Tailandia do Nordeste

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Isan é a Rexión Nordeste da Tailandia

Isan (en isan e tailandés อีสาน, tamén escrito Isaan, Issan e Esarn) é a rexión nordeste da Tailandia, achantada na Meseta de Khorat, limita polo norte e polo leste con Laos a teor do Mekong, polo sur con Camboxa e Tailandia do Leste e polo oeste con Tailandia Central e Tailandia do Norte a través das montañas de Phetchabun.

Desde principios do século XX a rexión situada no nordeste de Tailandia foi denominada oficialmente como "Isan", unha verba adoptada do sánscrito Ishan, que significa direccón do noroeste. "Isan" deriva orixinalmente de Isanapura, capital do Reino de Chenla. A poboación laosianofalante, que supón unha ampla maioría, distínguense dos laosianos de Laos, como tamén da xente do centro de Tailandia, chamándose así mesmos Khon Isan ("Xente Isan"), ou Thai Isan ("Tailandeses Isan"). Os khemeres e kuy (suai) que viven na zona sur da rexión historicamente seguiron costumes máis propios ou similares ao modo de vida de Camboxa que da propia Tailandia ou Laos.

A agricultura é a principal actividade económica de Isan, sendo a máis pobre das rexións tailandesas.

A lingua principal da rexión é o isan, que é unha variante dialectal do lao). Como dialecto do lao, escrito en caligrafía tailandesa, o isan está entre as familias de idiomas chian seng e lao-phutai que forman parte das linguas tai da familia idiomática kadai. O khemer é tamén falado na zona próxima á fronteira camboxana, na provincia de Provincia Buri Ram e Surin. O tailandés é tamén falado, con acento propio, por case todos.

Os aspectos culturais máis importantes de Isán inclúe a música mor lam, a muay thai, a pelexa de galos e as procesións como forma de celebración (en tailandés denominadas กระบวน). A comida distínguese da do resto de Tailandia, destacando o uso de arroz glutinoso (ข้าวเหนียว) e de guindillas así como o uso de pla raa (ปลาร้า). Entre as delicias da rexión é coñecida a ensalada de papaia.

Historia[editar | editar a fonte]

Montañas de Phu Phan

Isan ten un importante número de lugares ocupados durante a Idade de Bronce, con algunhas pinturas rupestres, utensilios e temperás evidencias de cultivos de arroz. Ferramentas de ferro e bronce, como as encontradas en Ban Chiang, son antecesoras de similares achadas en Mesopotamia. A rexión máis tarde caeu baixo a influencia da cultura Dvaravati e do Imperio Khemer, que deixou decenas de santuarios (prasats) por toda a rexión, sendo o máis coñecido deles o situado no Parque Histórico de Phimai e de Phanom Rung. Despois do comezo do declive do imperio khemer no século XIII, o pobo lao do reino de Lan Xang dominaba a zona de Isan, reino establecido por Fa Ngum. En consecuencia, a rexión foi poboada por asentamentos de laosianos e thais emigrantes. A zona de Tailandia, daquela Siam, controlou e dirixiu a zona desde o século XVII, e forzou movementos migratorios desde Laos a Isan durante os séculos XVIII e XIX. Os tratados franco-siameses de 1893 e 1904 puxeron a Isan como zona fronteiriza entre Siam e a Indochina Francesa. No século XX, unha política de "Taificación" promoveu a integración de Isan como parte integral de Tailandia e quitoulle importancia ás orixes laosianas e camboxanas da poboación. Foi esta mesma política a que estendeu o propio uso da palabra "Isan": incorrectamente, díxose que proviña de Iśāna (sánscrito: ईशान), unha manifestación de Shiva como deidade do nordeste, e do sánscrito mesmo "Nordeste", a pesar de que o nome xa existise antes de que se formara o reino moderno de Tailandia, da época na que a zona estaba composta por reinos Mon e Khmer; anterior a calquera poboación tailandesa ou laosiana.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Xeografía de Isaán, con cidades, montañas e ríos
Imaxe satélite de Isaán: as fronteiras de Laos e Camboxa son visibles debido á deforestación en Isaán.

