Saltar ao contido

Reservas de petróleo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As reservas de petróleo son aquelas cantidades de petróleo susceptibles de ser comercialmente recuperables dos campos de petróleo descubertos baixo as limitacións económicas e tecnolóxicas actuais.

Todas as estimacións de reservas involucran incerteza, dependendo da cantidade de eventos xeolóxicos e datos fiables de enxeñaría dispoñibles e a interpretación deses datos. O grado relativo de incerteza pódese expresar dividindo as reservas en dúas principais clasificacións: reservas probadas e non probadas. As reservas non probadas pódense subdividir en dúas categorías: probables e posibles, para indicar o grado relativo de incerteza acerca da súa existencia.

Campos de petróleo

[editar | editar a fonte]

Actualmente hai en operación 40,000 campos produtores de petróleo e gas de todos os tamaños. Con todo, o 95% do petróleo do mundo esta localizado en 1500 campos xigantes. O campo máis grande descuberto é o de Ghawar, en Arabia Saudita. Outros campos non convencionais son o da franxa do Orinoco, en Venezuela, e o das areas de petróleo de Athabasca, no Canadá.

Esgotamento das reservas

[editar | editar a fonte]

Se a extracción continúa ao mesmo ritmo que no 2002, salvo que se atopasen novos xacementos, as reservas mundiais durarían aproximadamente 42 anos. Calcúlase que quedan unhas 143.000 millóns de toneladas. Hai entre 6,8 e 7,2 barrís de petróleo por tonelada, dependendo da densidade do petróleo. Xa que logo, as reservas de cru calcúlanse entre 0,97 e 1,003 miles de millóns de barrís de petróleo.

Con todo o límite das reservas podería estar máis próximo aínda se se teñen en conta modelos de previsión cun consumo crecente, como veu sendo norma ao longo de todo o século XX. Os novos descubrimentos de xacementos reducíronse drasticamente nas últimas décadas, facendo insostible por moito tempo os elevados niveis de extracción actuais, sen incluír a futura demanda dos consumidores asiáticos. Por outra banda, a maioría das principais reservas mundiais entraron en declive, e só as de Oriente Medio manteñen un crecemento sostido.

Reservas estimadas por país

[editar | editar a fonte]
Petróleo- Reservas probadas

Esta é unha lista das reservas probadas de petróleo baseada en The World Factbook, do 1 de xaneiro de 2009[1].

País Reservas Porcentaxe
1 Arabia Saudita 266.700.000.000 19,78%
2 Canadá 178.100.000.000 13,21%
3 Irán 136.200.000.000 10,10%
4 Iraq 115.000.000.000 8,53%
5 Kuwait Kuwait 104.000.000.000 7,71%
6 Venezuela 99.380.000.000 7,37%
7 Emiratos Árabes Unidos 97.800.000.000 7,25%
8 Rusia Rusia 79.000.000.000 4,45%
9 Libia Libia 43.660.000.000 3,24%
10 Nixeria Nixeria 36.220.000.000 2,69%
11 Casaquistán 30.000.000.000 2,22%
12 Estados Unidos de América Estados Unidos 21.320.000.000 1,58%
13 China 16.000.000.000 1,19%
14 Qatar 15.210.000.000 1,13%
15 Brasil 12.620.000.000 0,94%
16 Alxeria 12.200.000.000 0,90%
17 México 10.500.000.000 0,78%
18 Angola Angola 9.040.000.000 0,67%
19 Acerbaixán 7.000.000.000 0,52%
20 Noruega Noruega 6.680.000.000 0,50%

Países da OPEP

[editar | editar a fonte]
Países da OPEP.

Moitos dos países posuidores de grandes reservas de petróleo son membros da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP, OPEC, en inglés). A OPEP representa ao redor de dous terzos das reservas mundiais de petróleo, o que lles dá un papel significativo no prezo mundial do petróleo cru. Hai dúbidas sobre a fiabilidade das reservas oficiais das estimacións da OPEP, que non contan con ningún tipo de auditoría ou verificación externa conforme aos estándares.

Dado que se introduciu un sistema de cotas de produción dos países na década de 1980, baseado en parte nos niveis de reservas, houbo un aumento espectacular nas reservas que se rexistran entre os produtores da OPEP. En 1983, Kuwait aumentou as súas reservas probadas de 67 miles de millóns de barrís de petróleo (10,7 × 10 ^ 9 m³) a 92 miles de millóns de barrís de petróleo (14,6 × 10 ^ 9 m³). En 1985-1986, os Emiratos Árabes Unidos case triplicaron as súas reservas, de 33 miles de millóns de barrís de petróleo (5,2 × 10 ^ 9 m³) a 97 miles de millóns de barrís de petróleo (15,4 × 10 ^ 9 m³). Arabia Saudita aumentou o seu número de reservas comunicadas en 1988 nun 50%. En 2001-2002, Irán elevou as súas reservas probadas un 30 % ata 130 miles de millóns de barrís de petróleo (21 × 10 ^ 9 m³), adiantando a Iraq en cantidade de reservas.

Recursos non convencionais

[editar | editar a fonte]
Os recursos de petróleo non convencional son maiores que os convencionais.

Os recursos non convencionais existen en campos de petróleo que dominan toda unha grande área. Por exemplo: petróleo extra-pesado, betume natural e os depósitos de areas bituminosas.

A diferenza dos recursos convencionais, nos que o petróleo se recupera a través de pozos e polo xeral require un procesamento mínimo antes da venda, os recursos non convencionais requiren dunha tecnoloxía especializada para a extracción de produtos. Por exemplo, úsanse vapor ou disolventes para separar o betume na recuperación in situ. Ademais, o petróleo extraído pode requirir un procesamento significativo antes da venda.

A cantidade total dos recursos de petróleo non convencional no mundo supera considerablemente a cantidade das reservas de petróleo convencional, pero son moito máis difíciles e custosos de desenvolver. As areas de alcatrán, coñecidas tamén como areas bituminosas, areas de petróleo e, en Venezuela, como petróleo cru extra pesado, son unha combinación de arxila, area, auga e betume. Das areas de alcatrán extráese un betume similar ao petróleo, o cal é convertido nun petróleo cru sintético ou refinado directamente por refinarías especializadas para obter produtos do petróleo. O petróleo convencional é extraído por medio de pozos, mentres que os depósitos de areas bituminosas son extraídos usando técnicas de seccionamento de minería superficial.

Localización das Areas bituminosas de Athabasca en Alberta

As Areas de alcatrán de Athabasca son un gran deposito de betume rico en petróleo situado no norte de Alberta, Canadá. Estas areas de alcatrán son unha combinación de arxila, area, auga e betume. O depósito de Athabasca é o maior dos tres depósitos de areas situados en Alberta. A característica clave dos depósitos de Athabasca é que é o único os suficientemente superficial para permitir unha minería de superficie.

En outubro 2009, o USGS (United States Geological Survey) estimou en 513 miles de millóns de barrís de reservas extraíbles na rexión do Orinoco (Venezuela), nas condicións tecnolóxicas actuais. As areas de alcatrán do Orinoco, aínda que moi pesadas en comparación co petróleo convencional (a densidade é de 4 a 16 ° API) son menos viscosas que o das areas petrolíferas de Athabasca, no Canadá, o que significa que pode ser producido máis facilmente, pero atópanse a maiores profundidades (150 a 1400 metros). Esta nova estimación daría a Venezuela as primeiras reservas mundiais, por diante de Arabia Saudita.

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2012. Consultado o 27 de marzo de 2010. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]