Fotografía como arte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cando os coñecementos en óptica estiveron o suficientemente avanzados, os pintores descubriron a maneira de proxectar unha imaxe sobre unha película de papel con aceite. O que lles permitía tomar notas rapidamente coa desvantaxe dunha inversión da imaxe e un reducido tamaño.

Isto coincide coa auxe do realismo na pintura.

Máis tarde descubrironse técnicas usando clara de ovo que facían posible lograr que a imaxe por si mesma se quedase gravada no papel. Esta técnica foise perfeccionando grazas á comprensión do fenómeno químico implicado e a unha continua experimentación con materiais alternativos. Axiña foi posible ter unha caixa cun papel fotosensible oculto da luz, un canón co que enfocala, e un obturador para facer pasar a luz o tempo suficiente para que impresionara á película.

A fotografía como arte, ciencia e experiencia humana foron evolucionado en paralelo durante este tempo. En canto foi posible facer da cámara un dispositivo móbil doado de manexar apareceu a posibilidade de influír no espectador mediante a posición da cámara e o seu enfoque, o que permitían trasladar a subxectividade do fotógrafo á fotografía, amais de ir construíndo unha linguaxe artística.

A linguaxe artística fotográfica partiu da herdanza da pintura, así a todo ampliou rapidamente o seu léxico grazas á facilidade de facer enfoques extremos (picados, contrapicados,..) a captura do movemento con longos tempos de obturador, e a decisión do momento. A presión sobre o fotógrafo para marcar a súa subxectividade na fotografía forxou unha linguaxe chea de sutilezas pero perfectamente comprensible, moi directa para calquera observador.

Hoxe en día a fotografía é practicada en todo o mundo por millóns de persoas armadas con boas cámaras fotográficas. Para a fotografía artística son preferibles actualmente as cámaras cunha boa óptica e moitas opcións que engadan flexibilidade, fronte ás cámaras orientadas ó consumidor, onde a óptica e o obturador son dirixidos pola electrónica restando ó feito de facer unha foto gran parte da súa imprevisibilidade. A aparición das cámaras dixitais, cámaras mixtas con vídeo, e a fotografía en contornos de realidade virtual complican, arrequecendo, o futuro desta arte.