Isaán cobre uns 160,000 km². O relevo está fortemente influenciado pola presenza da Meseta de Khorat, que comeza nas montañas de Phetchabum no oeste da rexión (onde se atopan algúns parques naturais) e que descende no progreso do Río Mekong. A meseta consiste en dúas chairas principais: a parte sur da meseta, con augas provenientes dos ríos Mun e Chi, e a parte norte de Sakon Nakhon, que está mollada polos ríos Loei e Songkhram. Ámbalas dúas chairas están separadas polas montañas Phu Phan. Os terreos son basicamente arxilosos, con substanciais depósitos de sal.

A fronteira polo norte e polo leste está formada na súa maior parte polo camiño do Río Mekong, mentres que a zona sur ten lindes terrestres con Camboxa. O maior afluente do Mekong con cunca en Tailandia é o Río Mun, que nace no parque nacional de Khao Yai, preto de Khorat, e que flúe cara o leste uníndose ao Mekong na provincia Ubon Ratchathani. Outro río importante da rexión, o Chi, flúe a través da zona central de Isan antes de torcer en dirección sur para xuntarse co Min na provincia Sisaket. Os ríos menores Loei e Songkhram desembocan igualmente no Mekong, o Loei polo norte, a través da provincia Loei e o segundo polo leste a través das provincias de Udon Thani, Sakon Nakhon, Nakhon Phanom e Nong Khai.

Cultura[editar | editar a fonte]

A cultura está fortemente influenciada por Laos. Esta relación está presente en elementos como os traxes tradicionais, a cociña, a arquitectura dos templos, as festividades e as artes.

Gastronomía[editar | editar a fonte]

A comida Isaán é distinta tanto da de tailandesa como da de Laos, mantendo elementos mesturados de ambas. Un elemento especialmente distintivo na comida é o arroz glutinoso, que acompaña as comidas máis que o arroz convencional, así como guindillas ou chiles fritidos. Algúns pratos populares son o tam mak hung, chamado en tailandés som tam, que é unha ensalada de papaia picante, o larb (ensaladas de carne picada con arroz frito machacado) ou o gai yang (polo á grella). Todos estes pratos foron exportados a toda Tailandia en versións que suavizan sabores extremadamente picantes ou amargos propios de Isan.

Un home de Isan tocando o khene, vestindo o típico sarong e o pakama
Unha música vestindo o sarong tradicional feminino.

De maneira recíproca, a comida da rexión Central de Tailandia gañou popularidade en Isan, pero as influencias francesa e vietnamita presentes na dieta propia de Laos non se atopan nesta rexión. A xente tamén é coñecida por alimentarse dunha gran variedade de criaturas como son lagartos, ras, insectos fritidos como lagostas, grilos, vermes da seda e certos escaravellos. Tomados orixinariamente por pobreza, a xente de Isan agora come estes produtos como aperitivos. A comida tómase normalmente coas mans, axudadas polo arroz glutinoso que se amazoca e se usa de apoio ou directamente como pinza. As sopas son elementos frecuentes en cada comida, e conteñen vexetais e herbas, noodles, cachos de peixes, chulas de carne, carne de porco picada ou unha mestura de calquera das anteriores. Tómanse con palillos e culler.

Vestidos tradicionais[editar | editar a fonte]

O traxe típico de Isan é o sarong. O sarong feminino leva un bordado no bordo do cosido, mentres que o masculino posúe unha greca como decoración. Póñense sen ataduras entre as pernas, diferente ao estilo de Tailandia Central. Os homes tamén visten o pakama, unha prenda de diferentes usos que pode ser usada como un cinto onde portar cousas; igualmente tamén se pode enroscar á cabeza e ofrecer protección contra o sol. Isan é o principal produtor en Tailandia de seda. O comercio desta recibiu o seu maior impulso nos anos posteriores á guerra cando Jim Thompson a popularizou entre os occidentais. Un dos tipos de seda de Isan máis famosa é a mut-mii, que se tinxe para producir deseños con patróns xeométricos.

Templos e arquitectura[editar | editar a fonte]

Os templos budistas ou wat son un dos maiores atractivos das poboacións de Isan. Estes templos non só son usados por cerimonias relixiosas; senón que tamén dan cabida a festivais, á música da rexión mor lam, ou a asembleas. Son maiormente construídos en estilo laosiano, con menos ornamentación que o estilo de Tailandia Central. As figuras budistas de estilo laosiano tamén son frecuentes.

A biblioteca do templo Sri Muang en Ubon Ratchatani, representa o estilo típico de Isan.