Talía Teatro
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Talía Teatro é unha compañía creada en 1988. Nas súas orixes era un grupo de teatro afeccionado que estaba vinculado á Asociación Cultural Domingo Antonio de Andrade, entidade organizadora da Mostra de Teatro de Cee. Nesta etapa, chegou a montar varios espectáculos entre os que destacan O rei aborrecido, de X. Pisón; e Ai, Carmela e Marsal Marsal, de J. Sanchis Sinisterra. Debido ás boas críticas e aos premios recibidos, convertéronse nunha compañía profesional en 1996.
Caracterízase por ser un grupo teatral estábel que utiliza a lingua galega na representación das obras. Alén diso, o seu repertorio conta con pezas dirixidas a diferentes tipos de público.
A súa actividade principal é a produción e exhibición de espectáculos, que os levaron a crear unha infraestrutura propia. Ademais, realizan outras actividades relacionadas co sector (creación de espectáculos temáticos, organización de obradoiros, etc.).
Compoñentes
[editar | editar a fonte]- Artur Trillo é autor, director e actor. Leva desde 1988 como director da compañía Talía Teatro. Alén diso, ten realizado montaxes con outras compañías. Como actor foi premiado en numerosas ocasións, destacando a súa interpretación nos espectáculos de Talía Teatro Esperando a Godot, E ti, quen ves sendo?, Bicos con lingua e O Encoro, de Teatro do Atlántico.
- Áurea Ferreiro, vinculada a Talía Teatro desde o ano 2008, leva a área de produción da compañía. Conta tamén con experiencia en xestión de espazos de exhibición teatral.
- Daniel Trillo, empezou a súa andadura teatral con Talía Teatro no 2003 co espectáculo Eu así non xogo. Desde entón participou en doce montaxes da compañía e ocupouse de diferentes facetas creativas como a iluminación e a escenografía. A súa vez, exerceu de xefe técnico da compañía. Ademais de amosar interese polos elementos que compoñen un espectáculo, tamén actuou nalgunhas representacións. Realizou numerosos traballos de deseño de iluminación e escenografía e no ano 2016 recibiu o premio María Casares ao mellor deseño de escenografía do espectáculo Foucellas.
- Martina Cambeiro, forma parte do equipo estábel de Talía Teatro desde a súa creación e realizou o deseño de vestiario e maquillaxe de case todas as súas producións, recibindo numerosos nomeamentos. Ademais opera como técnica de iluminación e son en diferentes espectáculos.
- Toño Casais, leva desde 1993 vinculado a Talía, aínda que tamén ten realizado montaxes con outras compañías como Teatro do Atlántico ou o Centro Dramático Galego. Ten recibido diversos recoñecementos pola súa interpretación como protagonista nos espectáculos Palabras encadeadas e Esperando a Godot e como actor secundario no espectáculo O Encoro, de Teatro do Atlántico.
- María Ordóñez, comezou a súa andadura teatral con Talía Teatro co espectáculo Eu así non xogo, no 2003. Desde entón, participou en nove montaxes da compañía. Cabe salientar a súa interpretación en Palabras encadeadas, O método Grönholm e Pelos na lingua. Por esta última, ten recibido diversos premios como actriz protagonista.
- Marta Lado, é licenciada en Arte Dramático pola ESAD. Conta cunha importante bagaxe tanto a nivel teatral como audiovisual. Entre os seus traballos destaca a súa interpretación en Tartufo, do Centro Dramático Galego.
- Diego Rey, forma parte da compañía desde o 2006 e desenvolve tarefas de actor, técnico, autor e director. A partir do 2010 comeza a orientar a súa carreira á dirección, simultaneando traballos para Talía e outras compañías, mais sen deixar a súa labor interpretativa.
- Marta Ríos, leva vinculada a Talía Teatro desde o 2003, ano no que debutou co espectáculo Eu así non xogo. Desde entón, realizou once montaxes coa compañía. Cómpre destacar a súa interpretación en Volpone, pola que recibiu o premio Maria Casares á mellor actriz secundaria.
- Xurxo Barcala, debutou con Talía no 2000 co espectáculo infantil Menos Lobos. A partir de aí seguiron traballos como Supermáis, Eu así non xogo e E ti, quen vés sendo?. Despois duns anos dedicado a labores pedagóxicos, volve á compañía formando parte do elenco de Os mortos daquel verán e O servidor de dous amos.
