Scherzo fantastique

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Scherzo fantastique Op. 3 de Igor Stravinskii foi composto en 1908. É a segunda obra orquestral do compositor ruso (precedida pola Sinfonía en Mi bemol Maior). Para a súa composición, Stravinskii inspirouse no ensaio de 1901 de Maurice Maeterlinck La Vie des Abeilles (A Vida das Abellas), que Stravinskii e súa muller Catherine Nossenko leran en 1907. Dez anos despois, Léo Staats adaptou a obra a ballet para a Opéra Garnier, co título Les Abeilles.

Historia[editar | editar a fonte]

En xullo de 1907, Stravinskii escribiulle a Nikolai Rimskii-Korsakov que estaba a planear un "scherzo fantástico", que sería chamado Abellas.[1] Comezou a traballar nel ese mesmo mes e rematouno o 30 de marzo de 1908. Rimskii-Korsakov viu a partitura e gustoulle, mais morreu ese mesmo ano e nunca chegou a escoitar a obra. Stravinskii dedicoulle a obra a Alexander Siloti, quen dirixiu a súa estrea o 6 de febreiro de 1909 no Siloti Concerts de San Petersburgo, nun concerto no que tamén se estreou a obra de Stravinskii Feu d'artifice (Fogos de artificio). Sergei Diagilev estaba presente e a súa música impresionouno, o que o levou a encargar a Stravinskii a primeira das súas composicións para ballet.[2] A partitura publicouse por primeira vez contra o ano 1909 polo editor musical ruso P. Jurgenson.[1]

Stravinskii concibiu o Scherzo Fantastique como música abstracta, mais o 10 de xaneiro de 1917 foi representada como ballet blanc na Opéra de Paris, con coreografía de Léo Staats para unha escenificación baseada no ensaio de Maeterlink La Vie des Abeilles. Stravinskii non autorizara esta representación, e Maeterlinck opúxose a ela.[2]

Orquestración[editar | editar a fonte]

A partitura de Stravinskii require da utilización de:[3]

Instrumentación de Tristan und Isolde
Madeiras
3 frautas, piccolo, 2 óboes, corno inglés,

3 clarinetes en La, clarinete baixo en La, 2 fagots e contrafagot.

Metais
4 trompas, 2 trompetas en La, trompeta contralto en Fa.
Percusión
Pratos.
Cordas
16 violíns primeiros, 16 violíns segundos, 12 violas, 12 violonchelos e 8 contrabaixos

3 arpas

Outros
Celesta.

En 1930 Stravinskii revisou a obra e reduciu o número de arpas a dúas.[2]

Características[editar | editar a fonte]

Como outras composicións temperás de Stravinskii, o Scherzo fantastique continúa o gusto ruso do século XIX polo exotismo. Emprega a escala octatónica e a de tons enteiros, acordes de quinta aumentada e sétima diminuída,[1] e máis cromatismos que nas composicións anteriores do compositor.[2] O ritmo aínda continúa a empregar notacións de tempo fixo, e as frases son predominantemente de catro compases. Evita o rubato, empregando un perpetuum mobile para manter o impulso cara a adiante.[2]

As influencias na obra recoñecidas por Stravinskii foron: Rimskii-Korsakov (O voo do moscardón), Mendelssohn (vía Chaikovskii), Dukas (L'apprenti sorcier[1]), Wagner e Debussy.[2]

Forma[editar | editar a fonte]

A obra consta dun só movemento dunha duración aproximada de entre 11 minutos e 40 segundos,[4] e 16 minutos.[2] Unha nota na partitura indica:

Esta peza está inspirada nun episodio da vida das abellas. A primeira sección ofrece unha impresión da vida e a actividade na colmea. A sección central, un movemento lento, representa a saída do sol e o voo nupcial da abella raíña. O voo namorado co seu compañeiro elixido, e a súa morte. A terceira sección, un recordo da primeira, mostra a continuidade da actividade tranquila da colmea. Polo tanto, a peza completa convértese para nós os humanos na imaxe fantástica dun ciclo eterno.[2]

Discografía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Walsh, Stephen (1988). Oxford University Press, ed. The Music of Stravinsky. Oxford. pp. 8–11. ISBN 0-19-816375-4. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 White, Eric Walter (1979). Berkeley and Los Angeles: University of California Press, ed. The Composer and His Works (2ª ed.). pp. 32, 179–180, 562–563. Consultado o 24 de febreiro de 2014. 
  3. Partitura en IMSLP
  4. 4,0 4,1 Works of Igor Stravinsky. 22-CD set. Sony Classical 88697103112. New York: Sony BMG Music Entertainment, 2007. Disc 1, "Ballets vol. 1" 88697103112-1.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]