Teosofía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A teosofía (do grego theosophia, de theos, divino, e sophia, sabedoría) é unha doutrina que mantén que todas as relixións son proxeccións e tentativas do home por coñecer "o Divino" e que, en consecuencia, cada relixión posúe unha parte da verdade.

Características[editar | editar a fonte]

A teosofía foi fundada polos pensadores da Antigüidade. A orixe do termo atópase nos filósofos de Alexandría, os philalèthes (do grego phil, que ama, e aletheia, verdade). A palabra teosofía data do século III e débese a Ammonios Saccas e os seus discípulos, que fundaron o sistema teosófico ecléctico. O método consiste, por unha banda, en coñecer a experiencia do divino pola éxtase espiritual e a intuición directa, e por outra en razoar por analoxías. Por este motivo chamábase aos discípulos de Ammonios Saccas "os analoxistas", por mor do seu hábito de interpretar as lendas, mitos e narracións sacras segundo unha lóxica de analoxía e de correspondencia.

O Concise Oxford Dictionary describe a teosofía como unha das varias filosofías que profesan alcanzar o coñecemento de Deus a través do éxtase espiritual, da intuición directa ou de relacións individuais especiais, en particular un movemento moderno que segue as ensinanzas hinduístas e budistas e que busca a fraternidade universal.

Os seguidores da teosofía manteñen que hai un corpo de verdade que constitúe a base de todas as relixións. A teosofía, afirman, representa unha visión moderna do "Sanatana Dharma" (a "Eterna Verdade") como a correcta relixión do home. A Teosofía Cristiá é o coñecemento de Deus e de Xesús obtido a través da intuición directa da esencia Divina.

Sociedade teosófica[editar | editar a fonte]

O termo teosofía corresponde tamén a un sistema de crenzas moderno, que foi utilizado por Helena Petrovna Blavatsky para definir tematicamente a súa propia doutrina. Con Henry Steel Olcott e William Quan Judge fundou a Société théosophique (Sociedade teosófica) en 1875. Esta organización espiritualista está emparentada con outros movementos iniciáticos cos cales ten trenzados numerosos lazos ata hoxe (Masonería, Rosa-Cruz, Martinismo).

Os cinco símbolos máis destacados no selo da Sociedade Teosófica son a Estrela de David, o Anqh, a esvástica, o Ouroboros e o Aum. Arredor están escrito o lema "Non hai maior relixión que a verdade".