Espectáculos teatrais
[editar | editar a fonte]Título | Autor | Ano | Público |
---|---|---|---|
O Rei aborrecido | Xesús Pisón | 1988 | Adulto |
Aquí non paga ninguén | Darío Fo | 1989 | Adulto |
O crime de Aldea Vella | Bernardo Santareno | 1990 | Adulto |
Gaivotas subterráneas | Alfonso Vallejo | 1991 | Adulto |
Ai, Carmela | José Sanchis Sinisterra | 1993 | Adulto |
T.W.C. | Colectiva | 1994 | Xuvenil e adulto |
Fando e Lis | Fernando Arrabal | 1994 | Adulto |
Rezagados | Ernesto Caballero de las Heras | 1995 | Adulto |
A secreta oscenidade de cada día | Marco Antonio de la Parra | 1996 | Adulto |
Pedro e o capitán | Mario Benedetti | 1996 | Adulto |
Retén | Ernesto Caballero | 1997 | Adulto |
Marsal Marsal | José Sanchis Sinisterra | 1998 | Xuvenil e adulto |
Soños dun seductor | Woody Allen | 2000 | Xuvenil e adulto |
Menos lobos | Artur Trillo | 2000 | Infantil |
Dakota | Jordi Galcerán | 2001 | Adulto |
Supermáis | J. M. Benet i Jornet | 2001 | Infantil |
Xustiza Infinita | Cándido Pazó | 2002 | Xuvenil e adulto |
Eu así non xogo | Artur Trillo | 2003 | Infantil |
Bicos con lingua | VV. AA. | 2003 | Xuvenil e adulto |
Molière Final | Roberto Salgueiro | 2004 | Adulto |
A paz do Crepúsculo | Itziar Pascual | 2004 | Adulto |
Mundos contados | Paula Carballeira | 2005 | Infantil |
Esperando a Godot | Samuel Beckett | 2006 | Adulto |
O merlo branco | Cándido Pazó | 2006 | Infantil |
Quero ser grande | VV. AA. | 2007 | Xuvenil e adulto |
E ti, quen vés sendo? | Cándido Pazó | 2008 | Adulto |
Valentino Rufini e Akil Pillabán de viaxe a Milán e van sen un can | Roberto Salgueiro | 2008 | Infantil |
Palabras encadeadas | Jordi Galcerán | 2009 | Adulto |
Volpone | Ben Jonson | 2010 | Adulto |
Carta urxente para Máximo Toxo | Diego Rey | 2010 | Infantil |
Pelos na lingua | VV. AA. | 2011 | Xuvenil e adulto |
Pequena | Paula Carballeira | 2012 | Infantil |
O método Grönholm | Jordi Galcerán | 2012 | Xuvenil e adulto |
Xango, a moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina | Diego Rey | 2013 | Infantil |
Sopa de sapo | Artur Trillo | 2014 | Infantil |
Demolición | Cándido Pazó | 2014 | Xuvenil e adulto |
Rosa Caramelo e outras historias | Adela Turín | 2015 | Infantil |
Foucellas | Cándido Pazó | 2016 | Adulto |
Ubú Rei | Alfred Jarry | 2017 | Adulto |
Os mortos daquel verán | Carlos Casares | 2017 | Adulto |
Tendo en conta o público albo, podemos afirmar, segundo esta táboa, que o 50% das obras son para adultos, o 22.5% para adultos e adolescentes e o 27.5% restante están dirixidas ao sector infantil.
Por outra banda, as obras de autoría galega son maioritarias (41%), seguidas das de autoría española que se corresponden co 27%. As adaptacións de pezas estranxeiras conforman o 22% da totalidade e, para rematar, aquelas realizadas por varios autores representan o 10% restante. Ademais, só o 7.5% das obras son de autoría feminina, fronte o 92.5% que son de autores varóns.
Premios
[editar | editar a fonte]- 2004 Mellor actor protagonista. María Casares: Artur Trillo por Bicos con lingua
- 2004 Mellor texto orixinal. María Casares: Bicos con lingua
- 2007 Mellor actor. Premio FETEGA: Toño Casais por Esperando a Godot
- 2008 Mellor actor secundario. María Casares: Artur Trillo por E ti, quen vés sendo?
- 2010 Mellor dirección. María Casares: Artur Trillo por Palabras encadeadas
- 2010 Mellor actor protagonista. María Casares: Toño Casais por Palabras encadeadas
- 2011 Mellor actriz. Premio FETEGA: María Ordóñez por Pelos na lingua
- 2011 Premio Nordés das Artes
- 2011 Mellor actriz secundaria. María Casares: Marta Ríos por Volpone
- 2012 Mellor texto teatral en galego. María Casares: Avelino González, María Ordóñez, Artur Trillo e Séchu Sende por Pelos na lingua
- 2012 Mellor texto teatral en galego. Premio Max: Avelino González, María Ordóñez, Artur Trillo e Séchu Sende por Pelos na lingua
- 2016 Mellor escenografía. María Casares: Dani Trillo por Foucellas
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lourenço Módia, Cilha e Biscainho Fernandes, Carlos. Talía na Crónica de Nós. Dez anos de teatro galego (1990-1999). Abano Editores, Ourense, 2000
- F. Vieites, Manuel. Crónica do Teatro Galego. Universidade de Vigo, 2003
- F. Vieites, Manuel. Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. No aniversario da estrea de A fonte do xuramento (1882-2007). Editorial Galaxia, 2007
- Enciclopedia Universal Galega. Tomo XV. Ediciones Ir Indo, 2002
- Revista Paraíso. N.º 3. Xaneiro 2008. Xunta de Galicia
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- http://taliateatro.gal/
- https://www.facebook.com/taliateatro/
- https://www.padroadodecultura.es/es/espectaculos/evento/foucellas-tal%C3%AD-teatro Arquivado 18 de setembro de 2019 en Wayback Machine.
- http://www.laopinioncoruna.es/tags/talia-teatro.html
- http://galiciaescenapro.gal/es/espectaculo-2017/ubu-rei-talia-teatro/ Arquivado 19 de marzo de 2018 en Wayback Machine.