Saltar ao contido

Glam rock

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Glam rock
Imaxe
 Instancia de
 Subclase de
 Nome orixinal
Glam Rock (en) Editar o valor en Wikidata
 Caracterizado por
Datas
 Fundación / creación
1969 Editar o valor en Wikidata
Historia
 Sucedido por
Glam metal (1979 - ) Editar o valor en Wikidata
Localización
 País de orixe
Códigos e identificadores
Freebase/m/09jw2 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
BNE: XX4987485
Wikidata C:Commons

O glam rock (tamén coñecido coma glitter rock), é un subxénero do rock que se desenvolveu no Reino Unido na época post-hippy de principios dos anos 70. O seu nome é un apócope da palabra "glamour".

Un fenómeno británico en grade medida, o glam rock chegou á súa cima a mediados dos anos 70. Os seus expoñentes máis famosos foron Marc Bolan e T. Rex, Gary Glitter e Slade. Outros influentes artistas tanto británicos coma estadounidenses son Elton John, David Bowie, Alice Cooper, Sweet, Wizzard, Roxy Music, Mud, Mott the Hoople, Queen, The Glitter Band, The New York Dolls, Sparks, Kiss, The Tubes e Suzi Quatro.

O glam rock xurdiu das escenas inglesas do rock psicodélico e o and art de finais dos anos 60 e pode verse como unha extensión desas tendencias. Musicalmente era moi diverso, variando entre o rock sinxelo e o revivalismo de figuras como Alvin Stardust ata a complexidade do art rock de Roxy Music, e pode ser visto tanto como unha moda como un sub-xénero musical. Visualmente era unha mestura de varios estilos, indo do glamour de Hollywood dos anos 30, pasando polo sex appeal pin-up dos 50, a teatralidade do cabaré de pre-guerra, o estilo e a literatura vitoriana, e a ciencia ficción, ata o misticismo e a mitoloxía; manifestándose en roupas extravagantes, maquillaxe, peiteados e botas con plataformas. O glam destaca pola súa ambigüidade sexual e de xénero e as representacións da androxinia, xunto a un amplo uso do teatro.

As orixes do glam rock están asociadas con Marc Bolan, que renomeou ao seu dúo como T. Rex e fixéronse con instrumentos eléctricos cara finais dos anos 60. Adoita a citarse como o momento da eclosión a súa aparición no programa británico de televisión Top of the Pops en marzo de 1971, levando purpurina e roupa de satén, interpretando o que sería o seu primeiro sinxelo en acadar o número 1, "Hot Love". Dende finais de 1971, o nese intre menos coñecido, David Bowie desenvolveu a súa personaxe Ziggy Stardust, incorporando elementos de maquillaxe profesional, mímica e performance nas súas actuacións. Estes artistas foron rapidamente seguidos por xente como Roxy Music, Sweet, Slade, Mott the Hoople, Mud e Alvin Stardust. Aínda que estaban a ser un grande éxito nas listas de sinxelos británicas, moi poucos destes músicos foron capaces de ter un impacto serio nos Estados Unidos; sendo Bowie a principal excepción ao converterse nunha estrela a nivel internacional e provocando a adopción do estilo glam en artistas como Lou Reed, Iggy Pop, New York Dolls e Jobriath, coñecéndose a miúdo como "glitter rock" e con letras máis escuras que as dos seus homólogos británicos.

No Reino Unido, o termo glitter rock foi máis usado para referirse á versión máis extrema do glam representada por Gary Glitter e a súa banda, The Glitter Band, que conseguiron 18 sinxelos no top 10 do Reino Unido entre 1972 e 1976. Unha segunda fornada de artistas de glam rock, onde se inclúe a Suzi Quatro, Wizzard e Sparks, dominou a lista británica de sinxelos de 1974 ata 1976.

Houbo artistas, algúns deles non considerados fundamentais para o xénero, que tamén adoptaron o estilo glam, como Rod Stewart, Elton John, Queen e, durante un tempo, incluso os Rolling Stones. O punk rock a miúdo vese como unha reacción á artificialidade do glam rock, aínda que usando algúns elementos deste coma a maquillaxe e realizando versións de temas glam, e a súa aparición axudou a poñer fin á súa mode de cara ao ano 1976.

