Roparz Hemon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Roparz Hemon
L'Heure Bretonne - 23 mai 1942 - Roparz Hemon.jpg
Nome completoLouis Paul Némo
Nacemento18 de novembro de 1900
 Brest, Bretaña
Falecemento29 de xuño de 1978
 Dublín
SoterradoBrest, Bretaña
NacionalidadeFrancia
Alma mátersen etiquetar, Lycée Saint-Louis, Universidade de Leeds e Faculty of Arts of Paris
Ocupaciónlexicógrafo, esperantista, poeta e escritor
Naisen etiquetar
Coñecido/a porsen etiquetar e Gwalarn
editar datos en Wikidata ]

Roparz Hemon, nado como Louis-Paul Némo en Brest o 18 de novembro de 1900 e finado en Dublín29 de xuño de 1978, foi un lingüista, escritor e xornalista bretón, un dos meirandes escritores bretóns do século XX[1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi o segundo de seis irmáns dunha familia de funcionarios civís do estado, seu pai era enxeñeiro mecánico da armada francesa, e súa nai, Julie Foricher, fora institutriz. Entrou en contacto co bretón por medio do seu avo materno e dalgún empregado do servizo da casa, en especial dous foron determinantes, Mari Urien e Jeannette Omnes, que cantaban cancións e recitaban contos populares [2]. Xa en 1915 escribiu a Frañsez Vallée para recibir o periódico Kroaz ar Vretoned[3]. Despois de rematar o bacharelato en Brest en 1918, foi ao liceo Saint-Louis de París para preparar o ingreso na Escola Politécnica coa pretensión de se converter en oficial da mariña mercante mais mudou de idea tras unha enfermidade. En 1919 estivo en Buckley para mellorar o seu inglés e logo pasou un ano estudando a lingua na Universidade de Leeds. Á volta realizou o servizo militar en Vannes e alí fizo amizade con Jakez Kerrien. Tras rematar estudou dende 1922 inglés na Sorbona graduándose en 1924. Exerceu como profesor de inglés no liceo de Brest dende 1925 ata 1939.

Activista bretonante[editar | editar a fonte]

Olier Mordrel cofundador xunto con Hemon de Gwalarn

Nos seus anos en París comezou a estudar bretón no círculo céltico de París con Yann-Eozen Jarl e a partir de aí e ata a súa morte, consagrouse á defensa do bretón e ao cultivo da literatura bretoa. En 1923 publicou o seu primeiro artigo, "An diouganer", que apareceu na revista Breiz Atao so o nome de Roparz Loeiz Hemon, despois simplificado como Roparz Hemon, e que fai referencia a Rupert Brooke, poeta inglés morto na Primeira guerra mundial, e a Louis Hémon, escritor natural de Brest [4]. Escribiu numerosos artigos e estudos sobre o bretón, e traballou antes da Segunda Guerra Mundial nun Dictionnaire historique mais nunha Grammaire historique, que influíu en Jakez Riou, Youenn Drezen e Jakez Kerrien.

Gwalarn[editar | editar a fonte]

En 1925 puxo en marcha Gwalarn en colaboración con Olier Mordrel, primeiro como suplemento literario de Breiz Atao, xornal que tiña uns 200 suscriptores, pero dende o número 7 correspondente a xullo de 1926 a revista tornou independente. Era unha publicación monolingüe que pretendía dar pulo a unha literatura moderna nunha lingua anovada, rexeitando o afrancesamento da lingua e creando novas palabras para conceptos modernos e cunha gramática estandarizada. A revista tamén salientou pola importancia concedida ás traducións ao bretón da literatura internacional, cun verdadeiro programa[5] de traducións para amosar que o bretón era idóneo como vehículo dos grandes textos literarios, e como recollía o artigo de cabeceira do primeiro número "Premier et dernier manifeste de Gwalarn en langue française", asinado por Mordrel e o propio Hemon, puña a lingua como punto central da nacionalidade bretoa: "non hai rexurdimento nacional sen rexurdimento lingüístico". A importancia de Gwalarn dentro da literatura bretoa é incomensurable, revolucionou a literatura e a propia cultura bretoa[6], creando a súa propia xeración, Skol Walarn, onde se integraron os que se ían conveter nos mellores escritores desa época. A partir de 1928 comezou en Gwalarn unha sección para ensinar o bretón denominada "Skol dre Lizer", e logo "Brezhoneg ar vugale" (bretón dos nenos) e lanzou unha colección para debutantes nun bretón simple; a partir de 1932 saíu Kannadig Gwalarn, unha revista con temas máis populares. Dende finais da década de 1920 asistía regularmente ás festas da Bleun-Brug, asociación católica defensora da lingua bretoa, e alí coñeceu os sacerdotes e escritores Yann-Vari Perrot e Maodez Glanndour e aínda que Roparz era neutro en asuntos de relixión sabía que os falantes eran maioritariamente católicos prácticantes, e intentou a difusión da súa colección para nenos nas escolas católicas, mesmo a partir de 1937 asociouse con Raymond Delaporte, presidente de Breuriez ar Brezoneg er Skoliou, nos seus esforzos por difundir o bretón nas escolas católicas[7].

