República de Cracovia
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Cracovia | ||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | lingua polaca | ||||
Relixión | Igrexa católica | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 1.164 km² | ||||
Datos históricos | |||||
Creación | 3 de maio de 1815 | ||||
Disolución | 6 de novembro de 1846 | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | república | ||||
Moeda | Zlóti de Cracóvia (pt) | ||||
República de Cracovia, tamén coñecida como Cidade Libre de Cracovia,[1] foi un Estado creado no Congreso de Viena, garantido polos tres países veciños, Rusia, Prusia e Austria, que existiu entre 1815 e 1846.
Foi un remanente do Gran Ducado de Varsovia, que foi repartido entre os tres Estados anteriormente citados en 1815. E tamén foi un centro de axitación a favor dunha Polonia independente. En 1846, a raíz da fracasada sublevación contra os austríacos, foi anexionada polo Imperio austríaco.[2]
Situación inicial
[editar | editar a fonte]A República de Cracovia foi instituída en 1815 por decisión do Congreso de Viena.[3] O paladín desta proposta foi o tsar Alexandre I, que durante as negociacións entre Prusia, Austria e Rusia propuxo a instauración de Cracovia e Toruń como cidades libres.
Finalmente, Toruń quedou en mans de Prusia, mentres que Cracovia e os seus arredores instauráronse nun país "libre, independente e estritamente neutral" baixo a protección do Imperio ruso, o Reino de Prusia e o Imperio austríaco, dotado dunha certa autonomía de acordo cunha constitución, que foi redactada polo duque Adam Jerzy Czartoryski e garantida polos Estados asinantes do acordo, e que foi reformada en 1818.[3]
O novo Estado non tiña, porén, autoridade para ditar a súa propia política internacional, de modo que os seus intereses quedaron representados polos tres poderes garantes.
Deste xeito, ditos Estados aseguraban a situación perdurábel da Cidade Libre e a ausencia de tropas no seu territorio.
En contrapartida, Cracovia acubillaría a espías e desertores que fuxiran ao seu territorio.
Historia
[editar | editar a fonte]Establecemento
[editar | editar a fonte]A Cidade Libre de Cracovia foi a única parte do napoleónico Gran Ducado de Varsovia que se mantivo máis ou menos independente despois de 1815. O resto foi atribuído principalmente a Rusia (o Reino do Congreso), e secundariamente a Prusia (o Gran Ducado de Posen ou Poznan).
A data oficial de instauración do Estado foi o 3 de maio de 1815 baixo a protección das tres potencias responsábeis das reparticións de Polonia a finais do século XVIII.
Estaba formada pola cidade de Cracovia e os seus arredores.
Constitución de 1818
[editar | editar a fonte]A constitución outorgada en 1815 polo Congreso de Viena foi reformada en 1818. Unha "Comisión de Organización", formada por senadores da Cidade Libre, ocupouse de redactar a nova constitución e organizar a administración da Cidade-Estado. En particular, nomeouse unha "Comisión Campesiña" con vistas a regular o status legal destes.
Esta constitución amosaba unha certa orixinalidade, dentro das normas do Antigo Réxime dos seus Estados veciños, como a abolición da servidume, a liberdade de palabra e de reunión, a prohibición por parte das autoridades de confiscar bens e a prohibición dos arrestos arbitrarios. Garantía a igualdade de todos ante a lei e a inviolabilidade da propiedade privada, e o predominio da lingua polaca. A relixión do Estado era o catolicismo, pero os demais cristiáns tiñan tamén asegurados todos os dereitos civís, e os crentes doutras relixións, a tolerancia e a protección da lei.
O poder lexislativo exercíase por unha Asemblea de representantes da cidade, das vilas, da Universidade, da Igrexa católica e da Xustiza. O poder executivo radicaba nun Senado de trece membros: o presidente e oito senadores escollidos pola Asemblea de representantes, dous senadores nomeados pola Igrexa e outros dous senadores designados pola Universidade.
As leis inspirábanse no Código napoleónico, que estaba en vigor no Gran Ducado de Varsovia desde 1808. A lingua oficial era o polaco. A Cidade Libre podía comerciar sen taxas aduaneiras con Rusia, Prusia e Austria. A Universidade Iguelónica de Cracovia podía admitir estudantes dos territorios polacos baixo do dominio das tres potencias veciñas.
