Semíramis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Semíramis nunha ilustración italiana do XVIII

Semíramis[1] (en grego antigo Σεμίραμις} / Semíramis) foi unha raíña lendaria de Asiria, cunha historia da que a fonte principal foran Diodoro de Sicilia e Ctesias. É probabelmente identificábel coa raíña babilonia Shammurámat ou Sammu-ramat, esposa do rei Shamshiadad V e rexente do seu fillo Adadnirari III (século IX a.C.)

Cóntase dela que era luxuriosa, mesmo incestuosa co propio fillo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla de Derceto, unha deusa medio muller, medio peixe, que vivía nun lago próximo a Ascalon, e máis de Caystros, suposto fillo de Aquiles e Pentesilea. Logo de nacer Semíramis, Derceto asasinou a Caystros, e despois escondeuse no lago e abandonou a filla. Foi entón criada por pombas, que, para alimental, roubaban leite e queixo a campesiños e pastores da zona. Descuberta por pastores, que andaban intrigados por aquel manexo das aves, foi entregada ao seu xefe, que lle impuxo o nome de Semíramis ("que vén das pombas" en siríaco).

Feita xa moza, foi desposada por Onnés, un conselleiro do rei Ninos de Nínive, do cal tivo dous fillos, Hyapaté e Hydaspé. Semíramis aconsella ao marido tan habilmente que este ten éxito na totalidade das empresas que realiza. Con ocasión dunha expedición a Bactriana, acompaña ao seu home, e póndose á cabeza dun grupo de soldados, toma a cidadela de Bactres. O rei, Ninos, namórase de Semíramis e Onnés suicídase. O rei casa con ela e teñen un fillo, Ninyas. Pouco tempo despois, Ninos morre e Semíramis sucédelle nun longo reinado de 42 anos.

Segundo a lenda, Semíramis fundou Babilonia, rechamante polo seu tamaño, onde crea, no seu pazo occidental, os famosos xardíns colgantes. Raíña guerreira, apoderouse de Armenia, Media, toda Asia ata o Indo, onde foi derrotada, e aínda dominou Exipto e Etiopía. Cando consulta o oráculo de Amón, este indícalle que será apartada do número dos vivos cando o seu fillo Ninyas conspirase contra ela. De volta da súa expedición á India, sabe que o seu fillo conspira cos eunucos do pazo. Daquela abandona o poder e desaparece. A lenda conta que foi transfigurada en pomba e elevada ao ceo para converterse nunha divindade.

Referencias culturais[editar | editar a fonte]

Cóntase a súa vida na Xeral Estoria de Afonso X. Seguindo a historia de Paulo Orosio, é presentada como unha conquistadora intrépida, sabia, fundadora dunha Babilonia esplendorosa e con costumes luxuriosos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Semíramis". Diciopedia do século 21 3. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1911.