Esperanto[editar | editar a fonte]

Ao longo da súa vida Roparz Hemon foi un fervoroso defensor do esperanto para evitar o que denominaba "linguas imperiais " e para combater os réximes totalitarios[8]. Entre 1928 e 1930, publicou como suplemento de Gwalarn unha revista en esperanto, Nord-Okcidento, e redactou unha pequena gramática de esperanto en 1928 e mais un pequeno dicionario esperanto-bretón en 1930.

Segunda Guerra mundial[editar | editar a fonte]

Comité de dirección do Instituto Céltico

Mobilizado ao estoupar a guerra serviu no centro de intérpretes do exército en Auxi-le-Château (Somme). Un lanzachamas feriuno en Crécy-en-Ponthieu o 23 de maio de 1940 e os alemáns fixérono prisioneiro o día seguinte e internárono no hospital de Saint-Ricquier (Pas de Calais), ao pouco pasou a Berck e dende alí ao campo de prisioneiros de guerra de Alexisdorf, preto de Berlín, nun sector onde os alemáns internaban certos prisioneiros bretóns, co proxecto de favorecer ás minorías do estado francés, o que abandonaron tras o acordo de Montoire.

Liberado en agosto de 1940 volveu a Brest e continuou a publicar Gwalarn, fundou outra publicación literaria, Sterenn. O 1 de decembro de 1940 asinou o manifesto "Placet au Maréchal Pétain, Chef de l’État Français" con Régis-Marie-Joseph de l'Estourbeillon de la Garnache e Frañsez Jaffrennou demandando a Pétain que permitise o ensino do bretón na escola[9]. O luns de Pascua de 1941 un bombardeo aliado estragou a súa casa, perdendo a súa biblioteca, e os seus manuscritos e fichas. Mudouse a Guingamp ata o 1 de xullo de 1941 cando se aveciñou en Rennes. En novembro de 1940 as autoridades alemás estableceron Radio Rennes Bretagne, a primeira radio con emisión regular en bretón, bilingüe co francés, emitía primeiro unha hora semanal en desconexión de Radio-Paris e Roparz converteuse ao pouco, xa ampliada a unha hora diaria, no seu director de programación, traballou so a autoridade e control ideolóxico dos alemáns. Así e todo, deulle á emisión un forte contido cultural e intelectual. Tamén dirixiu o semanario Arvor dende 1941, e apareceron baixo o pseudónimo de Pendaran algúns artigos seus con contido antisemita [10].

O 8 de xullo de 1941 participou na comisión que buscaba a creación dunha ortografía unificada para o bretón, incluía significados expoñentes da ortografía creada a proposta de Emgleo ar Skrivagnerien en 1908 por Frañsez Vallée, entre eles Frañsez Kervella, Yann-Vari Perrot, Pêr Bourdellez, Fañch Elies Abeozen, e outros que seguían a ortografía tradicional do vannetés como Loeiz Herrieu ou Roperzh ar Mason. Chegouse a un acordo co nome de peurunvan para a nova grafía, o acordo era preciso xa que para poder ensinar a lingua nas escolas había que contar cunha norma unificada, e a fin dese 1941 autorizouse o ensino durante unha hora semanal fóra das horas lectivas.

En outubro de 1941, Leo Weisgerber nomeouno director do Instituto Céltico de Bretaña (Framm Keltiek Breizh) creado en Rennes e modelado seguindo o Deutsche Forschungsgemeinschaft [11]. Participou na constitución do expediente contra do prefecto Ripert[12], un petanista oposto a calquera concesión aos intereses bretóns[13] e que cesou en maio de 1942.

Como Bezen Perrot marchou a Alemaña en agosto de 1944[14] residindo en Marburg e . Diante o avance aliado decidiu entrar en Francia en marzo 1945[15] e o 31 a policía detívoo poñéndoo baixo prisión preventiva, ata o seu xuízo en Rennes o 15 de marzo de 1946, alí desbotouse o delito de traizón, e resultou nunha condena o 13 de maio de 1946 por indignidade nacional a degradación nacional durante dez anos, motivada polas súas actividades "separatistas"[16], e xa que logo a perda do seu status como profesor en Francia tras se converter a sentenza en firme.

Exilio[editar | editar a fonte]

Despois de vivir en París un tempo, marchou a Irlanda en xullo de 1947 establecéndose en Dublín, onde foi profesor de inglés no Institute for Advanced Studies, dedicouse á literatura, dirixiu a revista Ar Bed Keltiek e colaborou en Al Liamm (dirixida por Ronan Huon) que tomara o relevo de Gwalarn. Morreu en Dublín o 28 de xuño de 1978. O seu corpo repatriouse a Brest para soterralo o 10 de xullo. Influenciou a moitos escritores bretóns, como Per Jakez Hélias, que o admiraban polo seu traballo en Gwalarn.

