Tesouro de Lentilly

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tesouro de Lentilly
Tesouro de Lentilly
Parte da exposición no Gabinete de Medallas do
Museo de Belas Artes de Lión
.

· Data do depósito: ca. 64 d. C.

· Período ou cultura: Imp. Romano (Gallia Lugdunensis).

· Lugar de aparición: Lentilly, Ródano, Francia.

· Coordenadas: 45°48′24″N 4°41′07″L / 45.80667, -4.68528

· Data do achado: 5 de marzo de 1866.

· Composición: 210 áureos.

· Materiais: ouro.

· Conservación: Gabinete de Medallas do MBA de Lión.

O tesouro de Lentilly é un conxunto de 210 moedas da antiga Roma de ouro (áureos) descuberto en 1866 en Lentilly, Ródano, que representa o achado monetario máis importante da rexión francesa de Ródano-Alpes correspondente á época anterior ás guerras civís que seguiron a caída de Nerón.

Descuberta[editar | editar a fonte]

O 5 de marzo de 1866 achouse nun campo de Lentilly, no departamento francés de Ródano, unha vasilla de terracota que contiña máis de duascentos áureos, cun peso de arredor dun quilo e medio de metal precioso.[1]

Logo do seu desenterramento e do seu posterior estudo preliminar, o 13 de abril de 1866, Martin-Daussigny, conservador dos museos arqueolóxicos lioneses, presentoulle á Academia de Ciencias, Belas Artes e Letras de Lión un inventario sumario da descuberta, e adquiriu 18 dos exemplares mellor conservados e máis raros para o Gabinete de Medallas do Museo de Belas Artes de Lión, así como outros 101 exemplares para a súa colección numismática persoal. O resto do tesouro esparexeuse entre outros coleccionistas e os habitantes de Lentilly, e non puido ser catalogado con precisión.[1]

Datación[editar | editar a fonte]

O inventario elaborado en 1866 por Martin-Daussigny segue a ser o principal documento relativo ao descubrimento.[2] Nel relaciónanse —aínda que non se contabilizan— as moedas desde o principio do reinado de Tiberio (14-37) ata o de Nerón (54-68), todas cuñadas no obradoiro monetario de Lugdunum (Lión), a única ceca imperial romana autorizada naquela época para cuñar metais preciosos.[3]

O áureo creado pola reforma monetaria de Augusto pesaba 1/42 de libra, é dicir, 7,79 gramos teóricos, en tanto que a reforma de Nerón de 64 o desvalorizou ata 1/45 de libra, é dicir, 7,20 gramos. Canto ao peso, as moedas do tesouro de Lentilly conservadas no Gabinete de Medallas do Museo de Belas Artes de Lión son lixeiramente inferiores ao peso teórico do áureo de Augusto e, xa que logo, anteriores á reforma de 64.[4] Por último, emitíronse dúas moedas para o cuarto consulado de Nerón, que coincide co ano 60.[5]

No relativo ao motivo do soterramento só cabe a especulación, sobre todo tendo en conta que o lugar, unha depresión no municipio de Lentilly, non revelou rastro ningún dun antigo asentamento. As moedas máis antigas, que datan dos reinados de Tiberio e Calígula (37-41), amosan signos de desgaste, o que indica que o tesouro se constituíu mediante a colleita de diñeiro en circulación, talvez dunha soa vez, e non mediante aforros regulares repartidos ao longo de dúas xeracións.[6] A tesaurización de áureos de mellor calidade que os posteriores a 64, o incendio de Lugdunum en 65 e as guerras civís a partir de 68 son posibles razóns para acumular semellante riqueza, aínda que non descartan outros motivos aínda descoñecidos.[7]

Contido[editar | editar a fonte]

Descoñécese o destino do lote de 101 moedas adquirido no seu día por Martin-Daussigny. Un segundo lote de trinta moedas ofrecéuselle ao coleccionista Gustave de Ponton d'Amécourt pouco despois da dispersión do tesouro.[8] Coas 18 moedas adquiridas polo Museo de Belas Artes de Lión, identificáronse 48 dos máis de 200 áureos do tesouro.[9]

Entre as moedas identificadas figuran as seguintes:[10]

  • As do reinado de Tiberio (14-37): un gran número de áureos que representan a Xustiza sedente e algúns outros dedicados ao deificado Augusto.
  • As do reinado de Calígula (37-41), dedicadas aos seus pais, a Augusto divinizado, a Xermánico, a Agripina a Vella e a Nerón Claudio Druso (Druso o Vello).
  • As do reinado de Claudio (41-54), co tipo de Antonia a Nova, a súa nai.

