Suso Fandiño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaSuso Fandiño

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento8 de abril de 1971 Editar o valor em Wikidata (53 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónFacultade de Belas Artes de Pontevedra
Universidade de Santiago de Compostela Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónartista visual , escultor Editar o valor em Wikidata

Dialnet: 3829010

Jesús Victoriano Fandiño Gracia, máis coñecido como Suso Fandiño, nado en Santiago de Compostela o 8 de abril de 1971, é un artista plástico galego. A súa obra atópase próxima á arte conceptual, e desenvólvese a través de diferentes medios como o ready-made, a colaxe, o debuxo ou a instalación.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Intervención no Anexo do MARCO de Vigo en 2009. Vista exterior.

Doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo e licenciado en Historia da arte pola Universidade de Santiago de Compostela.

Iniciou a súa carreira artística inmerso na corrente de artistas que protagonizaron o cambio de dirección tomado pola arte galega a finais do século XX. En 2001 realizou a súa primeira exposición individual, Sample Collection, na galería Ad Hoc de Vigo. En 2002 foi seleccionado para formar parte do ciclo de exposicións Miradas Virxes comisariada por David Barro, e nese mesmo ano tamén participou na exposición Indisciplinados[1] no museo MARCO, integrándose nunha selección de artistas que recollía de maneira nítida o panorama da arte contemporánea emerxente a nivel estatal.

Comezou a participar regularmente en feiras nacionais e internacionais, como o ARCO de Madrid durante doce edicións consecutivas, LOOP, Art Lisboa, Paper Positions Berlin ou Drawing Now Paris. En 2003 Fandiño formou parte da escolla de artistas da exposición Urbanitas[2]. Cos anos esta exposición converterase nunha mostra clave onde a selección de artistas retrata institucionalmente unha nova xeración de artistas e unhas obras que se afastan da herdanza recibida cara a novas direccións. En 2009 realizou unha intervención para o espazo anexo Museo de Arte Contemporánea de Vigo de Vigo.

Avanzando cara á segunda década do século a súa obra adquire unha dimensión máis internacional ao estar presente en mostras como o Salón Europeo de Jovénes Creadores, a Bienal de Vídeo Arte de Tel Aviv, os Institutos Cervantes de Beijing e Sofía ou a Bienal Internacional de Arte de Pontevedra. Durante os últimos anos desenvolve proxectos expositivos para diferentes institucións como La letra con sangre entra[3] (2012), Micromonumentology (2016), La lutte Continue (2017) ou Wunderkammer (2020). A súa obra tamén estivo presente en numerosas mostras colectivas sendo as máis notables as realizadas no CGAC, Patio Herreriano, Círculo de Belas Artes de Madrid e MARCO entre outras. Nos últimos anos Suso Fandiño consolidouse como un dos expoñentes visibles da nova xeración de artistas galegos que, herdeiros do Grupo Atlántica, van articular unha progresiva renovación cara a novos comportamentos e procedementos artísticos.[4]

En 2013 a súa obra e traxectoria foron seleccionadas para formar da selección de artistas presentes no manual Arte Español Contemporáneo 1992 - 2013[5], editado por La Fábrica e dirixido por Rafa Doctor. A súa serie Vous Etês Ici sobre o conflito sirio recibiu en 2016 o máximo galardón no 24 Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos.[6]

No ámbito galerístico realiza colaboracións periódicas coas galerías Ad hoc, T20, Trayecto e a norteamericana Maus Contemporary. A súa obra forma parte de coleccións públicas e privadas españolas e internacionais como o Centro Galego de Arte Contemporánea, a Fundación Coca Cola, a Fundación Barrié, Colección Afundación ou a Jan Michalski Fondation.

Catálogos[editar | editar a fonte]

  • La letra con sangre entra[7].
  • La lutte continue[8]
  • Wunderkammer

Notas[editar | editar a fonte]

  1. VV.AA (2003). Indisciplinados. A posición da arte nas fronteiras do deseño. MARCO. ISBN 84-933121-1-8. 
  2. VV.AA (2006). Urbanitas. MARCO. ISBN 84-934364-5-3. 
  3. Barro, David (2012). La letra con sangre entra. Concello Coruña Cultura.Kiosco Alfonso. ISBN 978-84-92772-33-9. 
  4. Lens, Xosé Manuel (2007). Parangolé. Fragmentos desde os 90: España. DARDO S.L. ISBN 978-84-935887-6-2. 
  5. Doctor, Rafa (2013). Arte Español Contemporaneo 1992 - 2013. La Fábrica. ISBN 978-84-15691-16-7. 
  6. Donoso, Sara (2016). 24 PMR Premio Internacional de Gráfica Máximo. Concello de Ferrol. Cultura. ISBN 978-84-88991-48-5. 
  7. Barro, David (2012). La letra con sangre entra. Concello Coruña Cultura - Kiosko Alfonso. ISBN 978-84-92772-33-9. 
  8. Fandiño, Suso (2017). La Lutte Continue. Maus. ISBN 9788469733622. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]