Obra[editar | editar a fonte]

Ficción[editar | editar a fonte]

Teatro[editar | editar a fonte]

  • An Den a netra, 1927 ;
  • Meurlarjez, 1952 ;
  • C’hoariva, colección coas dúas pezas anteriores 1979

Novelas[editar | editar a fonte]

Relatos[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Barzhonegoù, Skridou Breiz, 1943 e 1967

Traducións[editar | editar a fonte]

  • Plac'hig vihan ar Mor (Hans Christian Andersen), Brest, Kenta Mouladour Moulerez, 1928 ;
  • Fostus an doktor daonet, Bleun Brug, 1938 ;
  • Ar Pesk Aour (1942), tradución ao bretón de Le Poisson d'Or (1863) de Paul Féval (1816-1887)
  • C'hoariva troet, Hor Yezh, 1991, ;
  • Danevelloù iwerzhonek, Hor Yezh, 1994, 110 p.
  • Barzhaz dianav ha barzhaz troet, Hor Yezh, 1997 ISBN 2-910699-21-8

Non ficción[editar | editar a fonte]

Ensaio[editar | editar a fonte]

  • La langue bretonne et ses combats, Skridou Breiz, 1946
  • Ur Breizhad oc'h adkavout Breizh, dastumad pennadoù, 1931 ha 1972

Lingüística[editar | editar a fonte]

  • Distagadur ar brezhoneg, 1928 ;
  • Précis de Grammaire bretonne, Brest, Moulerez Stread ar C'hastell, 1928.
  • Dictionnaire breton-français et français-breton. Varias edicións entre 1928 e 1970 ;
  • Yezhadur berr ar brezhoneg. Varias edicións entre 1928 e 1979 ;
  • L'Orthographe bretonne, Brest, Moulerez Stread ar C'hastell, 1929 ;
  • Cours élémentaire de breton, Rennes, 1932
  • Teñzor ar gwenedeg, Gwalarn, 1935 ;
  • Geriadurig gallek-brezhonek an troioù-lavar poblel, 1935, 1962, 1990, Hor Yezh ;
  • Grammaire bretonne e La Prononciation bretonne, Brest, Gwalarn, 1940 ;
  • Les Mots du breton usuel classés d'après le sens ; Brest, ed. de Bretagne, 1942, ;
  • Méthode rapide de breton, 1942 ;
  • Geriadur istorel ar brezhoneg, Dictionnaire historique du breton, 36 fascículos entre 1958 e 1991;
  • Cours élémentaire de breton, 1975;
  • A historical morphology and syntax of Breton, Institute for Adanced Studies, 1975 ;
  • Geriadurig gallek-brezhonek an troioù-lavar poblel, Hor Yezh, 1990 ;
  • Yezhadur istorel ar brezhoneg, posta en bretón por Alan Dipode, Hor Yezh, 1998 ISBN 2-910699-36-6 ;

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Marc Gontard (2002) Dictionnaire des écrivains bretons du XXe siècle Presses universitaires de Rennes
  2. Audio co testemuño de Roparz Hemon sobre os seus primeiros contactos co bretón
  3. Roparz Hemon ”Frañsez Vallée”, Roparz Hemon, Al Liamm 16, setembro-outubro 1949
  4. François Kervella "Roparz Hemon, hor mestr." Al Liamm 190, setembro-outubro 1978
  5. Matthieu Boyd "Roparz Hemon's Kouc'houlin" Proceedings of the Harvard Celtic Colloquium Vol. 32 (2012), pp. 30-73
  6. William Calin (2000) Minority Literatures and Modernism: Scots, Breton, and Occitan, 1920-1990. University of Toronto Press, p. 99
  7. Youenn Olier (1995) Skol Walarn, vol. I, , Imbourc'h, 1995, p. 10
  8. Ar Bed Keltiek, set. 1966
  9. Frañsez Favereau (2002) Lennegezh ar brezhoneg en XXved kantved T. I, Skol Vreizh, p. 71
  10. Lukian Kergoat e Tangui Louarn Keleir Offis ar Brezhoneg nº. 33, 1999 p 46-47
  11. Lionel Boissou (2002) "L’Allemagne et le nationalisme breton (1939-1945)", in Bretagne et identités régionales durant la Seconde Guerre mondiale, Christian Bougeard. Brest : Centre de recherches bretonnes et celtiques, p 324
  12. Henri Fréville (2004) Archives secrètes de la Bretagne Ouest-France, p. 178.
  13. Yann Fouéré (1962) La Bretagne éclartelée: essai pour servir à l'h̓istoire de dix ans, 1938-1948 Nouvelles Editions Latines, p. 75
  14. Yann Fouéré (1987) La Patrie interdite, Histoire d'un Breton, France Empire, p. 323
  15. Calvez Ronan. "Intellectuel breton et exil intérieur : Roparz Hemon d'une île l'autre ou l'exil du réel" in: Matériaux pour l'histoire de notre temps, n°67, 2002. Pour une histoire de l'Exil français et belge, sous la direction de Robert Frank. pp. 90-95.
  16. "Louis-Paul Nemo, dit Roparz Hemon" Dictionnaire mondial des littératures