Shane Gould

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Shane Gould
Shane Gould c1972.jpg
Nome completoShane Elizabeth Gould
Nacemento23 de novembro de 1956
Lugar de nacementoSydney
NacionalidadeAustralia
Alma máterTurramurra High School
Ocupaciónnadador
Premiosmembro da Orde do Imperio Británico, Medalha Australiana dos Desportos, International Swimming Hall of Fame, Australian of the Year, Australian National Living Treasure e Member of the Order of Australia
Na rede
http://www.shanegould.com.au/
IMDB: nm1851366 Olympic.org: shane-gould Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Shane Elizabeth Gould, nada en Sydney o 23 de novembro de 1956, é unha nadadora australiana, gañadora de tres medallas de ouro, unha de prata e unha de bronce nos Xogos Olímpicos de 1972.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Gould naceu en Sydney o primeiro día de competición dos Xogos Olímpicos de 1956 de Melbourne. Mudouse a Fidxi coa súa familia aos dezaoito meses. Con seis anos xa era unha nadadora competente. Estudou a primaria no St. Peters Lutheran College de Brisbane, onde unha casa de deportes foi bautizada co seu nome, e a secundaria na Turramurra High School de Sydney, onde tamén se bautizou unha casa de deportes na súa honra e na da súa compañeira olímpica Gail Neall.

Foi adestrada polos recoñecidos Forbes e Ursula Carlile e o seu axudante Tom Green. Gañou todos os seus títulos mundiais de natación sendo unha adolescente, viaxando moito.

Carreira deportiva[editar | editar a fonte]

Nos Xogos Olímpicos de 1972 de Múnic, Gould gañou tres medallas de ouro, establecendo un récord do mundo en cada proba. Gañou tamén unha prata e un bronce.[1][2] Foi a primeira nadadora que gañou tres medallas de ouro con récord do mundo e a primeira (home ou muller) en gañar medallas olímpicas en cinco probas individuais nuns únicos xogos. Foi tamén a primeira persoa australiana que gañou tres medallas de ouro nuns únicos xogos.[3] Foi a única persoa, home ou muller, que tivo simultaneamente todos os récords do mundo de estilo libre desde os 100 aos 1500 metros e os 200 metros estilos, o que logrou entre o 12 de decembro de 1971 e o 1 de setembro de 1972.

Aos dezaseis anos retirouse da natación competitiva por mor da presión que lle provocaron o seu éxito e o seu perfil nos medios. Máis de dúas décadas despois, Gould regresou á natación na categoría Masters. Estableceu récords de Australia nas categorías de 40-44 anos (100, 200 e 400 m estilo libre, e 100 m bolboreta) e 45–49 anos (50 m bolboreta, 100 e 200 m estilo libre). En 2003, superou o récord do mundo para 45-49 anos dos 200 metros estilos individual cunha marca 2:38.13 (batendo o récord do mundo para calquera idade de 1961).[4]

Continuou a adestrar nadadores e a nadar en competicións Masters.[5]

Carreira posterior[editar | editar a fonte]

Gould volveu a estudar a finais da década de 2000. Estudou na Sydney Film School (2001) e recibiu un mestrado en xestión ambiental (2010, cunha tese sobre os usos públicos e as funcións das piscinas públicas), e un mestrado en arte contemporánea (2012). Ambos os graos foron pola Universidade de Tasmania.[6] En 2019 recibiu un doutoramento en filosofía pola Universidade de Victoria. Gould é fotógrafa e ten obra amosada en Art of the Olympians.[7]

Nos Xogos Olímpicos de 2000 en Sydney, Gould levou o facho olímpico no estadio, como un dos corredores do segmento final antes do acendemento da chama olímpica.[8]

En 1999 publicou a súa autobiografía, Tumble Turns: An Autobiography.[9]

En agosto de 2018 revelouse que Gould ía participar en Australian Survivor: Champions vs. Contenders.[10] O 9 de outubro de 2018, Gould foi coroada como gañadora de Australian Survivor: Champions vs. Contenders.[11] Con esta vitoria, Gould converteuse na persoa de máis idade en gañar unha edición de calquera serie internacional de Survivor. Posteriormente volveu a Australian Survivor: All Stars, mais foi eliminada a primeira, acabando no posto 24.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Gould pasou a maior parte dos anos despois de retirarse fóra do ollo público. Casou con Neil Innes aos dezaoito anos, fíxose cristiá e viviu nunha granxa preto de Margaret River no suroeste australiano. Traballou na granxa e deu clases de equitación e surf, facendo poucas aparicións públicas. Tivo catro fillos e tres netos.[6]

O matrimonio de Gould con Innes acabou despois de vinte e dous anos, coincidindo coa volta dela á vida pública,[12] e casou con Milton Nelms en 2007.[13][14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Shane GOULD". Olympics.com. Consultado o 2022-01-17. 
  2. "Australian Olympic swimmer Shane Gould | naa.gov.au". www.naa.gov.au. Consultado o 2022-01-17. 
  3. "Shane Gould". Comité Olímpico de Australia. Consultado o 20 de abril de 2016. 
  4. "Shane Gould - Swimming Career". 
  5. "Swim for fun, not medals: Shane Gould". 7NEWS (en inglés). 2021-07-30. Consultado o 2022-01-17. 
  6. 6,0 6,1 "Shane Gould - About Shane". 
  7. "Shane Gould". artoftheolympians.org. Consultado o 5 de outubro de 2015. 
  8. "Olympedia – Shane Gould". www.olympedia.org. Consultado o 2022-01-17. 
  9. "SHANE'S AUTOBIOGRAPHY - TUMBLE TURNS". 
  10. Anderson, Jared (25 de xuño de 2018). "Olympic Champ Shane Gould to Appear on Australian 'Survivor'". Swim Swan (Swim Swam Partners). Consultado o 10 de outubro de 2018. 
  11. Bond, Nick; Paine, Hannah (2018-10-09). "‘Enormous mistake’ ruins runner-up". news.com.au — Australia’s leading news site. Consultado o 2022-01-17. 
  12. "Shane Gould - Shane's Autobiography". 
  13. Shane Gould website Arquivado 8 de abril de 2011 en Wayback Machine.
  14. ABCTV Australian Story On Bicheno Beach 10/09/2012

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]