San Salvador de Budiño, O Porriño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
San Salvador de Budiño
Ponte de Orbenlle.
ConcelloO Porriño[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°06′12″N 8°35′49″O / 42.10344791, -8.59694642Coordenadas: 42°06′12″N 8°35′49″O / 42.10344791, -8.59694642
Poboación2.056 hab. (2022)
Entidades de poboación23[1]
editar datos en Wikidata ]

San Salvador de Budiño é unha parroquia que se localiza no concello do Porriño. Segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 2.056 habitantes (1.007 homes e 1.049 mulleres), distribuídos en 27 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 1.979 habitantes.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Budiño está situada ao sur do concello, e é unha das de maior área. O ecosistema das Gándaras, declarado Espazo Protexido de Interese Natural, o río Louro forma unha lagoa. Na parroquia sitúase ademais o Faro de Budiño, de estrutura granítica.

A parroquia está atravesada pola AP-9, a N-550 e o ferrocarril de Redondela a Tui, e acolle os polígonos industriais das Gándaras e A Granxa.

Historia[editar | editar a fonte]

Nas escavacións da construción da autovía Vigo-Portugal atopáronse restos prehistóricos de diferentes épocas, como útiles líticos do paleolítico, mámoas, e cerámica campaniforme. Estes achados consérvanse no museo Quiñones de León de Vigo e no museo de Pontevedra.

A igrexa parroquial de san Salvador ten a súa orixe nun mosteiro construído en 1083 pola orde de Cluny, visitado en 1092 polo monxe Dalmacio, nomeado posteriormente bispo de Compostela. Esa primeira construción, ocupada por un prior, oito frades e un capelán comensal, tiña carácter provisional. A igrexa foi reconstruída a medidados do século XII por canteiros que traballaban na primeira fase da catedral de Tui. O mosteiro foi eliminado en 1436, agregándose as súas contas á Mesa Capitular de Tui e quedando o templo como igrexa parroquial. En 1752, sendo párroco Francisco Antonio Rodríguez de Gutín, foi destruída en gran parte por mor dun raio, como testemuña a inscrición situada sobre a porta de entrada. Nesa época engadiuse o actual corpo de fachada e o corpo de naves. Foi reconstruída de novo no século XX despois dun grande incendio. Con todo, nin o raio nin o incendio afectaron en exceso á capela maior, que aínda conserva o estilo románico orixinal.

No Barrio do Casal hai unha capela e un peto de ánimas. Malia que a capela está baixo a advocación de Santo Antón, é coñecida popularmente como capela de San Blas, debido a que foi reconstruída cos cartos do usufruto que a confraría de San Blas obtiña das vendas de gando no antigo campo da feira anexo. A capela orixinal, de orixe medieval, foi reconstruída en 1738. Destaca a cuberta da fachada sur e a escultura do santo da fachada, con hábito franciscano e sostendo un elemento vexetal na destra, mentres é flanqueado por sendas figuras de anxos trompeteiros. O peto de ánimas de San Antón, do século XVIII, está no muro do adro da capela. Trátase dun peto de tipo pechado cunha gran pedra cadrada de base, co caixón de ferro para as esmolas na parte central. O retablo está feito de lata grosa (o único exemplo galego destas características xunto co peto de Goián), na que aparecen San Antón (tonsurado, con hábito e cordón, sostendo nunha das súas mans un rosario), e as ánimas, das que hoxe en día soamente se aprecia a cabeza dunha delas. Aínda se aprecian restos de policromía.

División eclesiástica[editar | editar a fonte]

Eclesiasticamente, pertence ó arciprestado da Louriña, na diocese de Tui-Vigo.[3]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes do Porriño.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de San Salvador de Budiño[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de San Salvador de Budiño no concello do Porriño (Pontevedra)

A Arrotea | Benunes | O Casal | O Cerquido | A Chan | Cortes | A Cruz | A Devesa | Os Eidos | Eirís | As Gándaras | Mantelle | O Mosteiro | Orbenlle | O Picouzo | O Pombal | As Rozadas | O Sanguío | O Sobral | O Toural | Trapa | Vacaría | Vitureira

Parroquias do Porriño[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias do Porriño

Atios (Santa Eulalia) | Cans (Santo Estevo) | Chenlo (San Xoán) | Mosende (San Xurxo) | Pontellas (Santiago) | O Porriño (Santa María) | San Salvador de Budiño (San Salvador) | Torneiros (San Salvador)


Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]