Estética glam

[editar | editar a fonte]

Se había algo que caracterizaba este estilo, era porque lle daba tanta importancia á música como á imaxe. Foi posible decidir que a estética tamén era unha parte esencial da mensaxe musical. Ante a imaxe macho-rock dominante naqueles anos, os artistas glam rebeláronse usando roupa e maquillaxe tradicionalmente consideradas femininas e adoptando unha actitude descarada, provocadora e desafiante.[1]

Marc Bolan, de T.Rex, foi o primeiro en introducir elementos como estampados de leopardo, vaqueiros, chisteras, boas con plumas e purpurina, proxectando unha ambigüidade sexual deliberada. A medida que o xénero se consolidaba, os traxes futuristas brillantes e as botas de plataforma fixéronse populares.[1]

David Bowie tamén contribuíu cunha estética única, inspirada nos travestis neoiorquinos arredor de Andy Warhol. Pola súa banda, a banda New York Dolls tamén adoptou unha imaxe glam cos seus traxes de vinilo, peiteados cardados, maquillaxe e aparencia andróxina, influíndo na estética do glam metal posterior. Así foi como se consolidou unha imaxe glamourosa e extravagante, dificilmente concibible durante unha década tan propensa ao exceso visual como os anos 70.

A teatralidade era o toque final do glamour. Bowie inspirouse directamente nas actuacións da artista Lindsay Kemp, no teatro kabuki xaponés e nas vangardas teatrais da época.[2]

Influencia posterior

[editar | editar a fonte]

A pesar de que a popularidade do glam rock foi en declive na segunda metade dos 70, foi unha influencia directa para bandas que se fixeron famosas posteriormente, como Kiss e os artistas estadounidenses de glam metal Quiet Riot, W.A.S.P., Twisted Sister e Mötley Crüe. Foi tamén a principal influencia de bandas británicas de New Romantics como Adam Ant e Flock of Seagulls, e a súa androxinia e política sexual foi recollida por grupos como Culture Club, Bronski Beat e Frankie Goes to Hollywood. Tivo tamén unha pequena influencia directa na aparición do rock gótico, que adoptou a maquillaxe, as roupas e a teatralidade. Nos anos 90, no Xapón o visual kei estivo fortemente influenciado pola estética glam rock. Dende os anos 70 o glam tivo algunhas modestas recuperacións con artistas como Prince e bandas como Marilyn Manson, Placebo, Chainsaw Kittens e The Darkness.

Cinema inspirado no glam

[editar | editar a fonte]

A parte das primeiras películas de Pedro Almodóvar que están influídas polo estilo como Pepi, Luci, Bom y otras chicas del montón (1980), tamén destacan como propias deste estilo:

  • Velvet Goldmine: é unha película de 1998 cuxa historia se basea na amizade entre dúas estrelas do glam que teñen moitas similitudes con David Bowie e Iggy Pop. A película está ambientada na idade de ouro do glam e a súa banda sonora inclúe varios clásicos do xénero, así como recreacións dos artistas de rock alternativo máis importantes dos anos 90, que renden homenaxe ao glam.[3]
  • Hedwig and the Angry Inch: película musical de 2001 que conta a historia dunha muller transexual que creceu en Berlín, admirando a David Bowie, Iggy Pop e Lou Reed, e que posteriormente emigrou aos Estados Unidos, onde fundou un grupo de glam rock.[4][5][6]
  • Jobriath AD, de Kieran Turner (2012).[7]
  1. 1 2 Ríos, Valentina (17 de febreiro de 2022). "Deconstruyendo el estilismo Glam". litmind.es (en castelán). Archived from the original on 17 de febreiro de 2022. Consultado o 16 de decembro de 2025.
  2. Auslander (2006), p. 34
  3. Auslander (2006), p. 228
  4. Holden, Stephen (20 de xullo de 2001). "FILM REVIEW; Betwixt, Between On a Glam Frontier". nytimes.com (en inglés). Consultado o 16 de decembro de 2025.
  5. Ebert, Roger (3 de agosto de 2001). "Hedwig And The Angry Inch". rogerebert.com (en inglés). Consultado o 16 de decembro de 2025.
  6. Travers, Peter (20 de xullo de 2001). "Hedwig and the Angry Inch". rollingstone.com (en inglés). Consultado o 16 de decembro de 2025.
  7. Peña, Richard (19 de xullo de 2012 [actualizado 2 de febreiro de 2016]). "Jobriath A.D.: His Time Has Come". huffpost.com (en inglés). Consultado o 16 de decembro de 2025.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]