Sally Mann

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Sally Mann
Sally Mann.jpg
Nacemento1 de maio de 1951
 Lexington
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterBennington College
Ocupaciónfotógrafa
PremiosBolsa de estudos Guggenheim
editar datos en Wikidata ]

Sally Mann, nada en Lexington (Virxinia) o 1 de maio de 1951 é unha fotógrafa estadounidense, coñecida polas súas fotografías en branco e negro de gran formato, primeiro dos seus fillos pequenos e despois de paisaxes que suxiren decadencia e morte.

Vida privada[editar | editar a fonte]

Mann naceu e criouse en Virxinia, filla de Robert Munger e Elizabeth Munger. Na introdución do seu libro Immediate Family, "expresa fortes recordos da muller negra, Virginia Carter, que supervisou a súa educación máis que da súa propia nai". Elizabeth Munger non foi unha gran parte da vida de Mann, e Elizabeth dixo que "Sally pode parecerse a min, mais por dentro é a filla do seu pai".[1] Virginia (Gee-Gee) Carter, nada en 1894, criou a Mann e os seus dous irmáns e era unha muller admirable. "Abandonada con seis nenos e un sistema de educación pública polo que pagaba impostos pero que prohibía as clases para os nenos negros despois do sétimo grao, Gee-Gee amañou para enviar cada un deles a escolas de fóra do estado e, finalmente, á universidade". Virginia Carter faleceu en 1994.[2]

En 1969 Sally coñeceu a Larry Mann, co que casou en 1970.[3] Larry Mann é avogado, e antes de exercer o dereito, foi ferreiro. A Larry diagnosticáronlle distrofia muscular arredor de 1996.[4] Viven xuntos na casa que construíron na granxa da familia de Sally en Lexington, Virxinia.[3]

Teñen tres fillos: Emmett, nado en 1979, que se suicidou en 2016, tras un accidente case fatal de tráfico e unha loita coa esquizofrenia, e que serviu por un tempo nas Forzas de Paz; Jessie, nada en 1981, artista; e Virginia, nada en 1985, avogada.[3]

Mann é unha apaixonada da equitación enduro. En 2006, o seu cabalo árabe sufriu unha ruptura dun aneurisma mentres ela o montaba. Durante a agonía, Mann foi lanzada ao chan, o cabalo pasou por riba dela e no impacto rompeu o lombo. Levoulle dous anos recuperarse do accidente e durante este tempo, fixo unha serie de autorretratos mediante ambrotipia. Estes autorretratos expuxéronse por primeira vez en novembro de 2010 no Museo de Belas Artes de Virxinia como parte da exposición Sally Mann: the Flesh and the Spirit.[5]

Recoñecemento[editar | editar a fonte]

As súas obras están incluídas nas coleccións permanentes do Metropolitan Museum of Art,[6] a National Gallery of Art,[7] o Hirshhorn Museum and Sculpture Garden,[8] o Museum of Fine Arts, de Boston,[9] o San Francisco Museum of Modern Art,[10] e o Whitney Museum de Nova York entre moitos outros.

A revista Time nomeouna a mellor fotógrafa dos Estados Unidos en 2001.[11] Fotografías tomadas por ela apareceron na portada de The New York Times Magazine dúas veces: primeiro unha foto dos seus tres fillos para o número do 27 de setembro de 1992 cun artigo sobre o "traballo perturbador",[12] e no do 9 de setembro de 2001 sun autorretrato (tamén coas súas dúas fillas) para o tema "Mulleres mirando mulleres".

Mann foi o tema de dous documentais. O primeiro, Blood Ties,[5] foi dirixido por Steve Cantor. Estreouse no Festival de Sundance de 1994 e recibiu unha candidatura ao Oscar á mellor curtametraxe documental. O segundo, What Remains[13] tamén foi dirixido por Steve Cantor. Foi estreado no Festival de Sundance de 2006 e foi candidato ao premio Emmy ao mellor documental. Na crítica do filme para The New York Times, Ginia Bellafante escribiu, "É un dos retratos máis exquisitamente íntimos non só do proceso do artista, senón tamén dun matrimonio e unha vida, que apareceu na televisión nos tempos recentes".[14]

Mann recibiu un doutoramento honorífico en belas artes[15] pola Corcoran College of Art + Design en maio de 2006. A Royal Photographic Society do Reino Unido fíxoa membro de honra en 2012.[16]

Mann gañou a Andrew Carnegie Medal for Excellence in Nonfiction de 2016 por Hold Still: A Memoir in Photographs.[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "The Disturbing Photography of Sally Mann". 
  2. ""The Two Virginias" Sally Mann". Art21. Consultado o 27 de xullo de 2017. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Sheets, Hilarie. "After Her Son's Death, Sally Mann Stages a Haunting Show". The New York Times. Consultado o 27 de xullo de 2017. 
  4. NPR, "From Lens To Photo: Sally Mann Captures Her Love" "All Things Considered", 17 de febreiro de 2011.
  5. 5,0 5,1 Steven Cantor (Director) (1994). Blood Ties (Motion picture). 
  6. "Search". The Metropolitan Museum of Art, i.e. The Met Museum. 
  7. "Global Site Search Page". www.nga.gov. 
  8. "Sally Mann at the Hirshhorn Museum". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2011. Consultado o 15 de agosto de 2019. 
  9. Sally Mann at the Museum of Fine Arts in Boston[Ligazón morta]
  10. "Sally Mann at the San Francisco Museum of Modern Art". Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2011. Consultado o 15 de agosto de 2019. 
  11. Price, Reynolds (9 de xullo de 2001). "Photographer: Sally Mann" – vía www.time.com. 
  12. Richard B. Woodward, “The Disturbing Photography of Sally Mann”. The New York Times Magazine cover story, 27 de setembro de 1992, páxina 29. The Disturbing Photography of Sally Mann - The New York Times
  13. Steven Cantor (Director) (2005). What Remains (Motion picture). 
  14. Ginia Bellafante,What Remains: The Life and Works of Sally Mann", The New York Times, 31 de xaneiro de 2007. [1]
  15. Jay DeForge, "Corcoran College Awards Sally Mann Honorary Doctorate. PopPhoto, maio de 2006. [2] Arquivado 16 de febreiro de 2007 en Wayback Machine.
  16. "Honorary Fellowships (HonFRPS)". Royal Photographic Society. Consultado o 8 de marzo de 2017. 
  17. ""The Sympathizer", "Hold Still", receive 2016 Andrew Carnegie Medals for Excellence in Fiction and Nonfiction" (Nota de prensa). Boston: American Library Association. PR Newswire. 10 de xaneiro de 2016. Consultado o 17 de xaneiro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]