Orquestra Vermella
Orquestra Vermella Die Rote Kapelle | |
---|---|
Ecultura de 2010 de Achim Kühn sobre a rede de espionaxe e resistencia antifascista, instalada en Berlín en 2013 | |
Tipo | Rede de espionaxe e resistencia |
Propósito | Espionaxe e resistencia antinazi |
Ideoloxía | Comunismo, antifascismo |
Campo de traballo | Intelixencia militar |
Área de operación | Europa ocupada polos nazis |
Data de fundación | 1936-39 |
Data de disolución | 1944-45 |
Fundador(es) | Leopold Trepper |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Orquestra Vermella ou Capela Vermella (en alemán: Die Rote Kapelle) foi unha rede de espionaxe formada durante a segunda guerra mundial por cidadáns alemáns e doutros países europeos contra os nazis.
Foi establecida en 1939 co obxectivo de infiltrarse nos niveis máis altos do poder militar alemán. Os membros desta rede variaban desde antifascistas de diversas orientacións políticas até comunistas e membros do Komintern. A rede estendeuse por varios países, incluíndo Alemaña, Bélxica, Francia, Suíza e os Países Baixos, e tiña ramas importantes en Berlín e París.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Creación e resistencia antifascista
[editar | editar a fonte]A Orquestra Vermella foi creada en tempos da Guerra civil española. Un dos grupos foi creado por Leopold Trepper, un xudeu polaco axente da intelixencia soviética.[2]
A Orquestra Vermella xogou un papel crítico en informar aos Aliados sobre os plans de guerra nazis, incluíndo detalles que contribuíron a frustrar a estratexia alemá na batalla de Stalingrado. A rede tamén transmitiu información que alertaba sobre a inminente invasión nazi da Unión Soviética. A eficacia da Orquestra Vermella era tal que as decisións do Alto Estado Maior Alemán (OKH) coñecíanse polos Aliados con só unha diferenza de nove horas. Estimouse que as accións da Orquestra Vermella custaron ao exército alemán entre 300.000 e 400.000 soldados.[3]
Neutralización nazi
[editar | editar a fonte]A contraintelixencia alemá descubriu a rede en 1941 en Bélxica, resultando no arresto de moitos dos seus membros e no desmantelamento parcial da organización. Os membros capturados foron sometidos a procesos xudiciais segredos, resultando en 58 condenas a morte mediante guillotina (maiormente mulleres) e forca (homes) após diversos tratos vexatorios.[4]
Leopold Trepper foi detido pola Gestapo, ofrecéronlle converterse en axente dobre e ao parecer aceptou, enviando contrainformación a Moscova, aínda que se sospeita que tiña algún método críptico para advertir aos soviéticos. En setembro de 1943 fuxiu coa axuda da Resistencia francesa, que o mantivo oculto até o final da guerra.[5]
Suzanne Spaak foi executada só trece días antes da liberación de París en 1944.[6][7]
Descubriron setenta e catro estacións da Orquestra e despois sóubose que había máis de cincocentas, as principais en Ámsterdam, Anveres, Atenas, Barcelona, Belgrado, Berlín, Bruxelas, Copenhague, Estocolmo, Gante, Istambul, Liexa, Lille, Lyon, Madrid, Marsella, Neuchâtel, Roma, Trondheim, Viena, Xenebra... Só en París había unha trintena.[2]
Ostracismo e recoñecemento posterior
[editar | editar a fonte]Despois da Segunda guerra mundial, os membros da Orquestra Vermella enfrontáronse a unha estigmatización na RFA, especialmente durante os primeiros anos da Guerra fría. Durante ese período, moitos foron considerados "criptocomunistas" e sufriron ostracismo por parte das autoridades e da sociedade, exacerbado pola rivalidade ideolóxica entre os países do bloque occidental e os da órbita soviética.[8]
A medida que a tensión da Guerra fría diminuíu, a imaxe da Orquestra Vermella comezou a cambiar, especialmente após a caída do muro de Berlín e a reunificación alemá, houbo un esforzo renovado para recoñecer o seu papel como parte integral da memoria histórica europea e honrar a contribución desta rede de resistencia antinazi.
Foron inaugurados monumentos e placas conmemorativas en súa honra en varios lugares. Entre outros, en Berlín dedicóuselle unha escultura en 2010, e en Xerusalén unha placa en Yad Vashem honra os membros da Orquestra Vermella, ao lado doutras figuras da resistencia mundial.
Algúns membros do grupo
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Museum, Stiftung Deutsches Historisches. "Gerade auf LeMO gesehen: LeMO Kapitel: Zweiter Weltkrieg". www.dhm.de (en alemán). Consultado o 2024-08-15.
- ↑ 2,0 2,1 "Red Orchestra". www.encyclopedia.com (en inglés). Consultado o 2024-08-15.
- ↑ Coppi, Hans; Danyel, Jürgen; Tuchel, Johannes (1994). Die Rote Kapelle im Widerstand gegen den Nationalsozialismus (en alemán). Gedenkstätte Deutscher Widerstand. ISBN 978-3-89468-110-4.
- ↑ Gladkov, Teodor Kirillovich (2002). "Письмо наркому (Carta ao comisario)". Лифт в разведку: "Korolʹ nelegalov" Aleksandr Krotkov (en ruso). Moscova: OLMA-Press. ISBN 978-5-224-03415-4.
- ↑ Álvarez, Jorge (2016-10-10). "Orquesta Roja, la red de espionaje soviética en la Alemania nazi". La Brújula Verde (en castelán). Consultado o 2024-08-16.
- ↑ Levin, Menucha Chana (2017-07-27). "The Socialite Heroine Of The French Resistance" (en inglés). Consultado o 2024-08-16.
- ↑ "Suzanne Spaak; Mujeres que salvaron judíos durante el Holocausto". www.yadvashem.org. Consultado o 2024-08-16.
- ↑ "Die Rote Kapelle: Rote Agenten unter uns". FAZ.NET (en alemán). 2016-01-08. Consultado o 2024-08-15.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Trepper, Leopold (1977). The Great Game. McGraw-Hill, Inc., 426. ISBN 0-07-065146-9
- Brysac, Shareen Blair (2000) Resisting Hitler: Mildred Harnack and the Red Orchestra, p. 225. ISBN 0-19-513269-6
- Guillaume Bourgeois, La véritable histoire de l'Orchestre rouge, Nouveau monde éditions, 2015
- Perrault, Gilles (1989). L'orchestre rouge (en francés). París: Fayard. p. 556. ISBN 9782213023885. Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2008. Consultado o 16 de agosto de 2024. Arquivado