Parte da freguesía de Tourém constitúe, xunto con parte do concello de Mourão, un dos dous pequenos exclaves de Portugal, separada do resto do territorio polo encoro de Salas, accedéndose a ela a través dunha ponte.
Tourém figura nunha doazón ao mosteiro de Celanova de 1065, sendo esta a primeira mención coñecida. Recibiu carta foral do rei Sancho I de Portugal entre 1185 e 1211, permanecendo vencellado ao Castelo da Picoña até a súa destrución contra 1650. Desde esa altura constituíu concello de seu até a reforma de Passos Manuel de 1836, cando foi incorporado ao concello de Montalegre.[2][3]
Até 1868, data na cal entra en vigor o Tratado de Lisboa de 1864, estivo unido ao Couto Mixto mediante o Camiño Privilexiado. Este camiño atravesaba as terras de Calvos de Randín en Galiza até o Couto e estaba delimitado por mouróns ou marcos de pedra, marcados con diversos sinais, como cruces. Utilizado para o tránsito de persoas e de mercadorías, as autoridades de ámbolos países non podían realizar ningunha aprehensión dentro dos seus límites, nin podían molestar os seus usuarios.[4][5]
Tourém aparece no «numeramento» de Xoán III de Portugal con 51 veciños en 1530.[9] Dada a súa pertenza á diocese de Ourense, aparece no reconto de 1571 levado a cabo para o repartimento pola Coroa de Castela dos mouriscos expulsados de Granada, onde consta que tiña 76 veciños.[10] Faino tamén no Censo dos Bispos de 1587, realizado igualmente na coroa castelá, figurando con 80 veciños.[11] Xa en 1706, na Corografia Portuguesa de António Carvalho da Costa indicábanse 90 veciños, mentres en 1796 aparece con 100.[12]
Forno comunitario de Tourém: Trátase dun forno construído enteiramente de pedra, que ten por base unha planta subrectangular e unha cuberta de dúas augas composta por laxes de granito. A estrutura está reforzada por contrafortes de pedra de cantaría na parte exterior e de sección rectangular que sustentan os tres arcos de volta perfecta do interior, que, á súa vez, sustentan a cuberta.[16]
A porta de entrada ábrese entre a esquina do edificio e o primeiro contraforte, e presenta un lintel recto. Nunha das xambas está gravada na pedra a data de 1868, malia o tipo de arquitectura desta construción permita afirmar que a mesma é máis antiga. A edificación é datada por algúns autores no século XVII;[17] porén, outros remóntanse até os mediados do século IX.[18]
Na fronte do edificio, xunto á entrada e apoiada ás paredes, existe unha banca de tender o pan de grandes proporcións, de pedra maciza e cun frontal de cachotaría. Do lado dereito da construción e sobre unha plataforma (lar) áchase o forno propiamente dito, o cal posúe unha cámara con pavimento de laxes e teito abovedado. Hai tamén un nicho cadrado, o cal ten lintel recto e mesa subcircular e saliente.[19][18]
Igrexa de San Pedro.
Igrexa de San Pedro: Tamén coñecida coma a igrexa matriz de Tourém, o templo constitúe un valor patrimonial importante no contexto da arquitectura relixiosa medieval rexional, ao testemuñar a penetración dos modelos arquitectónicos románicos na rexión actualmente englobada polo concello de Montalegre.[20]
Preséntase como unha igrexa con fundación tardomedieval, razoabelmente conservada, probabelmente do século XIII (algunhas fontes referénciana como igrexa quiñentista,[16] por mor dos traballos de restauración desenvolvidos nese século), relacionada co mosteiro de Pitões das Júnias, como se pode apreciar na austeridade decorativa e a tipoloxía xeometrizante dos motivos deseñados, que seguen o modelo cisterciense deste mosteiro.[20] Este templo parroquial é, probabelmente, a igrexa que se refire no foral da Picoña, dado por Manuel I en 1515, onde se estabelece o foro a pagar pola igrexa de San Pedro.[20]
As obras máis recentes deixarían algúns elementos arquitectónicos considerados tardorrománicos na portada lateral do lado sur, de arco de volta perfecta, no arranque das paredes do corpo e tamén da capela mor.[19] Consérvase do templo orixinal a case totalidade da metade inferior da nave e a cabeceira executada en aparello isódomo, onde destaca unha clave de fresta no interior da capela mor con decoración esculpida e fragmentos de arquivolta de portada decorados con motivos lanceolados, que foron reaproveitados na parte superior da parede sur da cabeceira.[20]
A igrexa foi obxecto de moitas obras de mantemento e restauración en épocas recentes. No século XVI restaurouse a portada principal e durante o século XVIII fixéronse máis obras de mantemento que foron patrocinadas por Caetano Teixeira de Braganza, nomeado nunha lápida conmemorativa sobre a entrada da sacristía, onde se pode ler «Caetanus Teyxeyra de Bragança fecit fleri 1751».[16]
A igrexa ten unha única nave, estreita e longa con capela mor. Ten unha fachada principal de pano único, cunha portada de volta perfecta, de sete doelas, segundo o modelo característico do extremo oriental transmontano.[16] Sobre a portada posúe unha espadana con dupla sineira rematada en pinche e coroada cunha cruz de pedra. Sobre as esquinas, no tellado, hai dous pequenos pináculos de estilo barroco e no medio do alzado xorden dúas ménsulas que poden ter servido como lugares de apoio dun soportal. Gravadas nos perpiaños exteriores, a pouca altura, encóntranse varias cruces e siglas.[19]
Capelas de Nosa Señora do Rosario, San Miguel e San Lourenzo.[21]
↑ 16,016,116,216,3"Tourém". Serra do Gerês. A página, não oficial, da serra mais espectacular de Portugal(en portugués). Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2012. Consultado o 3 de setembro de 2011.
↑ 19,019,119,2Almeida Fernandes, Paulo; Garcia, Liliana (2007). Leonel de Vieira, ed. Portugal Património. Guia - Inventário(en portugués). II: Vila Real, Bragança. Casais de Mem Martins, Rio de Mouro: Círculo de Leitores. pp. 10–11 (G02). ISBN978-972-42-3908-8.
—————— (2018). Usos e desusos das terras de Tourém: Transformações socioterritoriais numa aldeia rural fronteiriça do norte de Portugal com a Galiza(en portugués). Dr. Alveiros. Fundación Vicente Risco. ISBN978-84-948980-4-4.
Borralheiro, Rogério (2008). Tourém. Vila e concelho. História de uma Honra de Barroso(en portugués). Junta de Freguesia de Tourém. ISBN978-989-20-1266-7.
Hernández Figueiredo, José Ramón (2005). "Tentativa por conformar las divisiones, eclesiástica y pública, de los reinos de España y Portugal. El caso de las parroquias de San Pedro de Tourém y Santa María de Lama de Arcos". Memoria Ecclesiae(en castelán) (Oviedo: Asociación de Archiveros de la Iglesia en España) (27): 449–462.