A colección do Gabinete de Medallas do MBAL[editar | editar a fonte]

Dos 18 áureos procedentes deste tesouro adquiridos polo Museo de Belas Artes de Lión, un desapareceu, en tanto que o resto se conservan no seu Gabinete de Medallas. Na táboa seguinte amósase unha escolma destas moedas:

Datación Anverso Reverso
Imaxe Descrición Imaxe Descrición
Claudio
(41-42)
Druso (pai de Claudio).
NERO CLAUDIVS DRVSVS GERMANICVS IMP
Arco de triunfo con estatua ecuestre
DE GERM
Claudio
(despois de 50)
Cabeza laureada de Claudio. TI CLAVD CAESAR AVG GERM P M TRIB POT P P
Agripina a Nova, esposa de Claudio.
AGRIPPINAE AVGVSTAE
Claudio
(50-51)
Cabeza laureada de Claudio. TI CLAVD CAESAR AVG P M TR P X IMP PP (10ª potencia tributaria)
Coroa cívica.
SPQR PP OB C S
Claudio
(despois de 50)
Claudio laureado cara á dereita.
TI CLAVD CAESAR AVG GERM P M TRIB POT P P
Busto de Nerón Nerón como príncipe da xuventude.
NERO CLAVD CAESAR DRVSVS GERM PRINC IVVENT
Claudio
(despois de 50)
Nerón cara á esquerda.
NERO CLAVD CAESAR DRVSVS GERM PRINC IVVENT
Utensilios sacerdotais. SACERD COOPT IN OMN CONL SVPRA NVM EX S C
Claudio
(despois de 50)
Nerón cara á dereita.

NERONI CLAVDIO DRVSO GERM COS DESIGN

Escudo sobre lanza. EQVESTER ORDO PRINCIPI IVVENT
Nerón
(decembro de 54)
Bustos enfrontados de Agripina e Nerón.

AGRIPP AVG DIVI CLAVD NERONIS CAES MATER

Coroa cívica. NERONI CLAVD DIVI F CAES AVG GERM IMP TR P EX S C
Nerón
(55)
Bustos de Nerón e Agripina. NERO CLAVD DIVI F CAES AVG GERM IMP TR P COS
Carro tirado por elefantes

AGRIPP AVG DIVI CLAVD NERONIS CAES MATER EX S C

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Combes, J. M. (2008). Páxinas 43-44.
  2. Planet, F. (1992). Páxina 27.
  3. Chausson, F.; Galliano, G.; Ferranti, F. (2018). Páxinas 164-165, 238.
  4. Combes, J. M. (2008). Páxina 45.
  5. Planet, F. (1992). Páxina 24.
  6. Planet, F. (1992). Páxina 23.
  7. Combes, J. M. (2008). Páxinas 45-46.
  8. Seis destas moedas foron adquiridas polo barón de Witte na venda da colección de Ponton d'Amécourt, e Witte doounas ao Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia en 1886.
    Véxase: De Witte, J. J. (1887). Médailles romaines achetées à la vente de M. le Vicomte de Ponton d'Amécourt et offertes au cabinet des médailles de la Bibliothèque nationale. Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres, París. 31-2. Páxinas 225-226.
  9. Planet, F. (1992). Páxina 22.
  10. Planet, F. (1992). Páxinas 23 e 27.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Chausson, F.; Galliano, G.; Ferranti, F. (2018). Claude, Lyon, 10 avant J.-C. : Rome, 54 après J.-C., un empereur au destin singulier. Musée des beaux-arts de Lyon. ISBN 978-2-35906-255-7
  • Combes, J. M. (2008). "Le trésor de Lentilly". En L'araire. Nº 152.? Marzo.
  • Loriot, X.; Rémy, B; Buisson, A. (1978). Corpus des trésors monétaires antiques de la France, T. V, Rhône-Alpes, 1. Ain, Rhône, Loire, Ardèche. Société française de numismatique, París.
  • Planet, F. (1992). "Le trésor de Lentilly Rhône 1866". En Bulletin des musées et monuments lyonnais.?Páxinas 19-31.

Outros artigos[editar | editar a fonte]