Roxy Music é unha banda inglesa de art rock formada en novembro de 1970 por Bryan Ferry, que se converteu no vocalista e principal compositor, e polo baixista Graham Simpson. Os outros membros son Phil Manzanera (guitarra), Andy Mackay (saxofón e óboe) e Paul Thompson (batería e percusión). Antigos compoñentes da banda foron Brian Eno (sintetizadores) e Eddie Jobson (sintetizadores e violín). Malia que o grupo parou as súas actividades en 1983, reuniuse para unha xira no 2001, e veñen tocando xuntos intermitentemente dende entón.
Roxy Music acadou o éxito no Reino Unido, Europa e Australia durante a década de 1970 e comezos da de 1980, comezando co seu álbum de estrea, Roxy Music, publicado en 1972. A banda foi moi influente como principais expoñentes dos elementos máis experimentais e sofisticados do glam, ademais de ser unha influencia significativa no primeiro punk rock británico. Tamén foi un modelo para moitos artistas de New Wave e os grupos de electrónica experimental de principios dos 80. Roxy Music distínguese pola súa sofisticación visual e musical, e a súa preocupación polo estilo e o glamour. Ferry e Eno tamén tiveron unhas influentes carreiras en solitario, converténdose o segundo nun importante produtor nos últimos anos do século XX.
Un novo álbum de estudio, que sería o noveno, comezou a gravarse no ano 2005. Tería sido o primeiro traballo da banda con Brian Eno dende 1973, que compuxera dous temas ademais de tocar os teclados. Porén, Bryan Ferry finalmente confirmou que o material gravado nesas sesións sería publicado como un álbum en solitario de Ferry, con Eno tocando nun feixe de cancións, e tamén dixo que non cría que volvesen a gravar como Roxy Music novamente.