Delmi Álvarez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Edelmiro Álvarez Jiménez,[1] nado en Vigo en 1958, é un fotógrafo documentalista galego, máis coñecido como Delmi Álvarez.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Participou na fotobienal de Vigo en 1984 e 1986. Comezou traballando para A Nosa Terra, La Región, El País e o Diario de Galicia. En 1987 acadou o premio Fotopress por Instantáneas. Entre 1990 e 1991 estivo en Cuba desenvolvendo o proxecto fotográfico Cuba, el ultimo bastion: la lucha de un pueblo, co que acadou de novo o premio Fotopress.

Entre 1991 e 1993 estivo en Croacia e Bosnia e Hercegovina cubrindo as guerras iugoslavas para La Voz de Galicia. Entre 1998 e 2009 desenvolveu o proxecto Galegos na Diáspora[2], fotografando personalidades da diáspora galega. O proxecto foi editado en forma de libro pola Secretaría Xeral de Emigración. O autor presentou a obra na Library of Congress en Washington e na CUNY, na Universidade de Nova York, ante os emigrantes galegos que viven nesas cidades. Porén, o libro non recibiu atención en Galiza.

Sobre a Diáspora realizou tres documentais en co-produción coa Televisión de Galicia. O Rei galego de África, A última fotografía e Galegos da Guaiana venezolana. En dous destes documentais participou o xornalista galego Arturo Lezcano. Posteriormente filmou Fuga de cerebros, sobre a vida de catro parellas de científicos galegos na diáspora en Colonia, Alabama, Estocolmo e París no que falan das vicisitudes para investigar na universidade galega, as mafias, familias e demais que impiden levar a cabo traballos que sirvan de proveito para Galiza. O documental non chegou a co-producirse coa TVG aínda que existía un pacto verbal cos seus responsables, pero ao trocar a dirección foi rexeitado.

En 2012 funda o proxecto PHOTOYOUTH[3] para nenos con discapacidade e problemas económicos ou familiares. Apoiado por unha bolsa da Unión Europea (Interreg), no proxecto participaron máis de 200 nenos, profesores e escolas das cidades de Riga (Letonia), Vyborg, San Petersburgo e Pskov (Rusia), entre elas unha de nenos cegos. As imaxes finais do proxecto exhibíronse nesas cidades e en Bruxelas, ademais de publicarse nun libro.

En 2013 documentou a minería con cianuro e os proxectos mineiros que empresas canadenses estaban a levar a cabo en diferentes puntos de Europa no proxecto In the name of Gold[4]. En novembro de 2014, unha selección de imaxes do proxecto formou parte dunha exposición en Estados Unidos na universidade Yale School of Forestry Environmental Studies, baixo o título Digging Gold, conxuntamente con Larry C. Price, Ron Haviv e Robin Hammond. O evento foi organizado e co-porducido por F&ES SIGs: International Society of Tropical Foresters (ISTF), Yale Extractive Industries Working Group (XWG), Health & Environment at Yale, Environmental Justice at Yale, Latin America SIG and Africa SIG; The Earth Institute of Columbia University e The Pulitzer Center on Crisis Reporting.

Entre 2003 e 2016 documenta o movemento migratorio das persoas que se desprazan a Europa no proxecto Transmigrants[5] presentado ao público como un proxecto educativo e documental para o estudo das vindeiras xeracións.

Delmi seguindo a súa traxectoria nos proxectos etnográficos e antropolóxicos filmou aos Himba en Namibia no documental Himbas, struggle for survive, que nunca se chegou a emitir.

Actualmente estuda Antropoloxía Social e Cultural.[cando?]

Obra[editar | editar a fonte]

  • Reporteiro de guerra en Iugoslavia, crónica autobiográfica (Ed. Xerais, 1994)
  • O Camiño de Santiago. Tres edicións do proxecto sobre o camiño por diferentes fotógrafos galegos e internacionais.
  • Mar. Un libro sobre a pesca galega coa ollada de catro fotógrafos: Ian Berry e Richard Kalvar (Axencia Magnum Photos), Xulio Villarino e Delmi Álvarez.
  • Retrospectiva. Exposición e libro publicado polo Concello de Vigo.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]