A Asemblea tiña competencias lexislativas e de control. Reuníase unha vez ao ano para aprobar os orzamentos, controlar o traballo dos funcionarios estatais e para elixir senadores e outros cargos. Porén, a constitución subordinaba a súa iniciativa á aprobación do Senado, que tiña o dereito, durante o ano seguinte, de suspender a realización das decisións da Asemblea no caso de que esta non obtivese a aprobación de, polo menos, 7/8 dos votos.
O sufraxio activo na República estaba nas mans de profesores da universidade, mestres, artistas, clero secular, directores de fábricas e talleres, comerciantes máis importantes, propietarios de pousadas e de casas que pagasen polo menos 50 zlotys de impostos de propiedade.
Aos candidatos á Asemblea de representantes e ao Senado se lles exixía ter completado estudos nunha universidade polaca. Estaban exentos desta regra os antigos funcionarios do Gran Ducado de Varsovia e os membros nomeados polos países garantes.
A Cidade Libre de Cracovia tivo o primeiro goberno republicano auténtico na historia de Polonia, e tamén foi a primeira república moderna do leste de Europa.[Cómpre referencia]
Decadencia e disolución da Cidade-estado
[editar | editar a fonte]Durante a insurrección de 1830-1831 contra os rusos,[4] Cracovia serve como base aos patriotas do reino de Polonia, que así poden recibir armas. Tras o fracaso desta insurrección, a Cidade Libre perde rapidamente a súa autonomía, cada vez con máis restricións á súa constitución. Desde 1836 a 1841, Cracovia foi ocupada polo exército austríaco.
En 1846 a Cidade sublévase contra os ocupantes austríacos,[5][6] pero a insurrección foi rapidamente reprimida e Austria anexionou o territorio de Cracovia o 6 de novembro de 1846.[7]
Xeografía
[editar | editar a fonte]A República de Cracovia creouse a partir da porción suroeste do Gran Ducado de Varsovia, na marxe esquerda do río Vístula. A súa superficie era de 1.234 km² (segundo outras fontes, 1.164) e compartía fronteiras co Imperio ruso, o Reino de Prusia e o Imperio austríaco.
No seu territorio encontrábanse, ademais de Cracovia, 224 vilas, das cales en torno ao 60 % estaban en mans privadas, e tres cidades privadas, Chrzanów, Trzebinia e Nowa Góra.
En 1815 contaba con 95.000 habitantes, e en torno a 1843, 146.000, dos cales máis ou menos o 85 % eran católicos e o resto, na súa maioría, xudeus (14 %).
A familia máis poderosa da República de Cracovia eran os Potocki de Krzeszowice, propietarios de 11 vilas. Porén, a maioría dos membros desta poderosa familia vivían en Cracovia para levar aos nenos á escola e participar activamente na vida política da Cidade-estado.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O seu nome oficial era
Cidade libre, independente e estritamente neutral de Cracovia e o seu territorio
(en polaco: Wolne, Niepodległe i Ściśle Neutralne Miasto Kraków z Okręgiem). - ↑ Degan (1997), p. 378.
- ↑ 3,0 3,1 Hertslet (1875), p. 127.
- ↑ Prince, Nancy (2011). Universitat de València, ed. Vida y viajes de la señora Nancy Prince. Trducido del original por Sergio Saiz Marín con la contribución de Carme Manuel Cuenca. p. 105. ISBN 8437084695.
- ↑ título=La France, terre d'exil 1830-1914 Arquivado 18 de maio de 2011 en Wayback Machine. Deuframat. Consultada o 6 de marzo de 2014.
- ↑ Quelques dates Arquivado 01 de setembro de 2014 en Wayback Machine. cracoviae.com Consultada o 6 de marzo de 2014.
- ↑ Blaise Knapp, Le Système préférentiel et les États tiers, Librairie Droz, 1959.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: República de Cracovia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Degan, Vladimir Đuro (1997): Developments in International Law Series. Volume 27. Martinus Nijhoff Publishers. ISBN 978-90-411-0421-2. 378
- Feuchtwanger, E. J. (1970): Prussia: Myth and Reality. Chicago: Henry Regnery Company ISBN 0-85496-108-9.
- Hertslet, Edward (1875): The map of Europe by treaty; showing the various political and territorial changes which have taken place since the general peace of 1814. Londres: Butterworths. 127
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Cidade Libre de Danzig
- Congreso de Viena
- Cracovia
- Gran Ducado de Varsovia
- Reino de Galicia e Lodomeria
- Reino do Congreso
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Republic of Cracow Arquivado 03 de xuño de 2020 en Wayback Machine. en Encyclopædia Britannica.