, moi corroídas pola acción do tempo, multitude de moedas e obxectos de lucente prata.

— Samuel de los Santos Gener (1928). [2]

Os agricultores vendéronlle as pezas ao subdelegado de Farmacia en Pozoblanco, Moisés Moreno Castro, quen a mediados de xullo de 1928[3] llas entregou a Antonio Carbonell para a súa conservación no Museo Arqueolóxico e Etnolóxico de Córdoba.[1] O daquela director deste museo, Samuel de los Santos, rexistrou o conxunto de pezas erroneamente como "Tesouro de Pozoblanco" —probablemente porque os termos municipais da comarca de Los Pedroches foran configurados uns anos antes, en 1909—, polo que numerosas publicacións identificaron erroneamente a súa orixe neste municipio, aínda que a localización correcta é Alcaracejos.[4]

En 1929, o tesouro foi exposto temporalmente no Palacio Nacional de Montjuïc durante a Exposición Internacional de Barcelona.[5]

Contido[editar | editar a fonte]

Algunhas pezas do tesouro expostas no Museo Arqueolóxico e Etnolóxico de Córdoba.

As pezas achadas no interior da pota de cobre e rexistradas polo director do Museo Arqueolóxico e Etnolóxico de Córdoba son as seguintes:[1]

  • Arredor de 200 moedas, a maioría denarios da serie republicana e procedentes da ceca de Roma, uns preconsulares, outros consulares e algúns a nome de familias con dereito a cuñar moeda. A excepción constitúena cinco denarios ibéricos, correspondentes ás cecas peninsulares de Arsaos, Bolskan, Kalkusken, Iltirta e Turiaso.[6]
  • Sete vasos de formas diversas: tres esmagados e moi deteriorados, quizais coa intención de que tivesen cabida na pota, e os restantes en bo estado de conservación, aínda que con certa corrosión. Tres deles teñen forma cónica e co vértice arredondado.[7]
  • Sete fíbulas. Son as pezas máis relevantes do tesouro, con diversas formas e datadas moito antes do seu soterramento, entre os séculos IV e III a-C. Todas están en bo estado de conservación.[8]
  • Dous torques, nun estado de conservación medio, elaborados polo trenzamento de tres finos tubos e tres cordóns de prata e cos extremos terminados nunha espiga maciza dotada dun aro, no que adoitaba pendurarse unha moediña ou outro adobío.[9]
  • Oito placas circulares, pequenos aneis e pulseiras e diversos fragmentos de artigos de prata.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Mina de Almadenes". Guía Digital del Patrimonio Cultural de Andalucía.
  2. Santos Gener, S. de los (1928). Páxina 29.
  3. Jener, S. (1928). "El tesoro celtíbero-romano de los Almadenes en Pozoblanco". En Boletín de la Real Academia de Córdoba de Ciencias, Bellas Letras y Nobles Artes. Vol. 7. Nº 21. Páxinas 27-60.
  4. Madrid, A. M. (2006).
  5. Catálogo histórico y bibliográfico de la Exposición Internacional de Barcelona (1929-1930). Vol. I. Real Academia de la Historia. Páxina 32. ISBN 978-84-96849-34-1
  6. Santos Gener, S. de los (1928). Páxinas 52-57.
  7. Santos Gener, S. de los (1928). Páxinas 35-40.
  8. Santos Gener, S. de los (1928). Páxinas 40-45.
  9. Santos Gener, S. de los (1928). Páxinas 45-48.
  10. Santos Gener, S. de los (1928). Páxinas 48-52.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]