Sergio Marqués
Nome orixinal | (es) Sergio Marqués Fernández |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 4 de agosto de 1946 Xixón, España |
Morte | 8 de maio de 2012 (65 anos) Xixón, España |
5º Presidente do Principado de Asturias | |
10 de xullo de 1995 – 20 de xullo de 1999 ← Antonio Trevín – Vicente Álvarez Areces → | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Oviedo - dereito |
Actividade | |
Ocupación | político, avogado |
Partido político | Partido Popular Unión Renovadora Asturiana |
Premios | |
| |
Sergio Rutilio Marqués Fernández, nado en Xixón o 4 de agosto de 1946 e finado na mesma cidade o 8 de maio de 2012, foi un político asturiano. Ocupou o cargo de Presidente do Principado de Asturias entre 1995 e 1999.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Licenciouse en Dereito pola Universidade de Oviedo. En 1977 entrou a formar parte da Alianza Popular. Formou parte da candidatura dese partido á Xunta Xeral do Principado de Asturias nas eleccións autonómicas de 1987, resultando elixido deputado e renovando o escano en 1991. En setembro de 1993, foi elixido vicepresidente do Partido Popular asturiano.
Tras a renuncia de Isidro Fernández Rozada, encabeza a candidatura do PP á Xunta Xeral do Principado, resultando vencedor, con maioría simple, fronte á encabezada polo entón Presidente do Principado Antonio Trevín. Foi investido Presidente do Principado e ostentou o cargo até as eleccións de 1999.
Mais o seu mandato non estivo exento de polémicas. A diferenza de criterio entre parte do seu Goberno e os dirixentes rexionais e estatais do PP (especialmente con Francisco Álvarez-Cascos, de quen se dixo que quería gobernar Asturias desde Madrid) fixeron que Sergio Marqués decidise romper as relacións co seu partido, e o 2 de decembro de 1998 fundou a Unión Renovadora Asturiana (URAS), partido que xiraba arredor da súa persoa e formado case exclusivamente polos desencantados co Partido Popular. Continuou adiante co seu goberno, en minoría, e concorreu como cabeza de lista nas eleccións autonómicas de 1999, obtendo un pobre resultado (só 3 deputados) e pasando á oposición.
Moitos dos dirixentes do PP, que en principio apoiaran as teses de Marqués e deixaran o PP para integrarse na URAS, foron abandonando o novo partido pouco a pouco, e nas eleccións autonómicas e municipais de 2003 regresaron ás filas populares. Marqués encabezou de novo a candidatura de URAS á Xunta Xeral, mais desta vez non obtivo ningún escano.
En 2004, Marqués impulsou a creación de Unión Asturianista, unha coalición entre o seu partido e o Partíu Asturianista (PAS) de Xuan Xosé Sánchez Vicente. Encabezou a candidatura deste novo partido ás eleccións autonómicas de 2007, obtendo 13.338 votos (2,2%),[1] cos que non conseguiu escano.
Sergio Marqués faleceu o 8 de maio de 2012 na súa cidade natal, tras sufrir un infarto do que non puido recuperarse.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Resultados generales de la Elección a Diputados de la Junta General del Principado de Asturias celebradas el 27 de mayo de 2007" (PDF). Boletín Oficial del Principado de Asturias. 14 de xuño de 2007. Consultado o 27 de decembro de 2019.
- ↑ "Fallece Sergio Marqués, ex presidente del Principado". La Nueva España. 8 de maio de 2012. Consultado o 4 de xuño de 2012.
Predecesor: Isidro Fernández Rozada |
Portavoz do Grupo Popular na Xunta Xeral do Principado de Asturias 1993-1995 |
Sucesor: Leonardo Verdín Bouza |
Predecesor: Antonio Trevín |
Presidente do Principado de Asturias 1995-1999 |
Sucesor: Vicente Álvarez Areces |