The Pretty Things foi unha banda de rock inglesa formada en setembro de 1963 en Sidcup, Kent. Colleron o seu nome da canción de Willie Dixon de 1955 "Pretty Thing", interpretada por Bo Diddley.[1] Nos seus primeiros anos foi unha banda pura de rhythm and blues, con varios sinxelos entrando nas listas británicas, e posteriormente abrazou outros xéneros como o rock psicodélico a finais dos 60 (sendo o seu álbum de 1968 S.F. Sorrow unha das primeiras óperas rock), o hard rock a principios dos 70 e o new wave a principios dos 80.[1] A pesar disto, a banda non foi capaz de conseguir o mesmo nivel de éxito que cos seus primeiros lanzamentos.