Saltar ao contido

Tendón de Aquiles

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Achilles tendon
Vista posterior do pé e da perna, amosando o tendón de Aquiles.
Vista lateral do nocello humano, incluíndo o tendón calcáneo
Latín tendo calcaneus, tendo Achillis
Gray's pág.483
MeSH Achilles+tendon

O tendón de Aquiles (tendo Achillis, que vén de tendōn, cruzamento entre a palabra grega ténōn, τένων, que tensa, e o lexema latino tend- poñer tenso[1]) é un tendón da parte posterior da perna. Serve para unir os músculos gastrocnemio e sóleo ao óso calcáneo (talón). Tamén recibe o nome de tendón calcáneo (tendo calcaneus).

Orixe do nome

[editar | editar a fonte]
Morte de Aquiles, estatua de Ernst Herter (1846-1917) no Achilleion, de Corfú (Grecia)

O nome de tendón de Aquiles foi proposto polo cirurxián alemá L. Heister en 1717[1] en honra do heroe grego Aquiles. Xa Philip Verhayen en 1693 se refería nun dos seus libros de anatomía a esta parte do corpo como a corda de Aquiles, nome do que posteriormente xurdiu a expresión talón de Aquiles.

Conta a lenda, segundo o poema incompleto Aquileida (Estacio, no século I), que cando naceu Aquiles, a súa nai Tetis procedeu a facelo inmortal mergullándoo no río Estixia pero non mollou o calcáneo por onde o collía. Así, quedou protexido contra calquera ferida excepto no pé. Por iso morreu na guerra de Troia cando Paris o alcanzou cunha frecha envelenada nese punto.

Estrutura anatómica

[editar | editar a fonte]

O tendón de Aquiles está situado na parte posteroinferior da perna, formando unha banda ancha e grosa que nace á metade da perna e se insire na parte posterior do óso calcáneo, cunha bursa interposta entre o tendón e o óso. É o tendón máis groso e forte do corpo e, nos humanos, mide arredor de 15 cm, cun estreitamento a uns 4 cm da inserción ósea para abrirse un pouco no seu extremo inferior. Está constituído pola reunión dos dous tendóns dos xemelgos (interno e externo) que dan lugar ao gastrocnemio, e do sóleo, se ben recibe fibras musculares sobre a súa superficie anterior case ata o seu extremo distal. Superficialmente e ao longo da cara lateral baixa a vea safena menor. O reflexo aquíleo permite comprobar a integridade da raíz espiñal Sacra-1.

Reflexo da súa fortaleza é o feito de que deste tendón se colgan as reses de abasto tralo sacrificio para a posterior preparación da canal.

Enfermidades

[editar | editar a fonte]
Operación de reparación da rotura do tendón de Aquiles
Sutura despois da rotura total do tendón de Aquiles

As lesións máis comúns son:

  • Tendinite aquilea: produce unha dor máis ou menos intensa no tendón, observándose inflamación e perda do contorno do mesmo. As súas causas son variadas: metabólicas, infecciosas, anatómicas, sobrecarga de adestramento, material non axeitado (zapatos que non absorben os impactos), exercicios inadecuados etc.
  • Entesite do Aquiles: é unha dor producida na zona da unión do tendón co óso calcáneo. As súas causas son ademais dalgunhas das anteriores os pés cavos e varos [2].
  • Calcificacións do tendón: son acumulacións de carbonato cálcico que producen un engrosamento do tendón e dá lugar a outros síntomas como molestias ou aumento da temperatura na zona.
  • Rotura do tendón: pode ser parcial ou total, esta última é a lesión máis grave, cuxa única solución é cirúrxica e require de inmobilización do pé [3].

O talón de Aquiles

[editar | editar a fonte]

A lenda da morte de Aquiles a causa dunha frecha no talón deu pé á expresión tendón de Aquiles para referirse ao punto máis débil dunha persoa ou asunto.

Obreiros das nosas vilas que nos vosos fogares falades galego coma o falaron vosos pais e avós: poñervos en guarda cando oiades ás vosas fillas espresarense en castelán polas rúas; porque ese castelán pode ser o talón d'Aquiles por onde se fagan vulnerables pra as cubizas ruíns dos señoritos (Boletín quincenal Rexurdimento, nº 5, Betanzos, 9 d'outono 1922.
  1. 1,0 1,1 "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2009. Consultado o 09 de febreiro de 2010. 
  2. Chámase pé cavo o pé oco, coa planta excesivamente curvada. Pé talo é o pé deforme por flexión excesiva, a causa da parálise dos músculos do talón de Aquiles. Pé varo (ou valgo) é o pé desviado cara a dentro, que pousa no seu bordo externo. Pé talovaro (ou talovalgo) é o resultado da combinación dos dous casos anteriores.
  3. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31 de decembro de 2006. Consultado o 09 de febreiro de 2010. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]