Ramón Torralbo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaRamón Torralbo Lanza
Biografía
Nacemento1945
Cantabria Cantabria
Datos persoais
ResidenciaSantander
País de nacionalidadeEspañola España
Formación profesionalLicenciado polo INEF
Actividade
Ocupaciónadestrador de atletismo , voleibolista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
DeporteVoleibol
Atletismo (Triplo salto, Salto de altura)
Adestrador


Ramón Torrabo Lanza, nado en Cantabria en 1945, é un deportista español que practicou o voleibol e o atletismo (nas especialidades de triplo salto e salto de altura), e despois foi adestrador de atletas,[1] entre as que destacan as satadoras de altura Ruth Beitia (á que adestrou durante 27 anos) e a promesa galega Saleta Fernández López.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Como deportista[editar | editar a fonte]

Torrallbo comezou no deporte de neno, sobre os 11 anos, cando estaba no instituto, compaxinando o fútbol, o atletismo e o voleibol durante moitos anos. Co tempo decantouse polo atletismo e o voleibol, chegando a xogar catro anos no equipo de Santander,[1] o José María Pereda, da División de Honor.[2] Ao rematar a liga de voleibol, contra o mes de abril, empezaba na pista, pero ao final decidiuse polo atletismo, no que continúa na actualidade como adestrador. Como atleta practicou sobre todo os saltos, conseguindo unhas marcas de 14,45 m en triplo salto e de 2,01 m en salto de altura.[1]

Ao rematar o bacharelato estudou na Escola Superior de Educación Física (ESEF), precedente do actual Instituto Nacional de Educación Física (INEF), e aprobou o "curso ponte" para licenciarse polo INEF.[1]

Contra os 30 anos comezou como adestrador nas categorías de menores. O que o animou a continuar neste camiño foi o feito de que algúns dos atletas que adestraba empezaron a ter bos resultados, sempre en categorías menores; un dos seus primeiros atletas foi José Antonio Beitia, irmán máis vello de Ruth Beitia, que chegou a ser campión de España júnior de salto de lonxitude, cun salto de 2 m; tamén tiña algún velocista e algún saltador de triplo ao seu cargo. O seu contacto con Ruth foi a través do seu adestrador daquela época, Juanma de Blas, cando el adestraba o seu irmán; curiosamente, Ramón adestraba para triplo salto o fillo do adestrador de Ruth. Cando ela pasaba por onde estaban o seu irmán e Ramón, sempre lle apetecía saltar, e facía algúns saltos; o sorprendente é que desde o primeiro momento o facía moi ben, era algo innato; ademais, tiña unhas condicións físicas moi adecuadas: era moi delgada e moi alta, pero naquela época o adecuado era que "fixese de todo" e chegou a ser campioa provincial de cross. Deste xeito comezou a relación de Torralbo coa olímpica Ruth Beitia,[1] á que adestrou durante 27 anos, até a retirada da atleta das competicións, cando Ruth tiña 37 anos,[2] e o 18 de outubro de 2017 o anunciou debido aos problemas físicos derivados da artrite reumatoide que padece.[3]

Traxectoria académica[editar | editar a fonte]

Torralbo desenvolveu un labor docente na Facultade de Educación da Universidade de Cantabria (UC), vinculado á área de Educación Física. A súa actuación foi moi importante na formación de mestres especialistas nesta disciplina.[4]

Outras actividades[editar | editar a fonte]

Fóra do ámbito académico Ramón Torralbo dirixiu a Escola Municipal de Atletismo do Concello de Santander, e é membro do comité técnico da Real Federación Española de Atletismo. Deportista e formador de deportistas, é adestrador nacional de voleibol e de atletismo. Director deportivo de atletas de primeiro nivel, destaca a atleta cántabra Ruth Beitia. Tamén dirixe deportistas como David Bolado, campión de España absoluto de salto de altura e a atleta galega Saleta Fernández, campioa júnior de salto de altura en 2016.[4]

Recoñecementos e distincións[editar | editar a fonte]

O 27 de xaneiro de 2017 a Universidade de Cantabria, na festividade do seu patrón, San Tomé de Aquino, no Paraninfo, celebrou un solemne acto académico presidido polo reitor da UC e ao que asistiron as primeiras autoridades académicas, locais e rexionais, encabezadas polo presidente do Goberno de Cantabria, Miguel Ángel Revilla; entre outros recoñecementos, entregouse a Medalla de prata da Universidade a Ramón Torralbo Lanza. Na decisión de conceder esta Medalla ao profesor Ramón Torralbo tivéronse en conta fundamentalmente dous aspectos: a traxectoria académica e a súa notoriedade no ámbito deportivo nacional e internacional.[4]

O 28 de setembro de 2017, o Concello de Santander distinguiu a Ramón Torralbo, ex-director da Escola Municipal de Atletismo e adestrador da atleta Ruth Beitia, co galardón "Unha vida dedicada ao deporte", nunha homenaxe celebrada no marco da V Gala do Deporte Base de Santander, que tivo lugar no Palacio de Exposicións da cidade.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Real Federación Española de Atletismo. Entrevista con Ramón Torrabo Arquivado 01 de setembro de 2018 en Wayback Machine.. Consultada o 1 de setembro de 2018.
  2. 2,0 2,1 "Ramón Torralbo, el técnico que nunca discutió con Ruth Beitia en 27 años" ABC, 23 de outubro de 2017. Consultado o 1 de setembro de 2018.
  3. Fernández, Pedro (18 de outubro de 2017). "Ruth Beitia anuncia su retirada". Marca. Consultado o 1 de setembro de 2018. 
  4. 4,0 4,1 4,2 La UC celebra a su patrón, Santo Tomás de Aquino Arquivado 01 de setembro de 2018 en Wayback Machine.. Consultada o 1 de setembro de 2018.
  5. Santander distingue a Ramón Torralbo por una vida dedicada al deporte base Arquivado 01 de setembro de 2018 en Wayback Machine.. Web do Ayuntamiento de Santander. Consultada o 1 de setembro de 2018.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]