Reporteiro de guerra en Iugoslavia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reporteiro de guerra en Iugoslavia
Autor/a Delmi Álvarez
Orixe Galiza
Lingua galego
Colección Narrativa
Xénero(s) Crónica autobiográfica
Editorial Edicións Xerais
Data de pub. xuño de 1994
Formato tapa branda
Páxinas 154
ISBN 978-84-7507-811-7

Reporteiro de guerra en Iugoslavia é unha obra narrativa do fotoxornalista galego Delmi Álvarez, publicada por Edicións Xerais en xuño de 1994 co subtítulo de Fotografías, vivencias e horrores dun xornalista galego nas guerras de Croacia e Bosnia. A obra é un relato autobiográfico das vivencias do autor en dúas viaxes feitas en 1991 e 1993 a Croacia e Bosnia e Hercegovina, no contexto das guerras iugoslavas, ao tempo que mandaba crónicas a La Voz de Galicia.

Trama[editar | editar a fonte]

A primeira viaxe tivo lugar durante a guerra croata de independencia, entre o 30 de agosto e setembro de 1991. Aterra en Belgrado (daquela capital de Iugoslavia) e contacta con xornalistas doutros medios. Logo de coñecer a fronte de guerra en Vinkovci e Vukovar, diríxese a Zagreb. Alí aluga un coche coa intención de ir a Osijek, tendo que atravesar numerosos puntos de control militares. Xa na vila únese a outros xornalistas de medios españois, como Julio Fuentes Serrano (El Mundo), Hertmann Terscth (El País) e Arturo Pérez-Reverte (TVE). Desde ese lugar fai pequenas viaxes a lugares como Servas, onde as tropas serbias atacan as igrexas católicas pero non as ortodoxas. Logo de ver os cadáveres da matanza de Cetekovca e de parar nunha voda en Miholac, o 7 de setembro decide regresar a Zagreb ante as ameazas das tropas serbias aos xornalistas internacionais. De camiño de volta cara a Belgrado, pasa pola costa do mar Adriático, por Petrinja, Karlobag, Gospic (na montaña) e Dubrovnik.

A segunda viaxe tivo lugar durante a guerra de Bosnia, entre o 20 de agosto e setembro de 1993. Logo de aterrar en Zagreb, diríxese a Saraxevo vía Ljubljana-Venecia-Ancona. Nada máis entrar na capital bosníaca, que nove anos atrás acollera os Xogos de Inverno de 1984, coñece as dificultades para chegar desde o aeroporto ao centro dunha cidade sitiada polas tropas serbio-montenegrinas. Hospédase no Hotel Intercontinental, xunto ao resto de xornalistas. Alí coñece o perigo dos francotiradores e a realidade diaria dos mercados negros, á que non son alleas as tropas das Nacións Unidas, que participan da corrupción. Despois deixa a capital e diríxese cara a Split e Medugorje, e desde alí cara a Mostar, vila tamén sitiada, pero por tropas de dous bandos. En Jablanica coñece varios militares galegos do exército español. Finalmente, regresa a Zagreb.

Nas dúas viaxes visitou o hospital de Vukovar, que máis tarde sería destruído polos militares serbios. O 18 de novembro de 1991 as forzas croatas ríndense ante o cruel asedio de 1200 bombas por día sobre a cidade. Os serbios levaron aos feridos e outras persoas a unha granxa de porcos en Ovcara onde mataron a 264 civís, onde coñece de primeira man soldados e vítimas inocentes, tendo unha especial atención polo soldado croata Marko Karaula a quen coñecera na primeira viaxe e co que estivera na fronte en varias ocasións. Karaula resultou ferido pola metralla dun disparo dun tanque.

Narra tamén a carencia de medios, especialmente medicamentos e alimentos, e analiza os motivos e explicacións que lle dan as persoas de diversos pobos respecto á guerra, e a existencia dun mundo paralelo que segue adiante a pesar dos contratempos e necesidades.